A Horta Solidaria do Seminario de Lugo

A nosa Horta Solidaria xurdiu hai dous anos e medio cando un misioneiro retornado (Ramón Jacobo Bermúdez) propúxonos plantar unhas árbores froiteiras nunha horta abandonada en Santa Comba, unha aldea dos arredores de Lugo, preto de Nadela. Plantamos 20 froiteiras e desbrozamos o terreo. Como a extensión para árbores era escasa, pareceunos que podiamos completar a tarefa recuperando o espazo que antigamente estivera dedicado a horta.

Cando Voz Natura nos concedeu o premio Galicia, hai dous anos, decidimos reinvestir o premio en algo que nos permitise desenvolver mellor as nosas actividades. Así que destinamos os 5000 euros do seguinte xeito: un lote de 3000 euros cos que mercamos un motocultor, outro de 1300 euros que enviamos a República Dominicana para instalar sistemas de rega en invernadoiros. Os restantes 700 euros gastámolos en materiais para os rapaces e para mellorar a calidade ambiental do Centro (mercamos plantas, xardineiras, utensilios para o viveiro, etc).

0015

Co motocultor tivemos a posibilidade de ampliar a horta. Grazas a el puidemos traballar uns 400 metros cadrados de terreo a partir dos iniciais 100 metros (que limparamos a man e con sachos). Tamén recuperamos unha rozadora que estaba inutilizada e que nos facilita moito os traballos de limpeza. Foi doada polo pouco uso que lle daban e porque non eran capaces de acendela. Nós mesmos lle fixemos unha revisión do motor e dos accesorios e conseguimos poñela a andar. Agora podemos limpar a maleza e segar a herba en canto medra.

A horta converteuse nun aliciente para facer saídas de 3 ou catro horas (que se converten, realmente, en tardes de traballo de campo). Os alumnos botan toda a semana agardando a que os chamemos para ir a traballar a Santa Comba. Como a oferta de voluntarios supera con moito a demanda, pensamos na posibilidade de esixir uns mínimos nos estudos para poder ir. Os rapaces non van en caso de ter máis de tres materias suspensas e teñen preferencia os que melloran ás súas notas entre avaliacións ou recuperan algunha materia pendente.

0032

De momento estamos indo á horta unha ou dúas veces por semana, segundo acompañe o tempo. As visitas realízanse con grupos de 8 alumnos e duran entre tres e catro horas, polas tardes dos venres. Desta forma os rapaces non “perden” clase, nin teñen apuros polas tarefas e tampouco se altera o ritmo do Centro.

Falta que nos acompañe o bo tempo para ver medrar as cousas que temos plantadas e poder empezar a recoller froitos en xuño.

One Response to “A Horta Solidaria do Seminario de Lugo”

  1. avatar Alysa dice:

    Hola, quería agradecerle por la información que
    usted brinda. He navegado por su blog y la velocidad de carga es satisfactoria, se agradece por la calidad de navegación para mi

    Estoy sorprendido de saber que se puede hallar este tipo de información con tanta efectividad y estudio en el tema tratado.

    Sin dudas voy a proceder a suscribirme a su sitio
    para poder obtener mayor cantidad de información en mi carpeta de correos.
    Mil gracias por dedicarse unos segundos en ver mi comentario, que tenga un buen año.

Leave a Reply

See also: