Os froitos do traballo

Estivemos traballando na horta desde o inicio de curso. De feito non a desatendemos durante todo o verán posto que estivo en máxima produción e non iamos abandonar a colleita. Sería unha mágoa que se estragasen todas as plantas que durante a primavera nos deu tanto traballo sacar adiante.

O rendemento da horta resultou máis que aceptable. O día 22 de outubro de 2014 foi o último no que recollemos algo de produción. Ata ese día conseguimos 200 cabezas de leituga, 100 kg de tomates, 250 kg de pementos, 25 kg de xudías, 12 kg de cabaciños, 9 kg de verzas, 3 kg de espinaca e algunhas hortalizas máis (fresas, perexil, melón) en menores cantidades. En canto a froitas, recollemos uns 100 kg de mazás, uns 50 kg de ameixas, algunhas peras e unha cantidade menor de avelás.

0002

O 90% da produción repartímola entre a xente necesitada de Lugo e o 10% restante a comemos no Centro. Da parte que doamos, o 70% a levamos á Cáritas parroquial de Lugo, e repartiuse en man aos necesitados que viñan a buscar axuda á parroquia de San Antono de Padua. A xente sentíase conmovida de ver aos rapaces traer as viandas. A pesar de levarmos moitas cousas, tardábase menos de media hora en repartir todo. A maioría de persoas pedían unha bolsa de pementos, unha de tomates ou un par de leitugas. Os voluntarios de Cáritas levaban un control da xente que viña buscar cousas para que non se dera lugar a abusos. En xeral o ambiente resultaba moi construtivo e todos poñían da súa parte para axilizar as doazóns. Dixéronnos que atendían semanalmente a unhas 400 persoas e que suministraban a 50 fogares de persoas maiores diariamente.

900 - CIMG9447

O outro 30% da colleita levámola ao comedor social de San Froilán. Todos os días as 12:30 abren as portas e atenden a unhas 50 persoas. Arredor de 100 persoas reciben un menú diario na súa casa. Alí tamén nos reciben sempre con moito cariño e sempre nos contan algunha anécdota aleccionadora. En xeral os rapaces teñen as súas reservas de falar cos mendigos pero sempre xorde algunha conversa interesante.

A parte coa que quedamos para o noso consumo faise escasa. Os rapaces comen de moi boa gana os pementos, tomates e leitugas que eles mesmos plantaron e cultivaron. Non deixan sobras. Cremos que é moi pedagóxico que valoren a comida natural, conseguida co esforzo propio, que non contén aditivos e que é moito máis saudable que a comida prefabricada. Coa froita pasa o mesmo. Parece que así senta mellor a comida e os rapaces valoran máis os alimentos naturais.

0024

Leave a Reply

See also: