Cultivo dunha “horta solidaria”

Un xeito de levar á práctica as ideas anteriormente expostas é cultivando entre todos unha horta solidaria. Para os nosos alumnos foi unha auténtica sorpresa cando souberon a nova. Todos querían colaborar, sen excepcións, canto antes. O tempo tan húmido dos tres primeiros meses deste ano 2013 impedíronnos empezar coa horta antes do mes de abril. Tamén ós labregos estiveron amolados polo mesmo asunto polo que aprendemos a resignarnos. Non se pode ir contra da Natureza e temos que aceptar as súas circunstancias adversas, debemos adaptarnos a elas (creo que este era un dos principios que rexen a evolución que, por suposto, tamén nos afecta ós seres humanos)

A idea da horta xurdiu dos contactos que temos con colaboradores de Caritas que nos falaron da posibilidade de pedir fincas que quedan en desuso nas aldeas para cultivo solidario. Os mesmos demandantes de caridade son os que as traballan para recibir despois o beneficio de xeito proporcional o grao de colaboración.

Sostibilidade

Cultivar unha horta de xeito tradicional é un xeito de recuperar costumes que se van esquecendo co tempo pero que noutrora serviron para manter un xeito de vida en simbiose coa Natureza. A horta en Galicia sempre foi sinónimo de neveira, de despensa, en xeral de “supermercado”. En calquera época do ano a xente podía botar man dunhas verzas, duns repolos, recoller patacas ou mesmo froita no outono. Nas aldeas, vilas e cidades había hortas que servían para o autoconsumo e para sacar unhas “perras” no mercado ou na feira. A xente sobrevivía grazas as hortas.

Integración na biodiversidade

As hortas galegas constitúen un mosaico rico en especies vexetais, un cadro multicor, un collage que relaxa o espírito de quen coida e ve medrar o seu traballo. Porque as hortas teñen que estar ben arranxadas, ben regadas, coa terra aireada e sen malas herbas. O labrego non só busca o sustento da horta senón que se converte en artista, en creador, en experimentador, en biólogo. Quixemos aprender da humildade do labrego que debe conseguir o propio sustento co traballo cotiá, constante e creativo.

De orixe natural

Na actualidade parécenos que todo se pode obter botando a man sobre os andeis dos comercios que se fornecen da industria que produce artigos hixiénicos, esterilizados, ben conservados e cun márqueting impecable. Lonxe estamos daquelas patacas cheas de terra ou das mazás con bicho ou das leitugas metidas nun plástico. Coa nosa horta queremos recuperar esta conciencia natural, máis humana, de que os alimentos non proceden das fábricas, de que as cousas que nos ofrece a Natureza para comer non veñen envoltas en plástico e que tampouco son impolutas.

Ecoloxía

Aprendemos a manter a nosa horta libre de sustancias agresivas que despois poidamos inxerir por ser asimiladas polos vexetais. Moitas veces non somos conscientes de que a agricultura extensiva procura maiores producións a costa de empregar técnicas agresivas co medio ambiente e mesmo coa saúde. Nós non imos empregar nin pesticidas nin fitosanitarios de tipo sistémico pois estes introdúcense nos organismos vexetais e convértenos en velenosos para as pragas e tamén, tal vez, para os seres humanos. Se temos algunha dificultade con algunha praga ou peste o que faremos será empregar recursos biolóxicos como pode ser a folla do tomate esmagada, que repele ós insectos, ou sustancias pouco agresivas coma o sulfato de cobre para evitar os fungos. A nosa horta é ecolóxica.

Cooperación

Un traballo comunitario precisa do coidado de todos: o que un fai non debe ser destruído por outro. Necesitamos organización e control, estar dispostos a respectar o traballo dos demais e tamén a que o noso sexa corrixido. Levar unha horta precisa dun aprendizaxe de rutinas como quitar herbas, regar sen pasarse, podar, rarear, airear a terra, suxeitar… Uns farán estas tarefas con máis habilidade e acerto que outros pero todos debemos colaborar en que sexan actividades sumativas.

A responsabilidade de obter colleita radica en todos, na boa organización, na cooperación, no esforzo colectivo.

Solidariedade

¿E que se pode facer? Pensamos que a mellor maneira de comprometer ós nosos alumnos é orientando o seu traballo en beneficio dos máis necesitados. Traballar polos demais é moito máis gratificante que facelo para un mesmo, sobre todo cando se fai para paliar unha necesidade. O altruísmo parte da base de identificación co próximo, de poñerse na pel do outro e comprender que podiamos estar na súa situación. Nese caso, no de vernos en necesidade,  simplemente nos gustaría que os afortunados se lembrasen de nós e que nos tivesen en consideración. Sabemos que non imos acabar co problema da pobreza pero sentímonos parte da solución e non parte do problema. Queremos que o noso pequeno gran de area, que a nosa iniciativa sexa contaxiosa, para que haxa outros que colaboren e formen outro anaco de solución.

Proxecto

Antigamente o Seminario de Lugo tiña unha horta propia, de aproximadamente unha hectárea, que se empregaba para obter recursos agrícolas e para manter algo de gando. Eu lembro como nos anos oitenta do século pasado aínda se facía a matanza do porco e había galiñas e coellos dentro do recinto do Seminario. Pero esta horta desapareceu no inicio do século XXI cando o urbanismo de Lugo esixiu converter esta zona verde en terreo edificable.

Nestes meses do curso 2012-2013 buscamos algún xeito de manter ós rapaces en contacto coa natureza. As saídas de paseo non parecían algo suficiente para manter o pulo e a motivación dunhas mentes inquedas que necesitan de innovación. A ocasión de cultivar a horta xurdiu cando Ramón Jacobo, párroco de Santa Comba no concello de Lugo, propúxonos plantar algúns árbores na horta da reitoral que estaba a restaurar. El tiña coñecemento de que outros anos plantaramos con Voz Natura noutros lugares e pensou en que lle podiamos botar unha man. Cando fomos de visita a Santa Comba démonos conta de que podiamos complementar a plantación de árbores co cultivo dunha horta. Anos atrás xa houbera horta naquel lugar pero, co falecemento do párroco anterior, todo aquilo foi a pique. Isto é unha mostra máis da extinción do mundo rural galego polo avellentamento da poboación, pola falla de relevo xeracional e polo abandono das tarefas agrícolas en troques doutras máis urbanas e industriais.

Empezamos coas tarefas a finais de marzo. En canto o tempo nos deu unha tregua puxémonos mans á obra desbrozando a maleza que invadía o recinto de aproximadamente 1000 metros cadrados. Recollemos o estrume e amoreámolo para unha queima posterior.

Uns días despois empezamos coa tarefa de quitar as herbas, reviralas, soterralas. Empregamos os restos vexetais como abono e tamén os soterramos facendo uns regos, co sacho e o legón. Este traballo tan duro levárono a cabo 12 alumnos de 4º de ESO que acabaron coas mans cheas de bochas. Mentres tanto outros levantaron un emparrado que estaba tirado no chan suxeitándoo firmemente con postes e travesas de madeira. Tamén acabaron de desbrozar a carón dos muros e podaron as árbores que o precisaban. Outros plantaron 20 árbores froiteiras no mesmo terreo. Tamén puxeron unha ducia de tomates e pementos. Despois do esforzo realizado fomos refrescarnos a un restaurante próximo onde o cansazo se manifestaba máis canto maior era a idade.

Noutra xornada de tarde os alumnos de segundo de ESO plantaron hortalizas: leitugas, verzas, repolos, sandías e xudías. Para estas últimas tivemos que buscar uns varais ó pé do río. Moito traballo nos custou conseguilas. Despois cravámolos no chan de a tres para que soporten ben o peso das gabeadoras. Tamén acondicionamos un anaco máis de pradería para estender a horta ata os 100 metros cadrados. Algúns rapaces dedicáronse a quitar hedras dos muros e outros a recoller restos de paus que quedaban polo chan.

Noutras visitas facemos traballos de mantemento, regamos e revisamos o estado da plantación. De momento non tivemos que sulfatar nin facer uso de pesticidas e agardamos non ter que empregalos. Esperamos que a finais de maio xa poidamos recoller as primeiras leitugas e algunhas xudías. O resto da produción obterémolo en xuño e xullo. Daquela contamos coa colaboración de Ramón para regar e recoller os froitos cando o curso teña xa rematado. O destino dos froitos da horta será o comedor social San Froilán de Lugo pero creo que nós tamén probaremos algo do que sementamos.

Leave a Reply

See also: