Cultivo dunha «horta solidaria»

Un xeito de levar á práctica as ideas anteriormente expostas é cultivando entre todos unha horta solidaria. Para os nosos alumnos foi unha auténtica sorpresa cando souberon a nova. Todos querían colaborar, sen excepcións, canto antes. O tempo tan húmido dos tres primeiros meses deste ano 2013 impedíronnos empezar coa horta antes do mes de abril. Tamén ós labregos estiveron amolados polo mesmo asunto polo que aprendemos a resignarnos. Non se pode ir contra da Natureza e temos que aceptar as súas circunstancias adversas, debemos adaptarnos a elas (creo que este era un dos principios que rexen a evolución que, por suposto, tamén nos afecta ós seres humanos)

A idea da horta xurdiu dos contactos que temos con colaboradores de Caritas que nos falaron da posibilidade de pedir fincas que quedan en desuso nas aldeas para cultivo solidario. Os mesmos demandantes de caridade son os que as traballan para recibir despois o beneficio de xeito proporcional o grao de colaboración.

Sostibilidade

Cultivar unha horta de xeito tradicional é un xeito de recuperar costumes que se van esquecendo co tempo pero que noutrora serviron para manter un xeito de vida en simbiose coa Natureza. A horta en Galicia sempre foi sinónimo de neveira, de despensa, en xeral de “supermercado”. En calquera época do ano a xente podía botar man dunhas verzas, duns repolos, recoller patacas ou mesmo froita no outono. Nas aldeas, vilas e cidades había hortas que servían para o autoconsumo e para sacar unhas “perras” no mercado ou na feira. A xente sobrevivía grazas as hortas.

Integración na biodiversidade

As hortas galegas constitúen un mosaico rico en especies vexetais, un cadro multicor, un collage que relaxa o espírito de quen coida e ve medrar o seu traballo. Porque as hortas teñen que estar ben arranxadas, ben regadas, coa terra aireada e sen malas herbas. O labrego non só busca o sustento da horta senón que se converte en artista, en creador, en experimentador, en biólogo. Quixemos aprender da humildade do labrego que debe conseguir o propio sustento co traballo cotiá, constante e creativo.

De orixe natural

Na actualidade parécenos que todo se pode obter botando a man sobre os andeis dos comercios que se fornecen da industria que produce artigos hixiénicos, esterilizados, ben conservados e cun márqueting impecable. Lonxe estamos daquelas patacas cheas de terra ou das mazás con bicho ou das leitugas metidas nun plástico. Coa nosa horta queremos recuperar esta conciencia natural, máis humana, de que os alimentos non proceden das fábricas, de que as cousas que nos ofrece a Natureza para comer non veñen envoltas en plástico e que tampouco son impolutas.

Ecoloxía

Aprendemos a manter a nosa horta libre de sustancias agresivas que despois poidamos inxerir por ser asimiladas polos vexetais. Moitas veces non somos conscientes de que a agricultura extensiva procura maiores producións a costa de empregar técnicas agresivas co medio ambiente e mesmo coa saúde. Nós non imos empregar nin pesticidas nin fitosanitarios de tipo sistémico pois estes introdúcense nos organismos vexetais e convértenos en velenosos para as pragas e tamén, tal vez, para os seres humanos. Se temos algunha dificultade con algunha praga ou peste o que faremos será empregar recursos biolóxicos como pode ser a folla do tomate esmagada, que repele ós insectos, ou sustancias pouco agresivas coma o sulfato de cobre para evitar os fungos. A nosa horta é ecolóxica.

Cooperación

Un traballo comunitario precisa do coidado de todos: o que un fai non debe ser destruído por outro. Necesitamos organización e control, estar dispostos a respectar o traballo dos demais e tamén a que o noso sexa corrixido. Levar unha horta precisa dun aprendizaxe de rutinas como quitar herbas, regar sen pasarse, podar, rarear, airear a terra, suxeitar… Uns farán estas tarefas con máis habilidade e acerto que outros pero todos debemos colaborar en que sexan actividades sumativas.

A responsabilidade de obter colleita radica en todos, na boa organización, na cooperación, no esforzo colectivo.

Solidariedade

¿E que se pode facer? Pensamos que a mellor maneira de comprometer ós nosos alumnos é orientando o seu traballo en beneficio dos máis necesitados. Traballar polos demais é moito máis gratificante que facelo para un mesmo, sobre todo cando se fai para paliar unha necesidade. O altruísmo parte da base de identificación co próximo, de poñerse na pel do outro e comprender que podiamos estar na súa situación. Nese caso, no de vernos en necesidade,  simplemente nos gustaría que os afortunados se lembrasen de nós e que nos tivesen en consideración. Sabemos que non imos acabar co problema da pobreza pero sentímonos parte da solución e non parte do problema. Queremos que o noso pequeno gran de area, que a nosa iniciativa sexa contaxiosa, para que haxa outros que colaboren e formen outro anaco de solución.

Proxecto

Antigamente o Seminario de Lugo tiña unha horta propia, de aproximadamente unha hectárea, que se empregaba para obter recursos agrícolas e para manter algo de gando. Eu lembro como nos anos oitenta do século pasado aínda se facía a matanza do porco e había galiñas e coellos dentro do recinto do Seminario. Pero esta horta desapareceu no inicio do século XXI cando o urbanismo de Lugo esixiu converter esta zona verde en terreo edificable.

Nestes meses do curso 2012-2013 buscamos algún xeito de manter ós rapaces en contacto coa natureza. As saídas de paseo non parecían algo suficiente para manter o pulo e a motivación dunhas mentes inquedas que necesitan de innovación. A ocasión de cultivar a horta xurdiu cando Ramón Jacobo, párroco de Santa Comba no concello de Lugo, propúxonos plantar algúns árbores na horta da reitoral que estaba a restaurar. El tiña coñecemento de que outros anos plantaramos con Voz Natura noutros lugares e pensou en que lle podiamos botar unha man. Cando fomos de visita a Santa Comba démonos conta de que podiamos complementar a plantación de árbores co cultivo dunha horta. Anos atrás xa houbera horta naquel lugar pero, co falecemento do párroco anterior, todo aquilo foi a pique. Isto é unha mostra máis da extinción do mundo rural galego polo avellentamento da poboación, pola falla de relevo xeracional e polo abandono das tarefas agrícolas en troques doutras máis urbanas e industriais.

Empezamos coas tarefas a finais de marzo. En canto o tempo nos deu unha tregua puxémonos mans á obra desbrozando a maleza que invadía o recinto de aproximadamente 1000 metros cadrados. Recollemos o estrume e amoreámolo para unha queima posterior.

Uns días despois empezamos coa tarefa de quitar as herbas, reviralas, soterralas. Empregamos os restos vexetais como abono e tamén os soterramos facendo uns regos, co sacho e o legón. Este traballo tan duro levárono a cabo 12 alumnos de 4º de ESO que acabaron coas mans cheas de bochas. Mentres tanto outros levantaron un emparrado que estaba tirado no chan suxeitándoo firmemente con postes e travesas de madeira. Tamén acabaron de desbrozar a carón dos muros e podaron as árbores que o precisaban. Outros plantaron 20 árbores froiteiras no mesmo terreo. Tamén puxeron unha ducia de tomates e pementos. Despois do esforzo realizado fomos refrescarnos a un restaurante próximo onde o cansazo se manifestaba máis canto maior era a idade.

Noutra xornada de tarde os alumnos de segundo de ESO plantaron hortalizas: leitugas, verzas, repolos, sandías e xudías. Para estas últimas tivemos que buscar uns varais ó pé do río. Moito traballo nos custou conseguilas. Despois cravámolos no chan de a tres para que soporten ben o peso das gabeadoras. Tamén acondicionamos un anaco máis de pradería para estender a horta ata os 100 metros cadrados. Algúns rapaces dedicáronse a quitar hedras dos muros e outros a recoller restos de paus que quedaban polo chan.

Noutras visitas facemos traballos de mantemento, regamos e revisamos o estado da plantación. De momento non tivemos que sulfatar nin facer uso de pesticidas e agardamos non ter que empregalos. Esperamos que a finais de maio xa poidamos recoller as primeiras leitugas e algunhas xudías. O resto da produción obterémolo en xuño e xullo. Daquela contamos coa colaboración de Ramón para regar e recoller os froitos cando o curso teña xa rematado. O destino dos froitos da horta será o comedor social San Froilán de Lugo pero creo que nós tamén probaremos algo do que sementamos.

O acuario – Cría e reprodución de peixes cebra

O peixe cebra (danio rerio), un pequeno peixe orixinario do sueste asiático, é utilizado como organismo modelo para experimentación en diversas áreas de investigación como a biomedicina, a acuicultura ou a alimentación. Xunto co rato son os organismos modelo por excelencia dentro dos vertebrados.

Algunhas das principais características que fan ao peixe cebra unha especie de gran interese son o seu pequeno tamaño, as elevadas descendencias obtidas cun tempo xeracional moi curto (3 meses) e unha fertilidade relativamente alta que permiten un fácil manexo, a custos moi reducidos, de grandes cantidades de individuos. Ademais, a fecundación é externa, o que permite que se poidan dirixir as cruces, dando lugar a embrións transparentes nos que se pode seguir e analizar todo o proceso de formación de órganos.

O xenoma do peixe cebra está secuenciado por completo e achouse unha gran similitude co xenoma humano. O coñecemento do seu xenoma permitiu a procura e xeración de organismos mutantes nos que se pode estudar con todo detalle a actividade de multitude de xenes in vivo, xa sexa de variantes xenéticas da propia especie, como xenes de interese de diferentes especies.

A posibilidade de utilizar nas aulas especies animais que permitan pór en práctica de maneira sinxela o método científico e, coñecer ao mesmo tempo novas tecnoloxías biolóxicas para experimentación, supón un achegamento ao mundo da investigación co propósito de incentivar as vocacións científicas.

OBXECTIVOS

– Manexar no laboratorio o peixe cebra como organismo modelo de experimentación e o seguimento do seu ciclo biolóxico.

– Coñecer as novas tecnoloxías xenéticas (transxénese e xenotrasplantes) a través dunha ferramenta virtual que achega aos alumnos aos últimos avances da ciencia.

– Adquirir un vocabulario científico técnico tanto en castelán como en inglés, que lles permita ser capaces de entender un texto científico básico.

– Deseñar novos experimentos cun organismo modelo e aplicando as tecnoloxías xenéticas.

– Xerar un achegamento á ciencia de maneira práctica e innovadora mediante un acuario na aula e un laboratorio virtual.

– Concienciar aos alumnos das posibilidades profesionais da ciencia, e da importancia da mesma para o desenvolvemento socioeconómico dun país.

– Fomentar o debate na aula achega do coñecemento científico e as súas implicacións éticas no desenvolvemento de novas tecnoloxías.

 METODOLOXÍA

-Este proxecto desenvólvese mediante un acuario na aula e un simulador pedagóxico (laboratorio virtual).

-Introducimos no acuario oito femias e catro machos adultos, os cales se distinguen perfectamente xa que os machos son máis delgados e as femias máis grosas porque teñen os ovos na súa barriga. Unha característica dos peixes cebra é que son case transparentes e podemos ver facilmente os seus órganos internos. Se miramos ás femias fixamente podemos ver os seus ovos na barriga.

-A alimentación realízase 2 veces ao día (9:00 da mañá e 8:00 da tarde) con escamas de peces.

-Mantemos sempre a temperatura constante a 28ºC xa que son peixes de auga quente.

-A depuradora consta de varios filtros, de esponxa fina, grosa, de carbón activo, os cales se limpan semanalmente con auga e substitúense cada 3 meses.

-Engadimos canicas no fondo do acuario para simular pedras de canto rodado e algunha planta artificial.

-Mantemos o ciclo de día-noite de 14 horas de día e 10 horas de escuridade, é moi importante manter este ciclo de día-noite para obter os mellores resultados na fecundación.

-Limpeza semanal do acuario: retiramos o 20% de auga do acuario e substitúese por auga limpa á que lle engadimos 10 ml de acondicionador, tamén limpamos as paredes do acuario cun imán, así como todos os elementos accesorios do acuario.

-Unha vez á semana engadímoslle 10 ml de antialgas.

-Cada 2 meses facemos a limpeza completa do acuario cambiando toda a auga (40 litros)

-Realizamos varios cruzamentos:

1) Mediante unha “parideira” separamos 4 femias e 2 machos deixando flotar a “parideira” no acuario. Mantivemos separados aos machos e ás femias durante 10 horas en escuridade para que as feromonas liberásense. Ao día seguinte, ao pór a luz e quitar o separador de machos e femias, puidemos ver como se realizaba a fecundación, o macho dáballe unhas rabexadas á femia na barriga para avisala de que era o momento de liberar os ovos e a continuación o macho liberaba o seme.

2) Puxemos un recepente de cristal na base do acuario recuberto por unha rede, este recipiente colocámolo á noite e retirámolo á mañá seguinte, igual que antes mantendo as 10 horas de escuridade. A rede colocámola para evitar que os peixes se coman os ovos.

3) Puxemos un recipiente de cristal na base do acuario con canicas no fondo, este recipiente colocámolo á noite e retirámolo á mañá seguinte despois de 10 horas de escuridade. As canicas colocámolas para evitar que os peixes se coman aos ovos.

-Os ovos obtidos pasámolos a unha placa “petri” por decantación e así os días seguintes puidemos observar ao microscopio as distintas etapas desde ovo-larva e adulto.

-Utilizamos un simulador pedagóxico, cada alumnos realizou distintas probas prácticas co computador relacionadas coa limpeza do acuario, uso de material de laboratorio, prácticas das leis de Mendel, transxénese, xenotrasplantes… conseguindo unha puntuación segundo o número de acertos e fallos obtidos para así conseguir o trofeo de ouro, prata ou bronce.

O noso viveiro

O viveiro partiu dunha idea de Pedro, o “manitas” do Seminario. Conseguiu facerse con moitas macetas e sementeiros para poder conseguir tomates, pementos, leituga, fresas e algunhas cousas máis. E abofé que medran as plantiñas. O lugar que escolleu para este proxecto foi un alpendre cuberto con pranchas de policarbonato transparente que permiten o paso da luz ambiente pero impiden a fuxida da calor. Deste xeito a temperatura no local mantense 10 graos ou máis por enriba da ambiental.

Agora, coa chegada da primavera, as sementes de moitas hortalizas necesitan auga e unha calor intensa para brotar. Os pementos, por exemplo, son moi duros en saír pois tardan entre unha semana e quince días en botar as primeiras folliñas. Ás veces é preciso colocar os tarriños onde se colocaron as sementes sobre radiadores de calor para que non “enfríen”. Os tomates  son menos esixentes pero, con todo, tamén lles gusta a calor.

No viveiro hai pementos de tres clases: de Arnoia, do Padrón e morróns, en total unhas 80 plantiñas. Tomates temos de dúas clases: Raf e Cherry.

A morfoloxía do tomate Raf é especial e moi característica. É un froito de forma irregular con profundos regos que terminan no centro, de forma ovalada e achatado polos extremos. Estes regos fano moi recoñecible e dan fe da súa calidade. A súa cor é dun verde intenso con pinceladas que se aproximan ao negro no seu parte superior.

No seu interior atópase a polpa cunha coloración rosácea, de textura compacta moi firme e zumenta, carnoso e con sementes pequenas. É consistente e, polo xeral, ten un delicioso sabor doce debido ao equilibrio entre os en azucres e a acidez de tipo cítrica e málica. A maduración prodúcese de dentro a fóra.

A tomateira raf é unha planta vigorosa que pode producir tomates de máis dun kg de peso. A súa envergadura natural pode acadar os 4 m mentres que en produción de cando en cando déixaselle pasar do metro e medio.

O Cherry é unha variedade moi apreciada culinariamente. Son eses tomatiños pequenos que parecen cereixas, ideais para consumo en fresco. Necesita entutorado pois a planta medra e ramifica moito. O froito é unha bola pequena, dun tamaño pouco maior ao dunha cereixa. Require grandes cantidades de luz e auga.

Nesta imaxe podedes ver a ristra de tomatiños que produciu esta planta que cultivamos o ano pasado. Aquí tamén podedes apreciar o sistema de rega por goteo e o cultivo en macetas no interior do local.

Tamén aproveitamos as leitugas e as fresas que se cultivan en macetas.

Toda esta produción sostense grazas ó abono que conseguimos ano tras ano na compostadora que nos facilitou xa hai tempo Voz Natura. Aquí metemos detritos, follas e restos alimentarios que imos atopando. Fermentan e, ó cabo dun ano temos un compost de primeira calidade.

Cultivamos áloe vera

Unha pequena planta de áloe vera traída por un alumno ao Seminario produciu centos de plantas nestes anos. O Seminario parece ser que é un lugar adecuado para o seu desenvolvemento e reprodución.

Ao longo de todos estes anos fomos coñecendo as características desta planta, a súa historia, a súa composición, propiedades e o que é máis importante experimentamos con algunha das súas aplicacións.

Para a súa difusión, na festa de fin de curso, todos os anos regalamos unha planta para cada familia.

PROPIEDADES

Nutritivo inhibidor da dor antiinflamatorio

Cicatrizante Bactericida dixestivo

Depurador rexenerador celular antibiótico

Antiséptico coagulante antiviral

É un incrible antitóxico e antimicrobiano. É analxésico e anticoagulante. É un estimulante do crecemento celular. Actúa eficazmente contra as dores dentais e das enxivas, neuralxias, aftas, larinxite, disfonía, amigdalite, anxinas, placas e calquera afección bucal ou farínxea. Cura as feridas necrosantes, como as queimaduras, rexenerando os tecidos e cicatrizándoos.

Alivia a dor dos golpes, escordaduras, luxacións, dores musculares, artríticos e reumáticos, os pés cansos, cura as feridas cortantes, o herpes, tíngaa, as infeccións producidas por estafilococos e outras infeccións bacterianas como a gastroenterite, colite, enterocolite, vaxinite, cólera, disentería, sífilis e outras enfermidades venéreas. Cura as feridas das enfermidades eruptivas como o sarampelo, a varicela ou a escarlatina xa que as súas propiedades antiinflamatorias reducen a picazón e evita que se rasquen as vexigas. Poden tratarse as verrugas, as frieiras, o eccema, a psoríase, a dermatite seborreica, a erisipela, o pé de atleta, os callos, as picaduras de insectos, arañas, escorpións, serpes, medusas…

Reduce os efectos das alerxias, indixestión, acidez estomacal, gastrite, úlceras duodenais e estomacais, úlceras oculares, hemorroides e afeccións do aparello dixestivo.

É un gran antiviral. Emprégase contra a gripe, a hepatite, pneumonía vírica e meninxite vírica. Reforza o sistema inmunolóxico e no caso da SIDA evita que o virus se estenda polo organismo, axudando aos enfermos a recuperar a vitalidade e os niveis enerxéticos normais.

Equilibra a tensión arterial, diminúe o risco de infarto. É bo contra a pinga, as xaquecas e migrañas, a halitose ou insomnio. Tonifica o organismo e abre o apetito. É antioporose e antidiabética. Calma a dor das varices.

Cría de animais domésticos: «O curral»

Estas pitas de Mos que vedes na foto foron criadas polos alumnos de 1º e 2º de ESO desde que eran ovos.

Fabricaron unha incubadora e mantiveron os ovos a 28 ºC durante tres semanas.

galiñeiro_02

Houbo que darlles a volta todos os días (ou case) porque senón os pitiños desenvolverían malformacións que lles impedirían vivir. A Natureza é moi sabia e, por iso, as galiñas fano instintivamente no niño metres están chocando. Aquí tedes o invento aínda cos ovos dentro.

incubadora 01

 

Tivemos que construirlles ós pitiños unha casiña quente para que non morreran de frío. A galiña méteos debaixo do seu corpo para darlles calor. Nós tivemos que cambiar a mamá galiña por unha lámpada de 20 watios, desas de filamento incandescente, porque as de baixo consumo non serven porque non desprenden calor.

incubadora 02

 

Os pitos comen ben e  medran rápido. Dos seis que naceron sobreviviron catro e son negros coma o carbón. Parecen corvos.

incubadora 03

Ó principio tiñámolos metidos na aula de ciencias onde deixaron unha profunda pegada… olorosa. Construímoslles unha terceira casa: o galiñeiro do patio. O malo foi adaptarse porque tiveron que pasar dos acolledores 20ºC da aula ós xélidos -2ºC da noite luguesa. Menos mal que xa criaran plumas para soportar a friaxe. Foi moi curioso porque cando as ceibamos xuntáronse nun grupiño e piaban como chamando por alguén que lles axudase. Non eran capaces de meterse no caseto e así pasaron a noite fóra. Tardaron dous días en meterse para adentro. Seguro que iste comportamento ten moito que ver coa falta dunha galiña que as criase e lles transmitise o ensino de supervivencia.

galiñeiro_03

 

Bienvenidos al proyecto «EnCargados»

En esta nueva edición del programa Voz Natura nos vamos a poner las pilas. Hemos enfocado nuestros proyectos hacia el desarrollo de alternativas energéticas y de consumo de recursos tal que sean realistas, que proporcionen resultados satisfactorios y que, al mismo tiempo, sean respetuosas con el medio ambiente. Queremos ser creativos y por eso os adelanto algunhas de las ideas que estamos llevando a cabo:

1.- Cultivo de una huerta solidaria

2.- Cria de animales domésticos: «El corral»

3.- Estudio de genética con peces: «Los peces cebra»

4.- Los cuidados del viñedo y la obtención del vino

5.- Métodos alternativos de obtención de energía: «Batería con aluminio del bocadillo»

6.- Trabajos con plásticos biodegradables.

7.- Reforestación con especies autóctonas.

Sólo esperamos contagiaros de nuestro optimismo.