Modelamos figuriñas con “porcelana fría” que nós mesmos fabricamos

Os de 2º de ESO estiveron traballando con materiais plásticos como corresponde co currículo da materia de Tecnoloxía. Pero tamén se atreveron a fabricar un plástico non agresivo co medio natural e sen toxicidade. É un plástico que se moldea en frío e que, co paso do tempo, fragua e endurece dun xeito considerable. Parece como unha plastilina pero que se pon dura o deixala secar un par de días. Por ahí adiante coñécese como “porcelana fría”.

A porcelana fría é unha masa que esta composta de cola vinílica e fécula de millo basicamente. Coñecida en todo o mundo, en cada rexión ou país recibe un nome diferente.  Chámanlle masa flexible, Porcelanicron, Biscuit ou pasta de Maicena, entre outros.

É un material co que se poden modelar volumes pequenos e tamén de gran tamaño.  As súas características son suavidade, brancura e elasticidade.

A masa non require de forno xa que seca a temperatura ambiente. Outra das súas características é que a medida que seca perde do 15% ó 20% do volume inicial. Por este motivo é bo ter en conta as proporcións do que se desexa modelar e tamén deixar ven ventilado o obxecto para que non cuartee.

A porcelana pódese colorear ou tinguir con acrílicos, temperas, óleos e colorantes vexetais ou tamén unha vez seca a peza pódese pintar e lograr diferentes efectos.

Receita aproximada da “porcelana fría”

  • 500 grs cola vinílica (cola branca de carpinteiro)
  • 300 grs fécula de millo
  • Unha cullerada (10 c.c) de aceite corporal
  • Unha cullerada de glicerina ou, no seu defecto, unha de vaselina
  • 10 gramos de benzoato sódico ou, no seu defecto, 10 cc de alcol como conservante

O proceso de “cociñado” é o seguinte:

Primeiro mestúranse todos os ingredientes e reméxense ben, que non queden grumos de fariña. O aspecto é dunha crema compacta, coma se fose pintura plástica espesa. Aquí xa se pode pigmentar a crema usando colorantes coma témpera líquida, colorante alimentario ou calquera outra pintura escolar que se disolva ben.

A continuación ponse o fluído a quentar nunha tixola, a lume lento (na cociña de indución onde a fixemos estivo no nº4), e remexemos lentamente durante 10 ou 15 minutos. Pasado o tempo e coa masa a uns 50 ºC a cousa empeza a callar. Parece un proceso similar ó de cociñada da bechamel. na imaxe podedes ver o aspecto neste intre.

Logo hai que remexer evitando que a masa se pegue no fondo da tixola.

Pasados cinco minutos teremos unha masa moi compacta que debemos retirar do lume para evitar que se toste ou empece a fraguar en sólido.

Sen esperar a que arrefríe, amasamos enerxicamente a “plastilina” e envolvémola en pequenas doses en papel de celofán para que non seque. O tamaño de cada paquetiño pode roldar entre 100 e 300 gramos, o suficiente para usar dunha soa vez con posterioridade.

Aquí tedes algunha das figuriñas que fixemos.

Leave a Reply

See also: