Traballos na Horta Solidaria durante o curso 2015-2016

Os Terrícolas do Seminario de Lugo estivemos realizando unha morea de cousas durante este curso. Algunhas completámolas no Centro e outras no exterior. Ímonos adaptando ao que o tempo nos permite. Durante o curso 2015 – 2016 estivemos pendentes de varios proxectos, uns de mantemento e outros que requiren altas doses de esforzo ata chegar a culminalos con éxito.

Esperamos que a ilusión e o esforzo depositados por todos os que, dun xeito ou outro, participamos nestas actividades se vexa recompensado en motivación e orgullo. Todos estes traballos requiren de moito tempo extra que hai que sacar dos ratos libres. Estamos convencidos de que non é tempo perdido, de que os nosos alumnos aprenden moito máis co exemplo que coa teoría.

En certo modo, cando transmitimos os nosos coñecementos ás novas xeracións, pretendemos educar ás persoas en xenerosidade e lograr uns profesionais competentes. Esta idea básica, esencia da boa educación, só se consegue con dedicación e xenerosidade. Ambas as dúas virtudes son imprescindibles para inculcar nos nosos alumnos a cultura do esforzo e da eficiencia, valores ultimamente moi deostados.

A continuación expoñémosvos algunhas actividades que nos foron ocupando todo un curso de dedicación ao medio ambiente. Esperamos que vos gusten.

011

Coma estes últimos anos, procuramos ampliar a nosa horta para obter un beneficio maior. Agora temos un campo de cultivo con capacidade de rega e tamén un invernadoiro. O ano 2015 foi moi cálido respecto dos estándares galegos. Isto permitiu alongar o tempo de produción ata o mes de novembro. Este ano fixemos a comparativa de que é máis produtivo, se o terreo ao aire libre ou o invernadoiro. Resultou moito mellor o último e tratamos de saber por qué.

Comezamos o curso 2015 no mes de setembro, despois dun verán moi soleado. A horta necesitou máis rega que nunca. De feito tanto tivemos que regar que no mes de agosto quedounos o pozo sen auga durante unha semana. Démonos conta porque a bomba extractora descebouse e non sacaba auga. O profesor de Tecnoloxía tivo que buscar a maneira de cebala de novo desde que o pozo xuntou un pouco máis de auga. Esta seca tivo varias consecuencias nos nosos cultivos:

1.- Adiantou a produción de espinaca, leituga, tomates e pementos.

2.- O tamaño dos froitos foi grande ao principio, no mes de xullo, e despois foi minguando ata chegar a finais de setembro, no que volveu a aumentar.

3.- O outono resultou máis produtivo do habitual. Recollemos moitos pementos e tomates (uns cen kg de cada cousa).

4.- O invernadoiro permaneceu aberto dun lado durante todo o verán. A pesar de que poida parecer contraditorio, o invernadoiro eleva máis a temperatura do ambiente co plástico protector pero evita as correntes de aire, polo que a humidade no solo foi mantida con maior eficacia que no exterior. No invernadoiro cultivamos pementos e tomates. Medraron máis e produciron máis que as mesmas plantas postas no exterior, a pesar de ser plantadas con 15 días de retraso.

5.- Este verán pasado a leituga espigou moito antes, ao igual que a espinaca. Da primeira tivemos pouca produción, unhas 20 cabezas. De espinaca xuntamos 20 kg.

6.- A produción de pementos, de variedades Padrón, Arnoia ou morróns, estendeuse ata finais de novembro. Recollemos preto de 100 kg e os cultivados no invernadoiro resultaron moito mellores. Collemos exemplares de pemento morrón de 20 cm de longo e medio kg de peso.

052

7.- Algunhas plantas que sementamos non chegaron a medrar. Foi o caso dos cabazos e dos chícharos. Ambos vexetais secaron antes de tempo pola falta de auga e, tamén, por falta de atención e haber sido plantados moi tarde.

8.- A colleita de tomates foi mellor ca do ano anterior. Recollemos uns 150 kg de tomates de moi boa calidade, sobre todo da variedade Raf. Os do invernadoiro resultaron de moito maior tamaño que os do exterior, ademais de estar máis tenros e saborosos. Recollemos tomates ata finais de novembro, cousa que nos resultou incrible respecto doutras tempadas.

014

9.- Non houbo que quitar tanta herba do medio dos cultivos como noutras ocasións. A seca propiciou que as pragas vexetais non xermolaran e o terreo permaneceu limpo ata final de tempada.

Xa vedes que 2015 foi un bo ano para o campo. De feito non tivemos que gastar nada en tratamentos fitosanitarios, sobre todo cos tomates. Outros anos botabámoslles cobre para evitar o mildiu ao chegar a humidade e o frío do outono. Este ano non fixo falta. O único problema que tiveron algunhas tomateiras foi o ataque dunha larva que roía o tomate por dentro coma se fose unha mazá. Esta praga non nos causou moito dano e fómola eliminando á man en canto a viamos.
Outros produtos que colleitamos foron as verzas, acelgas e xudías. Destas últimas obtivemos moi pouca cantidade.

047

Agora estamos empezando unha nova sementeira. No que levamos de 2016 estivemos limpando a maleza e fresando o campo para que se airee. Removemos a terra do invernadoiro e quitámoslle a lona para desinfectar o chan. A terra cuberta necesita recuperarse e tamén unha renovación e abonado axeitado.

Podamos as parras de uvas brancas que temos no recinto. O ano pasado puidemos coller ata 50 kg de uvas pero de baixa calidade. Empregounas un coñecido para facer augardente porque non valían para viño. Esta clase de uva chámanlle “catalana” pero cremos que se trata dunha variedade híbrida entre especies autóctonas e especies traídas de América no século XIX para evitar parasitos como a filoxera. Dela sae un viño moi ácedo polo que non ten calidade, nin sequera xuntándoa con outras variedades, porque derrama o caldo. Así que como non a damos comido toda a produción ofrecémoslla a este coñecido. Ao final, contounos, que fixo augardente dela e que xuntou o bagazo obtido co doutras variedades que son malas para viño pero que fan boa augardente. Tamén soubemos que se pode facer augardente de mazá e doutras froitas, simplemente deixándoas fermentar.

022

Como temos na horta unha produción moi alta de ameixas (que non damos aproveitado), pensamos en facer licor con elas. As ameixas que temos son longas e moi saborosas, pero pásanse pronto. Así que empezan a madurar non duran máis ca unha semana, polo que empezan a caer da árbore e estráganse. Este ano imos facer unha fermentación coas que non poidamos comer e despois miraremos a ver que sae do alambique do profesor de Tecnoloxía.

Outro dos traballos que fixemos no 2016 foi plantar kiwis que reproducimos nós mesmos. Recollemos os restos da poda dunha parra e clasificamos as poliñas en machos e femias, tal como nos indicou a persoa que nolas deu.

Despois fixémoslles un proceso de curado e “sutura” das feridas do corte. Por esas feridas a planta colle infeccións no momento de enraizar. Para favorecer a produción de raíces e remediar o problema da podremia seguimos a seguinte receita: quentamos cera de abella (non de candeas) nunha lata fonda e somerxemos as puntas dos kiwis nelas uns 5 cm. Así quedaron cubertos os estremos por unha capa dun milímetro de cera que evita a podremia e permite o enraizamento da planta. Para comprobalo deixamos un exemplar de testemuña metido nun bote con auga. Para impulsar o enraizamento, tapamos o bote cunha cartolina e puxémolo nunha zona indirectamente iluminada, para que non lle dera a luz do sol de cheo en ningún momento. O resultado podédelo ver nas imaxes que ofrecemos a continuación.

Saíron raíces ao cabo dun mes, sen engadir hormonas nin fertilizantes nin nada, só con auga, hixiene e pouca luz.

Ao final obtivemos deste xeito 60 plantas femia e 20 machos de kiwi que esperamos medren moito para poder transplantar o ano que ven. Se o método ten éxito con outros vexetais, para o vindeiro curso trataremos de comercializar as plantiñas novas e así gañar uns cartos para financiar novos proxectos.

Leave a Reply

See also: