Construción dunha neveira con pezas recuperadas de ordenadores vellos

Uns alumnos voluntarios de primeiro de BAC propuxéronse construír unha mini-neveira con materiais reciclados. Alá polo mes de outubro de 2015 puxéronse ao choio co asunto. Durante un mes estiveron a traballar intensamente nos intres libres e ao final obtiveron un rotundo éxito.

Para construír a neveira empregaron as fontes de alimentación, ventiladores e disipadores de calor de computadores vellos destinados á reciclaxe. Contarémosvos como o conseguiron.

007

Para empezar, montaron unha caixa de material illante (porexpan, poliestireno expandido), que contiña no seu interior outra caixa de polietileno a modo de colector de alimentos. Ambas as caixas, unha dentro da outra, pechábanse coa súa correspondente tapa o mellor posible, para evitar fugas de aire e transmisión de calor cara a dentro do recipiente.

Unha vez construída a estrutura plástica efectuouse un buraco rectangular onde se axustou un disipador de calor, deses que levan os computadores sobre o seu núcleo ou procesador. Este obxecto é de aluminio e posúe unha cara plana e outra reticulada. Serve para refrixerar o núcleo que se quenta moito mentres funciona. Axustámoslle un ventilador sobre as láminas metálicas para mellorar a evacuación de calor, aparello que tamén obtivemos dun computador estragado. Na cara plana do disipador colocamos un módulo Peltier, que é un dispositivo electrónico que transforma directamente a corrente eléctrica en frío/calor. Resulta que unha plaquiña Peltier está construída por centos de semicondutores polos que pasa unha corrente de doce voltios e de catro ou cinco amperios. Ao pasar a corrente, unha das caras do Peltier arrefríase e a outra quéntase. Se somos capaces de transferir a calor da cara quente ao exterior e dirixir a cara fría cara ao interior da cámara frigorífica, acabariamos tendo unha neveira.

013

Colocamos outro ventilador interno sobre a cara fría do Peltier para facilitar a transmisión do frío polo interior da caixa onde vai colocado.

Todo este equipo funciona grazas a unha tensión de doce voltios de corrente continua. Pensamos en obtela dunha batería dun coche pero sabiamos que se ía a esgotar pronto. Volvemos recorrer á reciclaxe, nesta ocasión empregando a fonte de alimentación do computador estragado. Este aparello produce ata 100 watios de potencia en doce voltios, 40 watios en cinco voltios e 20 watios en tensión de 3 voltios. Ademais ten a vantaxe de xerar corrente continua estabilizada, é dicir, corrente moi parecida á dunha pila, cunha tensión practicamente constante. O problema é que o Peltier consome moita potencia e non se pode regular este consumo, podendo chegar a fundirse se non se limita. Por este motivo colocamos á saída de doce voltios da fonte de alimentación un aparatiño que se chama DIMMER. O dimmer permite controlar a potencia liberada sobre o módulo Peltier e así producir máis ou menos frío.

O resultado definitivo é unha neveira portátil que pode funcionar acoplada a 220 voltios (ou a 12 voltios) e que ten unha potencia de arrefriado de case 50 W, capaz de poñer a cámara de 40 litros a 4 °C nunhas poucas horas.

011

Construción dun galiñeiro

Durante este curso propuxémonos construír un galiñeiro para colocar xunto á horta. Na zona onde están as froiteiras hai espazo suficiente para que coman e vivan unhas dez galiñas. O motivo fundamental desta actuación é dedicar máis tempo ao coidado dos animais.

Démonos conta de que o noso proxecto ambiental era deficiente en canto a interese cara á os animais. Isto é debido a que coidar animais esixe moita máis atención que atender o campo en xeral.

011

A nosa idea consiste en manter un pequeno curral durante todo o ano coa menor presenza humana posible. Para conseguir este obxectivo deseñamos un galiñeiro que reúne tres requisitos fundamentais:

  1.  Debe manter as galiñas a cuberto.
  2.  Contén os lugares de posta de ovos.
  3.  Debe proporcionar auga e comida suficiente para unha semana.

Ademais proxectamos esta obra de tal forma que fose fácil de transportar e montar. Consiste nun deseño modular que permite separar zonas dunha peza e que ademais facilita a limpeza e o mantemento en xeral.

 

Materiais

Para construír este galiñeiro empregamos madeira natural de piñeiro tratada en autoclave. Este tipo de madeira é resistente ás inclemencias e resulta moi adecuada para conseguir un resultado armonioso e funcional.

En total encargamos material por un valor de 500 € que inclúe as seguintes pezas:

  1.  dez postes de madeira 75×75 mm e 2,40 m de longo.
  2.  40 táboas de 150 mm de ancho e 2,40 metros de longo.
  3.  10 táboas machiembradas de 95 mm de ancho e catro metros de longo.
  4.  30 listóns de 50×40 mm e 3 metros de longo.
  5.  6 listóns de 40×15 mm e 2,40 metros de longo.
  6.  Dous paquetes de tégola americana para cubrir o tellado.
  7.  Parafusos, ángulos, bisagras e outras pezas metálicas de suxeición.

 

013Deseño

Planificar axeitadamente unha obra esixe ter un deseño acertado. No noso caso o asunto complicábase ao ser uns rapaces inexpertos os que debían construír a obra. Realizamos varios bosquexos de aproximación no encerado para explicar aos alumnos os detalles da construción.

Tamén nos serviu o debuxo para perfeccionar detalles e corrixir erros. Efectuamos o deseño definitivo mediante unha aplicación informática (Qubism) que funciona baixo o sistema operativo Android, e que se pode executar en calquera smartphone ou tableta. Como podedes apreciar nas seguintes imaxes o resultado axustáronse moito aos obxectivos que pretendiamos conseguir e ao material que compramos.

037

 

025