Construímos un ariete hidráulico

Os arietes hidráulicos, son un dos tipos de bomba de auga que funcionan aproveitando a enerxía hidráulica sen requirir doutra enerxía externa. son autobombas 100% ecolóxicas.

Mediante un ariete hidráulico, pódese conseguir elevar parte da auga dun río, regato, ou fonte a unha altura superior. Tamén se pode empregar para regra por aspersión. O ariete hidráulico foi patentado en 1796, por Joseph Montgolfier (1749-1810). Consiste nunha máquina que aproveita unicamente a enerxía dun pequeno salto de auga para elevar parte do seu caudal a unha altura superior.

A partir da súa invención, o ariete hidráulico tivo unha ampla difusión por todo o mundo. Baste dicir, a modo de exemplo, que estivo presente nas famosas fontes do Taj Mahal na India, ou no Ameer de Afganistán. Co tempo caeu en desuso, sobre todo debido ao avance irresistible da bomba centrífuga ou da bomba electromecánica. Nós interesámonos por este aparello debido a que é tecnoloxicamente accesible, eficiente, ecolóxico e moi didáctico.

Funcionamento

A auga acelérase ao longo do tubo de alimentación até alcanzar unha velocidade suficiente como para que se peche a válvula.

Entón créase unha forte presión, ao deterse a auga  bruscamente. Este golpe de presión abre a válvula (B) e fai pasar un pequeno chorro de auga ao depósito (C), ata que se equilibran as presións. Nese momento, a gravidade abre a válvula (A) e péchase a (B), repetíndose de novo o ciclo. A auga, a cada golpe de presión fai fluír a auga, con continuidade, pola mangueira de elevación.

O ritmo de golpes por segundo adoita ser dun ou dous.

Os fontaneiros coñecen moi ben o golpe de ariete; cando se pecha bruscamente un circuíto aberto de auga, toda a tubaxe estremécese e os manómetros tolean. A miúdo prodúcense roturas de tubaxes nas casa por esta causa. O ariete hidráulico é unha máquina que provoca continuos peches bruscos dun circuíto con auga en aceleración e que aproveita as sobrepresións para mandar parte do caudal a unha gran altura.

Leave a Reply

See also: