Construción dunha neveira con pezas recuperadas de ordenadores vellos

Uns alumnos voluntarios de primeiro de BAC propuxéronse construír unha mini-neveira con materiais reciclados. Alá polo mes de outubro de 2015 puxéronse ao choio co asunto. Durante un mes estiveron a traballar intensamente nos intres libres e ao final obtiveron un rotundo éxito.

Para construír a neveira empregaron as fontes de alimentación, ventiladores e disipadores de calor de computadores vellos destinados á reciclaxe. Contarémosvos como o conseguiron.

007

Para empezar, montaron unha caixa de material illante (porexpan, poliestireno expandido), que contiña no seu interior outra caixa de polietileno a modo de colector de alimentos. Ambas as caixas, unha dentro da outra, pechábanse coa súa correspondente tapa o mellor posible, para evitar fugas de aire e transmisión de calor cara a dentro do recipiente.

Unha vez construída a estrutura plástica efectuouse un buraco rectangular onde se axustou un disipador de calor, deses que levan os computadores sobre o seu núcleo ou procesador. Este obxecto é de aluminio e posúe unha cara plana e outra reticulada. Serve para refrixerar o núcleo que se quenta moito mentres funciona. Axustámoslle un ventilador sobre as láminas metálicas para mellorar a evacuación de calor, aparello que tamén obtivemos dun computador estragado. Na cara plana do disipador colocamos un módulo Peltier, que é un dispositivo electrónico que transforma directamente a corrente eléctrica en frío/calor. Resulta que unha plaquiña Peltier está construída por centos de semicondutores polos que pasa unha corrente de doce voltios e de catro ou cinco amperios. Ao pasar a corrente, unha das caras do Peltier arrefríase e a outra quéntase. Se somos capaces de transferir a calor da cara quente ao exterior e dirixir a cara fría cara ao interior da cámara frigorífica, acabariamos tendo unha neveira.

013

Colocamos outro ventilador interno sobre a cara fría do Peltier para facilitar a transmisión do frío polo interior da caixa onde vai colocado.

Todo este equipo funciona grazas a unha tensión de doce voltios de corrente continua. Pensamos en obtela dunha batería dun coche pero sabiamos que se ía a esgotar pronto. Volvemos recorrer á reciclaxe, nesta ocasión empregando a fonte de alimentación do computador estragado. Este aparello produce ata 100 watios de potencia en doce voltios, 40 watios en cinco voltios e 20 watios en tensión de 3 voltios. Ademais ten a vantaxe de xerar corrente continua estabilizada, é dicir, corrente moi parecida á dunha pila, cunha tensión practicamente constante. O problema é que o Peltier consome moita potencia e non se pode regular este consumo, podendo chegar a fundirse se non se limita. Por este motivo colocamos á saída de doce voltios da fonte de alimentación un aparatiño que se chama DIMMER. O dimmer permite controlar a potencia liberada sobre o módulo Peltier e así producir máis ou menos frío.

O resultado definitivo é unha neveira portátil que pode funcionar acoplada a 220 voltios (ou a 12 voltios) e que ten unha potencia de arrefriado de case 50 W, capaz de poñer a cámara de 40 litros a 4 °C nunhas poucas horas.

011

Leave a Reply

See also: