Fabricación de BIODIÉSEL

Nos últimos tempos estamos a preocuparnos máis polo prezo dos combustibles. A carestía destes produtos é un indicativo clarificador da economía do noso país porque somos completamente dependentes do estranxeiro. Non parece que os prezos vaian a baixar porque estas fontes de enerxía non son renovables, estanse esgotando e, sen embargo, a súa demanda aumenta. Pensemos que en España o 70% da enerxía que gastamos procede do carbón e do petróleo. A enerxía nuclear abastécenos de electricidade e representa un 15% do total. O restante 15% da enerxía consumida ten outras orixes que poderíamos chamar renovables ou alternativas.

Parece importante fomentar as enerxías renovables porque son as enerxías dun futuro non tan lonxano. Para ampliar a banda de tolerancia económica debemos fomentar o coñecemento e o uso destas enerxías.

A proposta que lles facemos ós nosos alumnos é a de fabricar biodiésel a partir de aceites domésticos usados. A actividade resulta moi plástica e recreativa. Induce á participación colectiva e fomenta a recollida selectiva. O aceite procede sobre todo das frituras e, polo tanto, debe recollerse en pequenas cantidades case todos os días. Para isto cada participante disporá dun recepente no que almacenar un aceite bastante deteriorado.

O aceite recollido é unha mestura de tres calidades: oliva, xirasol e soia. Debemos ter en conta a proporción de aceite de soia no proceso porque ten moitos fosfolípidos que alteran as proporcións de reactivos que debemos empregar e tamén xera máis residuos que os outros podendo chegar a cortar a reacción. Proporcións elevadas de aceite de oliva precisan de modificar a cantidade de base empregada porque aporta máis acidez que o de xirasol.

Logo da recollida no centro, procedemos a medir as cantidades necesarias para elaborar entre 10 e 15 litros de biodiésel por sesión.

O equipo de transformación foi realizado por nós mesmos e procede de materiais recuperados. Consta dos seguintes elementos:

·Un reactor químico de aceiro de 25 litros de capacidade, con axitador que se acopla a un taladro e un termómetro para controlar exactamente a temperatura de reacción.

·Un fogón circular eléctrico de 1500 watios.

·Un recepente decantador de 25 litros de capacidade.

·Un recepente de lavado de 25 litros, transparente.

·Botellas de plástico transparente de 5 litros para separar produtos de reacción.

·Mangueiras, embudes, filtros nanométricos e billas para facer os transvases de líquidos.

·Luvas, gafas e outros materiais de seguridade.

Os reactivos químicos que empregamos son os seguintes:

·Alcol metílico

·Sosa cáustica (hidróxido de sodio)

·Reactivos para medir o pH (acidez)

·Vinagre

·Auga

Os produtos obtidos son os seguintes:

·Biodiésel (metil-ester de ácidos graxos)

·Glicerina (propanotriol)

·Aceites residuais

·Auga con fosfolípidos, proteínas e cinxas de aceite queimado.

O proceso de fabricación consta das seguintes etapas:

Decántase o aceite durante uns días para que repousen os lodos.

Fíltrase o aceite das impurezas máis grosas cun filtro de maia non moi fina.

O aceite decantado e filtrado bótase no reactor xunto co metanol e unha pequena cantidade de sosa que actúa como catalizador.

Axítase a mestura a 58 ºC durante 10 minutos cunha axitación forte. Nós utilizamos un taladro de 600 watios para este proceso.

Déixase repousar a mestura 12 horas. Ö cabo deste prazo observamos como aparecen dúas fases: unha superior de biodiésel impuro e outra inferior de glicerina con algo de metanol e impurezas que non reaccionaron do aceite.

Decantamos a glicerina, que é máis densa có biodiésel.

Lavamos o biodiésel dúas veces coa mesma cantidade de auga que combustible. O lavado consiste nunha axitación forte do biodiésel con auga nun recepente transparente. A mestura adquire un aspecto leitoso. Logo engadimos un vasiño de vinagre para iniciar a decantación das proteínas liposolubles que están no biodiésel.

Transcorridas 8 horas o combustible sepárase da auga branquecina e recóllese aparte.

Quéntase o biodiésel a 80 ºC durante 5 minutos para extraerlle a humidade do lavado.

Logo que arrefría pasamos a filtralo nun tecido de maia nanométrica que impide o paso de impurezas moi diminutas que podrían obstruír o filtro do combustible o vehículo.

Este combustible que facemos foi probado primeiramente nun motor dunha segadora que arrancou perfectamente. Logo fixemos probas nun coche, mesturándoo progresivamente nun 10%, 20% etc, co refinado do petróleo. Os resultados foron sorprendentes.

Observamos como o vehículo pasou as probas da ITV de opacidade de gases e tamén que o coche andivo uns 1000 km sen ningún tipo de fallo e coa mesma potencia que usando combustible convencional.

Elaboramos grellas de control de gastos e produción e concluímos que o litro nos sae a uns 50 céntimos, sen contar co traballo persoal.

Un reto foi aproveitar os residuos. Coa glicerina con restos de metanol fixemos dous produtos perfectamente viables: xabón de glicerina e combustible para acender cociñas de leña. A auga do lavado serviunos como líquido fertilizante. Os lodos do aceite (unha cantidade que non chega ó 1% do aceite empregado), envasámolos e levámolos ó punto verde de Lugo.

Como ben se pode ver, esta actividade é moi eficaz nos resultados e tremendamente pedagóxica. O único inconveniente que salientar afecta ó tino que se debe ter na manipulación dos reactivos, que son cáusticos e nocivos. Para manipulalos convenientemente empregamos luvas e gafas de seguridade. Para manipular o metanol sempre o fixemos en exposicións curtas, protexendo boca e ollos, e nunha estancia ben ventilada. Os vapores de metanol poden sertóxicos, pero como reacciona nun recepente estanco non presenta graves problemas ó quentalo a 58 ºC. De feito engadímolo en frío a un aceite proporcionalmente máis quente que o necesario para que a mestura final estea a 58 ºC e sempre por debaixo do punto de ebulición do metanol. Así tamén evitamos problemas de inflamabilidade.

Dentro de pouco farémoslle a competencia a REPSOL.

Marcar el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.