ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL DE BX DE 4º ESO POLO MACIZO CENTRAL, VISITANDO VARIAS ÁRBORES SENLLEIRAS.

avatar Escrito por salourense98
9 de diciembre de 2019 a las 18:30h

O venres 25 de outubro, 21 alumnas (8 de A e 13 de B+C) e 26 alumnos (14 de A e 12 de B+C) da asignatura de Bioloxía e Xeoloxía de 4º ESO, acompañados polo salesiano Amador Lama e os docentes Gustavo Monroy e José Enrique Fernández, participamos nesta actividade proposta polo Seminario de Ciencias Experimentais, visitando varios puntos de interese do Macizo Central da provincia de Ourense.

A primeira parada de interpretación tivo lugar no Rodicio (no inicio da OU-0107, no desvío da OU-536 cara Baldrei). Nese punto, ademáis de desfrutar das vistas sobre a depresión de Maceda (rechea de sedimentos cenozoicos) e facer novos “amigos”, descubrimos que os materiais presentes na superficie son cuarcitas armoricanas.

Os autobuses fixeron unha breve parada técnica na vila de Castro Caldelas e, arredor das 10:30 h, comezamos o itinerario ambiental pola fraga do Navea. Os docentes repartiron copias dunha unidade didáctica elaborada polos integrantes do Seminario de Ciencias Experimentais, coa intención de que levaramos a cabo unha serie de actividades comentadas e supervisadas ó longo do percorrido. Na mesma unidade dispoñíamos dun mapa da fraga, sinalizado cos puntos de interese e as paradas de interpretación seleccionadas polos educadores.

A primeira actividade estaba localizada ó inicio do itinerario, na aldea de Mouruás.

A medida que camiñabamos pola fraga, a unidade didáctica ía propoñendo novas actividades.

Ás 13:30, seguindo o horario previsto, rematamos o itinerario pola fraga do Navea, subimos ós buses e achegámonos nestes a San Xoán de Río, onde xantamos. Recuperadas as forzas, os medios de transporte leváronos ata Rozavales para visitar o Castiñeiro de Pumbariños, nº 20 do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

E que se considera unha árbore ou unha formación senlleira? Con independencia das medidas establecidas para a protección das especies ou unidades taxonómicas como tales, a conservación da nosa biodiversidade vexetal pasa tamén pola protección daqueles exemplares concretos ou rodais de árbores que polas súas características extraordinarias ou destacables (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza, etc…) son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto vecinal e con valor científico, cultural, didáctico, paixaístico ou ornamental. Estes exemplares singulares representan un valioso legado e un valor natural na medida en que se trata de elementos que subsistiron aos rigores dos tempos ou que contan cunhas particulariedades especiais.

A Xunta de Galicia deu un importante paso na protección deste particular patrimonio natural coa creación e regulación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (CGAS), a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, que estableceu o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúan en dito catálogo, coa finalidade de protexelas de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación. Polo tanto, terán a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de titularidade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección en atención as excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica e cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección. O Decreto 67/2007 foi modificado polo Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, que regula o CGAS.

Para rematar a xornada, visitamos o cerquiño ou rebolo do Pazo da Pena, un Quercus Pyrenaica que ocupa o posto nº 76 do CGAS.

A actividade rematou en torno ás 18:30 h, coa chegada dos 50 participantes ó colexio, logo dunha xornada de campo intensa e moi completa, na que tivemos a oportunidade de coñecer un pouco mellor algúns centros de interese do Macizo Central da provincia de Ourense.

XORNADA CONCIENCIA

avatar Escrito por salourense98
27 de noviembre de 2019 a las 9:18h

O Dr. Luis González Rodríguez, profesor de bioloxía vexetal e director do laboratorio de ecofisioloxía de plantas da Universidade de Vigo, foi o poñente da primeira Xornada ConCiencia deste curso, unha actividade que se levou a cabo entre a Aula Magna do centro e a contorna próxima ó mesmo, entre a ponte vella e a ponte nova.

O profesor Gustavo Monroy fixo a presentación do poñente na Aula Magna. O experto levou a cabo unha breve explicación-introdución, marcando claramente as diferenzas entre unha especie exótica e unha especie invasora, destacando cando se considera exótica e máis invasora. Empregou unha dinámica participativa, a través de bombardeo de ideas por parte do alumnado sobre eses conceptos e cunha manchea de exemplos para asentar as explicacións. Ó alumnado chamoulle a atención o exemplo do tomate como especie exótica pero non invasora.

Rematada a introdución, e antes de sair do centro, visitamos os xardíns do colexio, onde apreciamos a acción sobre as palmeiras do picudo vermello, Rhynchophorus ferrugineus.

Nestas imaxes pode verse o estado das plantas a finais de outubro, claramente atacadas polo insecto.

En febreiro de 2013 La Voz de Galicia alertaba da chegada a Galicia desta especie de curculionido. Lamentablemente ven de convertirse nunha praga que está a diezmar as palmeiras de moitas localidades. En España, o primeiro foco detectouse no ano 1995 en Granada (Andalucía), continuando a súa expansión a través do territorio nacional e aparecendo posteriormente na Comunidade Valenciana (2004), Cataluña e Murcia (2005), Illas Baleares e Illas Canarias (2006).

Durante a observación dos restos das follas das palmeiras, resultado das primeiras podas (preceptivas para xestionar os residuos derivados da corta e destrucción das plantas afectadas), o poñente fixo algunhas referencias ó custo económico e ambiental do problema das especies exóticas e invasoras, como é o caso deste insecto.

Poden apreciarse perfectamente as galerías e a exudación viscosa de cor avermellada, característica da presenza tanto de larvas como de adultos, o que complica enormemente o tratamento e curación da planta.

Saímos do centro e percorrimos preto de 500 m do sendeiro periurbano pola beira do Miño, facendo varias paradas de interpretación.

Na beira do Miño, outras das ideas presentadas polo poñente foron as do asentamento das especies vexetais exóticas invasoras en terreos degradados (estradas, movementos de terra, enchentas do río…) e a do río como vector de propágulos.

En apenas medio km atopamos as seguintes especies vexetais exóticas invasoras: Robinia pseudoacacia, Ailanthus altissima, Acacia dealbata, Cortaderia selloana, Conyza bonariensis e Phitolacca americana.

A Robinia pseudoacacia trouxérona de América polas súas propiedades para apuntalar terrapléns, movementos de terra… e actualmente está presente en toda a comunidade autónoma.

Ailanthus altissima está ampliamente naturalizado en case todas as zonas non moi frías da Península, sendo orixinaria de China, onde se cultiva por servir as súas follas para a alimentación dunha especie de gusano de seda, Samia Cynthia.

Acacia dealbata é orixinaria de Australia e Tasmania, e sábese da súa introdución en España desde 1824. A especie plantouse como ornamental e para fixar taludes do camiño de ferro de Galicia ao longo do século XX. Axiña se espallou polo territorio, especialmente en zonas degradadas, montes queimados, na costa e nas zonas máis cálidas da comunidade autónoma, como O Ribeiro (onde as varas empregábanse para guiar as vides), tornándose unha especie moi invasiva e que supón un gran problema ecolóxico para a biodiversidade dos montes monoespecíficos.

Atópase amplamente naturalizada, invadindo as partes baixas e medias de Galicia até unha altitude de 600 m, formando parte da paisaxe galega. La Voz de Galicia chamaba a atención sobre esta información en marzo e abril de 2011, como pode verse nas imaxes seguintes.

Acacia dealbata impide a rexeneración da vexetación natural alterada debido principalmente á súa facilidade para xerminar e regromar despois dos lunes, unido ó seu rápido crecemento. A súa erradicación é difícil e custosa.

Cortaderia selloana, a herba da Pampa, é orixinaria de certas rexións subtropicais de Sudamérica, ocupando territorios de clima temperado de Arxentina, Uruguai e sur de Brasil, así como en zonas costeiras e vales internos con clima mediterráneo de Chile. Esta especie foi introducida en Europa por un agricultor escocés entre 1775 e 1862. A súa produción comercial comezou en 1874 en EEUU e Europa, e desde entón popularizouse o seu uso como planta ornamental por todo o mundo.

A primeira referencia da súa presencia escapada do cultivo en España rexistrouse no ano 1969 (Sanz-Elorza et al. 2004). Ademais da xardiñeiría, na introdución e dispersión desta especie nun territorio teñen un importante papel as vías de comunicación (autoestradas, estradas, vías de ferrocarril, camiños…), que ademáis de ofrecer grandes superficies de solo sen vexetar ou moi alterado nos seus noiros, favorecen a dispersión das sementes desta especie.

O profesor universitario tamén comentou o caso da Ludwigia glandiflora, destacado pola súa eliminación no Barbaña, nova recollida por La Voz de Galicia (ver a seguinte ligazón: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2016/10/21/adios-planta-invasora-barbana/00031476990232842849179.htm)

Para rematar a actividade, namentres desandabamos o camiño de volta ó colexio, o alumnado tivo a oportunidade de facer uso da aplicación móbil da Uvigo sobre plantas exóticas e invasoras. O manexo desta app pode consultarse na seguinte ligazón: https://tv.uvigo.es/video/5b5b619d8f4208704afcd5ca

 

O Proxecto ambiental NaturezAula, e en particular a organización e desenvolvemento das Xornadas ConCiencia, queren agradecer a colaboración continuada do Dr. Luis González Rodríguez desde o ano 2013.

ECOMagosto

avatar Escrito por salourense98
15 de noviembre de 2019 a las 19:17h

O pasado martes, 12 de novembro, Montealegre recibiu a visita de 225 alumnas e alumnos de EI, EP, ESO e Bacharelato, acompañadas/os por 13 educadores do centro. O operativo, organizado pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense en colaboración co proxecto ambiental NaturezAula, formaba parte do programa Magosto Sostible da cidade.

Entre os obxectivos da actividade destacaba a recollida simbólica do lixo que os participantes nos tradicionais magostos deixaran “esquecidos” no monte, tal e como recollía a edición de Ourense de La Voz o mércores 6 de novembro.

Identificados coas camisolas e gorras proporcionadas polo edil de Medio Ambiente, o alumnado foise incorporando ás labores de recollida selectiva…

… pero o mal tempo non permitiu completar as labores de limpeza. No entanto, o alumnado tivo ocasión de participar en distintos obradoiros programados polo Concello, outro dos obxectivos da xornada…

… como os de reciclaxe, xeotermia e restauración ambiental mediante a plantación de árbores autóctonas, sempre no interior do Parque Botánico de Montealegre.

Entre turno e turno, acompañados en todo momento polos educadores e por monitores e voluntarios, visitaron tamén a exposición de plantas carnívoras na carpa do parque.

Asemade un grupo de escolares do CPR Plurilingüe Santa María de Ourense participou na actividade.

 

Podedes consultar algunhas das entradas nos medios nas seguintes ligazóns:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/informacion-local-ourense-seran-4211595

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2019/11/13/patrullas-ambientales-montealegre/0003_201911O13C4991.htm

Agardamos que actividades como esta fagan posible unha crecente sensibilización ambiental e que medre o respeto pola contorna.

ROTEIRO DIDÁCTICO AMBIENTAL “PONTES DO MIÑO”.

avatar Escrito por salourense98
24 de octubre de 2019 a las 9:31h

O luns 21 de outubro, entre as 16 h e as 17:40 h, tres alumnos e dúas alumnas de 4º de ESO, acompañados polo docente de Bioloxía de Xeoloxía, levaron a cabo o itinerario que se mostra a continuación.

A actividade forma parte do Proxecto de Altas Capacidades PASEOS MATEMÁTICOS POR OURENSE, deseñado por docentes do Seminario de Matemáticas en colaboración co Seminario de Ciencias Experimentais do centro. Os obxectivos da actividade para este trimestre son os seguintes:

1.- Deseñar un itinerario de interpretación ambiental tomando como referencia as dúas marxes do Miño entre a ponte novísima e a ponte do ferrocarril.

2.- Prestar especial atención a pontes, farolas, parques, bancos, edificios singulares… descubrindo que en cada un destes elementos urbanísticos podemos atopar algo relacionado coas matemáticas.

3.- Procurar máis do que a cotío se ve: tomar fotografías, medir estruturas, calcular áreas e volúmenes, pensar en figuras simétricas e buscar outras proporcionais.

4.- Relacionar os datos recollidos con outras disciplinas: arquitectura, etnografía, xeografía, literatura, linguaxe, ecoloxía, física, educación ambiental…

5.- Participar actívamente na recollida selectiva de envases e plásticos que poidamos atopar polo percorrido.

A continuación recollemos algunhas das impresións do alumnado:

Facía unha moi boa tarde, soleada, o que acentuou máis aínda a sorpresa que levamos por todo o lixo que vimos. 

O primeiro lugar onde vimos unha gran cantidade de lixo foi baixo a ponte do milenio. Puidemos ver un vertedoiro incontrolado ó carón dun dos pilares da ponte, desgraciadamente inaccesible para o noso grupo. Sorprendeunos que o Concello de Ourense non reparase neste vertedoiro, dado que nas crecidas do Miño e do Barbaña, a auga arrastra este lixo.

Seguimos o noso itinerario e, de camiño á ponte do milenio, preto da N-525, atopamos algún obxecto extraño, como unha funda de Ipad en bastante bo estado… outra sorpresa.

Na ponte do milenio tomamos algunhas fotos para, noutro momento, poder levar a cabo o tratamento da información e traballar conceptos matemáticos.

De camiño de volta cara a ponte vella, nunhas escaleiras de acceso a vivendas, parcialmente agochadas pola vexetación…

… atopamos unha zona con gran cantidade de residuos: bolsas, envases de deterxente, bricks, botellas de vidro, garrafas de plástico… e ata una bolsa con cables e termináis telefónicos!!! Enchemos un saco.

A nosa impresión foi que, se o sitio está medio agochado, da pé a que xente tire ou deixe cousas alí, como se non estivera mal.

Continuamos cara a ponte nova. Nese treito atopamos bastante lixo baixo as pontes e nos descampados, e puidemos facernos unha idea do tipo de persoas e que actividade estaban a realizar en función do lixo recollido.

Na contorna do parque Miño sorprendeunos a gran cantidade de residuos: cucharas de plástico, vasos, tapóns, envoltorios… relacionados con establecementos de comida rápida e para levar.

Outra cousa interesante foi a gran cantidade de tickets de parking á saída do centro comercial.

En resumo, unha tarde divertida aprendendo algo máis sobre a contorna e sobre a nosa cidade.

O martes, logo das clases, reunímonos no laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía para clasificar o lixo recollido o día anterior.

Separamos os envases da fracción resto, e fotografiamos as mostras para a súa posterior clasificación.

Nesta ocasión, o resultado sorprendeunos outra vez, se cadra porque no momento da recollida non tivéramos tempo de pararnos a estudar moitos dos distintos obxectos que formaban parte do lixo.

Ó cabo dunha hora e media, deixamos a fracción resto no contenedor de lixo do laboratorio, para a súa xestión polos servizos de limpeza do colexio…

… e levámonos os envases repartidos en dous sacos, para botalos en contenedores de recollida selectiva.

Ó alumnado se lle facilitou unha unidade didáctica e o material necesario para acadar os obxectivos. Disporán do que resta de trimestre para completar a tarefa e presentar as súas propostas.

 

Visita a Termatalia e roteiro polo sendeiro periurbano.

avatar Escrito por salourense98
10 de octubre de 2019 a las 10:02h

O 20 de setembro o alumnado de 4º de Ensino Primario estivo de visita en Termatalia, onde aprenderon sobre o uso terapéutico e ecolóxico da auga.

Foi unha experiencia moi relaxante para comezar o curso do xeito máis positivo.

Unha semana máis tarde, o 27 de setembro, o alumnado de 5º de Ensino Infantil levou a cabo o percorrido ponte vella-desembocadura do Loña-Oira-ponte vella.

De volta ó cole houbo tempo para recoller landras para a sementeira no invernadeiro, e tamén para xogar.

Semana da mobilidade.

avatar Escrito por salourense98
10 de octubre de 2019 a las 9:44h

Os días 16 e 18 de setembro alumnado de 6º de Ensino Infantil e de 6º de Ensino Primario participou nas actividades programadas na semana da mobilidade.

O alumnado de 6º de Ensino Infantil levou a cabo un roteiro pola cidade que rematou cunha representación teatral.

O alumnado de 6º de Ensino Primario participou nas actividades organizadas pola Confederación Galega de Persoas Con Discapacidade (Cogami) no entorno do Parque de San Lázaro.

Tiveron tempo tamén para atender ós medios de comunicación.

Podedes ver os programas emitidos por Telemiño nos seguintes enlaces:

https://www.youtube.com/watch?v=oysKpaQCyzI

https://www.youtube.com/watch?v=_WV1bDAcgCI

DE VOLTA, COMO EN CASA.

avatar Escrito por salourense98
10 de octubre de 2019 a las 9:16h

Saúdos e benvidos ó noso blog. Aquí estamos, con novas actividades. Comezamos !!!

VISITA A HENGISTBURY HEAD.

A primeira semana do curso un grupo de alumnas e alumnos de 2º, 3º e 4º de ESO, acompañados por Cristina López, participou no Programa de Inmersión Lingúística do noso centro na localidade de Southbourne, na costa sur do Reino Unido. Entre as actividades que se levaron a cabo destaca a visita do 17 de setembro á reserva natural de Hengistbury Head.

Esta reserva natural atópase preto de Bournemouth, e conta cunhas fermosas vistas sobre a Illa de Wight e Christchurch.

No itinerario por este espazo natural o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de cerca o ecosistema da marisma…

… a flora e a fauna…

… e os aspectos orográficos máis destacados da costa e dos cantís, como a composición e formación dos distintos niveis do solo ao longo do tempo.

Unha interesantísima experiencia moi ben integrada na aprendizaxe do inglés na outra beira da Canle da Mancha.

PREMIOS VOZ NATURA

avatar Escrito por salourense98
15 de junio de 2019 a las 19:57h

O 14 de xuño visitamos as instalacións de La Voz de Galicia en Arteixo para recoller o premio Galicia e o premio ó mellor blog da comunidade Voz Natura. O premio Galicia, dotado con 5.000 euros, conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente; o premio ó mellor blog da comunidade Voz Natura (un iPad) está patrocinado por Coca-Cola.

A expedición, integrada por 16 alumnas e alumnos de 3º e 4º de Ensino Secundario, e catro alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato, acompañados por tres docentes, representou ó centro no acto que se levou a cabo no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.

Nun ambiente distendido, os galardóns foron entregados ó alumnado de todos os centros premiados, acompañado polos seus educadores en todo momento. No noso caso, Alicia, Enrique e Marta foron os encargados de recoller o premio ó mellor blog da comunidade Voz Natura.

Máis tarde, Sara, Fabio e Quique recolleron o premio Galicia.

Logo da entrega de premios, os responsables do acto repartiron ós asistentes en distintos grupos para levar a cabo unha visita guiada polas instalacións de La Voz de Galicia. O noso grupo, guiado por Nazareth Díaz Castro, percorreu as instalacións na compaña dos representantes do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol, gañadores do premio ó mellor vídeo do concurso de vídeos medioambientales de Voz Natura, ¡Así se cuida la naturaleza!

Tivemos ocasión de visitar a planta da redacción e observar de preto o traballo dos xornalistas e a xestión das novas en tempo real…

… atender as detalladas explicacións de Nazareth na zona de deseño e impresión…

… sorprendernos cunha manchea de curiosidades sobre as bobinas de papel e as rotativas…

… e desfrutar dun aperitivo e facernos unha foto coa mascota do evento antes de abandonar as instalacións.

Pola tarde, de volta a Ourense, desviámonos en Bandeira para visitar os miradoiros da fervenza do Toxa, afluente do Deza.

Foi unha xornada de convivencia moi completa, a guinda da nosa participación durante este curso no Programa de Educación Ambiental Voz Natura.

 

VII Roteiro didáctico ambiental polo Concello de Parada de Sil

avatar Escrito por salourense98
24 de mayo de 2019 a las 18:03h

O día 13 de maio boa parte do alumnado de 3º ESO, acompañados por María Molina, Iván e Quique (docentes de Xeografía e Historia, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía e EPVA), levou a cabo un roteiro didáctico ambiental polo concello de Parada de Sil. Os Seminarios de Ciencias Experimentais, Tecnoloxía e E.P.V.A. levan organizando esta actividade desde o ano 2012, e salvo na edición do 2016, o alumnado deste curso de ensino secundario obrigatorio tivo sempre a oportunidade de participar nesta xornada que combina á perfección natureza e patrimonio, axudando a descubrir os valores ambientais e culturais desta zona da provincia de Ourense.

A primeira parada, logo de algo máis dunha hora no transporte, foi na Fábrica da Luz, unha antiga instalación para a producción de enerxía eléctrica situada preto do límite dos concellos de Parada e A Teixeira. Por ese límite discurre o río Mao, labrando un portentoso canón fluvial, aproveitado polo concello para deseñar un sendeiro (o PR-G 177) e construir unha pasarela peonil de madeira desde a que se pode desfrutar dun entorno espectacular.

O alumnado estivo atento a información sobre a flora e a fauna dispoñible por todo o percorrido, presentada en paneis divulgativos didácticos ben integrados na contorna.

Ó chegar a Barxacova, moi preto da desembocadura do Mao no Sil, voltamos pola mesma pasarela, e unha vez nos buses trasladámonos a Parada de Sil, para continuar coas visitas.

No acceso ó miradoiro de Torgás (tamén coñecido como Balcóns de Madrid) paramos para ver o Pozo do Lobo, unha construcción doutra época que, xunto cos foxos do lobo, se empregaba para dar caza a estes animais antes da aparición das armas de lume.

A continuación achegámonos o miradoiro, no límite provincial, con vistas ó impoñente canón do Sil e á beira lucense do concello de Sober.

Antes do xantar, percorrimos un pequeno treito do sendeiro que, entre castiñeiros, Castanea sativa, e carballos, Quercus robur e Quercus pyrenaica, comunica o mirador coa vila de Parada.

Logo do xantar e do tempo de descanso dirixímonos ó Museo do Chocolate de Teimende, onde puidemos descubrir o traballo da familia Casares entre os anos 30 e os anos 80 do pasado século.

Máis tarde, visitamos o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil, un dos enclaves singulares da Ribeira Sacra.

De volta a Parada, vistas e fotos no miradoiro de Castro antes de voltar a Ourense.

Este roteiro forma parte dun ciclo programado polo centro co obxectivo de que o alumnado de ESO e Bacharelato teña a oportunidade de descubrir os valores ambientais e patrimoniais da contorna. As visitas están distribuídas do seguinte xeito:

– 1º ESO Sendeiro Periurbano de Ourense – 1 xornada.
– 2º ESO Bosque de Ridimoas – 1 xornada.
– 3º ESO Parada de Sil – 1 xornada.
– 4º ESO Macizo Central Ourensán – 1 xornada.
– 1º BAC Parque Natural Invernadeiro – 4 xornadas.
– 2º BAC Asturias-León – 3 xornadas.

Con esta actividade poñemos fin as saídas programadas para o curso 2018-2019 polo Seminario de Ciencias Experimentais, en colaboración con outros Seminarios do centro e dentro do Programa de Educación Ambiental VOZ NATURA.

Maqueta topográfica con alumnado de 4º ESO.

avatar Escrito por salourense98
12 de mayo de 2019 a las 17:08h

O alumnado de Cultura Científica de 1º de Bacharelato do curso 2017-2018 deixou rematadas varias pezas da nosa maqueta topográfica, elaborada con cartón a partir de mapas con escala 1:10.000. Outras ficaron o curso sen darlle término, ocasión aproveitada polo alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO deste ano para traballar nas aulas durante este último trimestre.

Nos mapas topográficos un elemento do relevo, como unha montaña por exemplo, se ve cortada por hipotéticos planos paralelos, e represéntase sobre un plano a proxección das liñas de intersección entre os planos e o territorio. Esto da lugar a unha sucesión de curvas de nivel representadas na folla cartográfica correspondente. Se marcamos as curvas de nivel sobre láminas (no noso caso de cartón) e cortamos as liñas resultantes, superpoñendo cada lámina a outras anteriores, recuperamos o caracter tridimensional “agochado” cando se levou a cabo o mapa empregando a altimetría.

Este curso imos tentar rematar as pezas que se ven resaltadas no seguinte mapa. Para facer que a maqueta teña certa proxección vertical, e dado que empregamos láminas de cartón de 2 mm de grosor, estamos a cortar todas as curvas de nivel, de xeito que a escala horizontal será 1:10.000 e a vertical 1:5.000.

O alumnado organizouse nos seguintes grupos de traballo, de xeito que cada grupo “comparte” peza da maqueta con compañeiras/os do outro grupo/aula.

Presentación nas aulas de 4º A e 4ºB, o día 29 de abril, dos contidos e do traballo levado a cabo nos cursos anteriores.

Traballo na aula de 4ºA o 2 de maio.

Traballo na aula de 4ºB o 8 de maio.

No caso de rematar as pezas asignadas, quedarán dúas (A1 e B1) para completar este puzzle topográfico que representa ó concello de Ourense e parte dos concellos limítrofes.

ojd