Actividades do último trimestre.

avatar Escrito por salourense98
27 de junio de 2020 a las 10:50h

O último trimestre deste curso 2019-2020 quedará ligado á crise sanitaria causada polo SARS-CoV-2, responsable da COVID19, que nos levou a todas e a todos ao confinamento polo estado de alarma e a decisión das autoridades de rematar o curso telemáticamente.

Nestas circunstancias, moitas as actividades do noso proxecto foron suspendidas, ou ben presentadas nalgúns casos como suxerencias de traballo para seguir aprendendo e non esquecer a importante labor de concienciación e sensibilización no coidado da contorna. Neste contexto, destacan algunhas actividades nas que a comunidade educativa do noso centro fixo un esforzo para tentar sacar adiante tarefas iniciadas con anterioridade, como darlle unha oportunidade ás frondosas do miniviveiro, rematar as láminas de papel vexetal ou avanzar nas tarefas de deseño dunha unidade didáctica para empregar na visita ó Parque Botánico de Montealegre.

A continuación, amosamos algunhas imaxes representativas das actividades levadas a cabo, seleccionadas entre as moitas desenvolvidas desde infantil a bacharelato.

MINIVIVEIRO DE ÁRBORES AUTÓCTONAS.

Durante o estado de alarma, e cando as condicións foron as axeitadas, familias, educadores, alumnas e alumnos pasaron polo centro para recoller árbores do miniviveiro, e levalos para plantar nas súas fincas, nos arredores da cidade.

LÁMINAS DE PAPEL VEXETAL.

Parte do alumnado de 3º ESO rematou a serie de láminas de papel vexetal, deseñadas a partir de imaxes publicadas neste blog. Este traballo quedou interrumpido o 13 de marzo, a piques de rematar o segundo trimestre. Co inicio do curso 2020-2021 agardamos poder presentar estes deseños nunha exposición temporal para desfrute de toda a comunidade educativa.

VISITA AO PARQUE BOTÁNICO DE MONTEALEGRE.

No horario de saídas dos domicilios durante o estado de alarma, o alumnado de 3º e 4º ESO tivo a oportunidade de achegarse ao Parque Botánico de Montealegre, coa intención de descubrir este espazo e presentar propostas de actividades e dinámicas para levar a cabo no mesmo. Coa participación activa do alumnado, estas tarefas servirán para elaborar unha unidade didáctica que será de utilidade á hora de visitar este espazo, dentro do percorrido polo escape noreste do sendeiro periurbano de Ourense.

Agardamos que teñades un merecido descanso estival. Apertas para todas e todos !!!

LANTERNAMORSE.

avatar Escrito por salourense98
17 de abril de 2020 a las 14:30h

O 28 de marzo, nesta ocasión sen actos nas rúas dado que coincidiu co confinamento polo estado de alarma, celebrouse desde os balcóns e as fiestras a HORA DO PLANETA, unha iniciativa a nivel mundial promovida polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF nas súas siglas en inglés). Esta campaña botou a andar en 2007 en Sidney, impulsada por WWF Australia, e agora suma a 190 países e territorios, coa participación de miles de entidades e millóns de persoas en todo o mundo durante ese día.

Podedes consultar a campaña na seguinte ligazón: https://www.wwf.es/nuestro_trabajo/clima_y_energia/hora_del_planeta

Así seguimos desde Salesianos-Ourense a proposta de lanternamorse na HORA DO PLANETA:

O audiovisual elaborado coas aportacións da comunidade educativa pode verse na seguinte ligazón: https://youtu.be/SsPQDQoB5n8

Esta iniciativa do Fondo Mundial para a Natureza foi recollida por La Voz de Galicia o día 29 de marzo.

HORTA ESCOLAR MAMÁ MARGARIDA

avatar Escrito por salourense98
15 de abril de 2020 a las 11:13h

Durante o curso 2019-2020 o alumnado de Ensino Infantil e Ensino Primario (deseguido EI e EP) participou actívamente en distintas actividades relacionadas coa horta escolar. Este curso bautizamos este espazo como horta escolar Mamá Margarida, na honra de Margarita Occhiena, nai do fundador dos salesianos, Giovanni Melchiorre Bosco, máis coñecido como Xoán Bosco ou Don Bosco.

A finais de outubro o alumnado de EI habilitou nas súas aulas un espazo para amosar os diferentes froitos do outono. Chamáronlle rincón do outono.

A piques de rematar novembro, o alumnado de EI comezou, no invernadeiro da horta escolar, un viveiro de landras e castañas.

Co comezo do ano o alumnado de 4º de EP levou a cabo a posta a punto da horta escolar, arrincando herbas, renovando terra…

… facendo posible que, a finais de xaneiro, o alumnado de EI puidera sementar repolos, patacas, leitugas, allos, cenorias e cebolas.

No mes de febreiro o alumnado de EI participou nun desfile pola contorna do colexio, os nenos disfrazados de flores e os mestres de regadeiras e xardineiros.

Entre os últimos días de febreiro e os primeiros días de marzo o alumnado de EI visitou a horta escolar para ver como medraba o sementado no mes de xaneiro.

Estes últimos días, mentres o alumnado está a respectar o confinamento, moitas e moitos plantaron unha semente na súa casa (faba, lentella…).

Na seguinte ligazón podedes ver o vídeo da horta escolar Mamá Margarida mentres estamos no confinamento: https://www.youtube.com/watch?v=C2ljpvKYFk8

Charla de Pablo Atrio sobre o lobo.

avatar Escrito por salourense98
13 de abril de 2020 a las 17:42h

O 28 de febreiro o alumnado de 2º de Ensino Primario asistiu na Aula Magna do centro a unha charla sobre o lobo.

A charla foi unha iniciativa da Aula de Natureza do Miño, da Concellería de Educación do Concello de Ourense. O seu coordinador, Luis Herminio Amigo Estrada, foi o encargado de presentar ó poñente, Pablo Atrio. Con charlas como esta, a Concellería de Educación tenta fomentar a participación cidadá nos aspectos relacionados coa contorna urbana, ó través da sensibilización, formación e educación, para achegar á poboación o coñecemento da realidade ambiental, xerando unha maior conciencia ecolóxica na procura do equilibrio medioambiental.

O poñente comezou a charla proxectando un anaco do audiovisual “Tras la  sombra del lobo” (Jara y Sedal, RTVE 1996), que podedes ver na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=W28tUS6_D2g

Durante a súa presentación, amosou moitos materiais relacionados co estudo e seguemento destes animais…

… ademáis de trampas, moldes de pegadas, cranios…

… e unha manchea de curiosidades e anécdotas que chamaron a atención do alumnado.

Queremos amosar a nosa gratitude co poñente e co coordinador da Aula de Natureza do Miño por facer posible que esta actividade se levara a cabo no noso centro.

Día dos bosques e das árbores: miniviveiro de árbores autóctonas

avatar Escrito por salourense98
21 de marzo de 2020 a las 17:41h

O pasado mes de novembro o alumnado de 1º de ESO comezou coas tarefas de selección das landras e sementes para o miniviveiro de árbores autóctonas, actividade que estamos a levar a cabo desde 2013.

Sendeiro periurbano de Ourense: beira esquerda do Loña, preto da súa desembocadura no Miño. 

Daquela, alumnado de 4º de ESO en colaboración co axente forestal Xosé Santos Otero, botaba a andar esta inicitaiva dentro do noso proxecto.

Sementeira en terreos arrasados polo lume. Mancomunidade de montes de A Granxa. 

Desde entón, o alumnado de Ensino Infantil e o de 1º de ESO traballan de xeito coordinado na preparación das sementes, uns no invernadeiro da horta escolar, outros no laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía.

Os primeiros brotes deste curso comezaron a deixarse ver en xaneiro…

… e non deixaron de medrar.

O alumnado de 1º non é o único que está a colaborar no coidado das árbores; 1º de bacharelato e 4º de ESO tamén están a botar unha man nas súas visitas ó laboratorio.

Un días antes de que se decretara o estado de alarma polo SARS-CoV-2, o alumnado de 1º de ESO fixo a última visita ó laboratorio.

… e estes días, que estamos a quedar todas e todos na casa, son os salesianos os que regan as árbores e ventilan a estancia.

Hoxe, día dos bosques e das árbores, queremos agradecer o traballo de todas e todos compartindo os versos de Rosalía de Castro na seguinte ligazón:

https://evoeh.bandcamp.com/album/arbore-da-vida-rosalia-de-castro

… e lonxe de deixarnos levar polo desánimo, desfrutar da chegada da primavera.

Exposición en préstamo do CEIDA: “Coidando o noso mar”.

avatar Escrito por salourense98
19 de marzo de 2020 a las 16:10h

En marzo, entre o luns 2 e o luns 9, o alumnado de todos os niveis, acompañados polos seus titores e outros docentes, tivo a oportunidade de visitar a exposición do CEIDA instalada no laboratorio de Física e no laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía. Estaba previsto que a exposición permanecera no centro ata o 18 de marzo, e que todo o alumnado pasara polos laboratorios nalgún momento. Pero a suspensión das clases e o posterior estado de alarma polo virus SARS-CoV-2 (causante da enfermidade coñecida como COVID19) obrigaron a suspender a actividade a mediados da pasada semana. Aínda así, e como poderedes ver nas seguintes imaxes, os cinco paneis da exposición recibiron a un bo número de visitantes.

Luns 2, 3ºA de ESO.

Martes 3, 3ºC de ESO.

Mércores 4, 3ºB de ESO.

Mércores 4, Cultura Científica de 1º de Bacharelato.

Cando solicitamos estes materiais educativos ó CEIDA, algo que levamos facendo desde hai cinco cursos, os docentes do Seminario de Ciencias Experimentais elaboramos un cuestionario sobre contidos relacionados con cada exposición para que o alumnado participe de xeito dinámico na procura das respostas. O alumnado dos cursos que traballan ó través de chromebook puideron consultar as cuestións nun documento dixital compartido polos docentes e procurar información en internet grazas á wifi do centro. Os demáis contaban con copias en papel sobre as que traballar os contidos da exposición.

Xoves 5, Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO.

Venres 6, Bioloxía e Xeoloxía de 1º de ESO.

Luns 9, Bioloxía e Xeoloxía de 1º de ESO.

Queremos agradecer ó CEIDA as facilidades que nos permiten desfrutar destas actividades, así como a tarefa continuada de deseño e conservación das distintas exposicións en préstamo.

Roteiro didáctico de 4º, 5º e 6º de ensino primario por A Coruña.

avatar Escrito por salourense98
27 de febrero de 2020 a las 19:44h

O xoves 13 de febreiro o alumnado de 4º, 5º e 6º de ensino primario, acompañados polos seus titores e outros docentes, pasamos o día en A Coruña.

O alumnado de 4º visitamos o Aquarium Finisterrae, o terceiro dos Museos Científicos Coruñeses, onde aprendemos cousas sobre a vida de diversas especies mariñas e sobre a biodiversidade dos océanos; tivemos a oportunidade de ver como alimentaban ás quenllas e ás focas.

Tamén visitamos a Torre de Hércules, o faro en funcionamento máis antigo do mundo; amosáronnos os restos da base da torre e subimos á parte superior, desde onde puidemos admirar as marabillosas vistas de A Coruña.

O alumnado de 5º visitamos o castelo de San Antón, una antiga fortaleza construida no século XVI. Entre os séculos XVI e XVIII empregouse como infraestrutura defensiva e prisión; máis tarde foi utilizado como lazareto para aillar ós mariños que chegaban á cidade afectados dalgunha enfermidade infecciosa. Declarado Monumento Histórico Artístico no 1949, desde 1994 pasou a ser considerado como un Ben de Interese Cultural con categoría de Monumento. Desde a súa inauguración en 1968, alberga o Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña.

Máis tarde visitamos a Casa das Ciencias, o primeiro dos Museos Científicos Coruñeses.

O alumnado de 6º visitamos o DOMUS, o segundo dos Museos Científicos Coruñeses, e o primeiro museo interactivo do mundo adicado ó ser humano. O edificio, obra do arquitecto nipón Arata Isozaki, conta con máis de 150 módulos interactivos para divertirse e reflexionar sobre as características da especie humana.

O MUNCYT, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, dispón de tres sedes, dúas na Comunidade de Madrid e a que visitamos en A Coruña. Este equipamento actúa como referente social e punto de encontro en materia científica e tecnolóxica desde a consideración de que cada individuo ten un papel importante que desempeñar en ciencia e tecnoloxía.

Foi un día moi divertido e de moita actividade. Queremos voltar de visita canto antes !!!

VI CONGRESO INTERNACIONAL DE EDUCACIÓN AMBIENTAL

avatar Escrito por salourense98
20 de febrero de 2020 a las 12:18h

Do 13 ó 16 de febreiro celebrouse en Alcalá de Henares o VI Congreso Internacional de Educación Ambiental, organizado pola Asociación Española de Educación Ambiental.

Os coordinadores do proxecto Naturezaula tivemos a oportunidade de asistir a este foro de comunicación e intercambio de experiencias.

O VI Congreso Internacional de Educación Ambiental tivo un formato de conferencias, mesas redondas, comunicacións orais, obradoiros e videoconferencias, sen descoidar as visitas guiadas e os tempos para o desfrute da cidade, Patrimonio da Humanidade.

Queremos amosar o noso agradecemento a AEEA (Asociación Española de Educación Ambiental) por convidarnos a presentar o noso proxecto e participar de xeito activo neste congreso; e ó concello de Alcalá de Henares e á universidade da mesma localidade, por acollernos e dar unha manchea de facilidades para o desenvolvemento desta actividade.

O congreso botou a andar o xoves 13 co acto inaugural e a conferencia de María Novo sobre “A educación ambiental en tempos de incerteza e cambio climático”, seguindo cunha mesa redonda sobre «Problemas ambientais do noso tempo» e as comunicacións orais e obradoiros.

Ese mesmo día pola tarde puidemos desfrutar dun itinerario cultural en Alcalá de Henares, organizado polo concello desta localidade de 200.000 habitantes, destacando a relación do franciscano Francisco Jiménez de Cisneros coa historia de Alcalá, na que o cardenal acometeu numerosas e grandes empresas e marcou de manera definitiva á cidade.

Alcalá de Henares é tamén a cidade na que, segundo os estudos do historiador Luis Astrana Marín, naceu Miguel de Cervantes Saavedra. Na localidade consérvase o documento de bautismo do escritor, do 9 de outubro de 1547, así como a casa familiar.

O venres foi o turno de Mario López Martínez, que presentou a conferencia «Resolvendo os conflitos ambientais ó través da non violencia».

Deseguido a mesa redonda «Experiencias en educación e medio ambiente» e as comunicacións orais da mañá.

Visitamos a capela de San Ildefonso, o recinto más antigo de todos os conservados na Universidade de Alcalá de Henares…

… e o lexendario Paraninfo, deslumbrante edificio onde se celebran importantes actos, como a entrega do Premio de Literatura en Lingua Castelá Miguel de Cervantes.

Pola tarde presentamos o noso proxecto, tentando transmitir as ideas na que se sustenta: sentir, aprender e actuar desde a educación ambiental, co sendeiro periurbano, a cidade e os itinerarios ambientais como referentes.

Rematamos a xornada con outras comunicacións orais.

«Cidades humanas e sustentables» foi o tema da mesa redonda do sábado, previa á conferencia de José Antonio Corraliza “Conciencia ecolóxica na infancia. Efectos do programa educativo Naturaliza na poboación escolarizada” e ás experiencias en «Arte e Educación Ambiental».

Na última xornada visitamos as Vegas do Jarama e do Henares, nun itinerario ambiental ofrecido polo concello de Alcalá de Henares.

Neste itinerario descubrimos, entre outras propostas do concello de Alcalá de Henares, as hortas urbanas e as actuacións nas vegas do río, integradas no programa Nature4cities.

Chamou a atención dos participantes o avanzado estado de floración da vexetación de ribeira, destacando os Prunus, as espadanas ou eneas do xénero Typha, e as distintas variedades de Betula.

O paseo rematou na cidade, no Antigo Hospital de Santa María a Rica, onde se celebrou a conferencia de clausura “Dimensións éticas do cambio climático”, por conta de Emilio Chuvieco Salinero.

II ROTEIRO DIDÁCTICO POLOS MUSEOS DE BIODIVERSIDADE.

avatar Escrito por salourense98
31 de enero de 2020 a las 19:49h

O martes 21 de xaneiro, 14 alumnas (5 de A e 9 de B) e 15 alumnos (3 de A e 12 de B) de Cultura Científica de 1º de Bacharelato, acompañados por dous docentes, participamos nun roteiro didáctico que nos levou a Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, seguindo o rastro de varios museos de historia natural e dunha exposición temporal de temática ambiental.

O museo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) foi o primeiro destino do día. Este museo, que se atopa no segundo andar do edificio, está distribuído nunha zona terrestre e outra marítima.

Durante a visita explicáronnos con detalle o laborioso proceso levado a cabo para conservar o esqueleto da balea común (Balaenoptera physalus) de 18 m. O corpo desta balea apareceu, sen vida, na praia de Niño do Corvo (Ponteceso) o 19 de marzo de 2004. Durante varias xornadas un equipo humano de máis de 50 persoas, voluntarias/os da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e da SGHN, e membros de Protección Civil do Concello de Ponteceso, levaron a cabo no propio lugar do varamento as biometrías, necropsia e despezamento.

Dous helicópteros trasladaron os restos ata o Porto de Santa Mariña de Brantuas, desde onde foron levados por estrada (coa axuda dun camión con pluma do Concello de Ponteceso) ata un monte cedido polo Concello de Ferrol, onde foron soterrados durante 26 meses. Pasado este tempo, a terra voltounos libres de boa parte da grasa e dos tecidos, pero aínda houbo que trasladalos ó museo, limpalos e custodialos ata a súa montaxe, recreando o momento en que a balea inicia a inmersión logo de coller aire.

Na zona marítima do museo hai outros esqueletos e maquetas de mamíferos mariños e tartarugas, e destacan as coleccións de cunchas (a conquilioloxía, do grego κογχύλιον, “cuncha pequena”, e -λογία, “tratado”, é a parte da malacoloxía ou estudio dos moluscos que se encarga do estudio científico das cunchas).

Tamén nos falaron de distintos produtos obtidos a partir da caza, tempo atrás, de mamíferos mariños.

No pasillo entre ambas zonas, o alumnado tivo a oportunidade de ver unha lura xigante (Architeuthis dux), capturada accidentalmente por un arrastreiro no “Caladoiro de Carrandi”, entre o canón submariño de Avilés e o de Lastres. Nesa zona do Cantábrico a bacaladilla (Micromesistius poutassou) é unha das presas habituais destes cefalópodos, que a súa vez serven de alimento ós cifios e ós cachalotes (Physeter macrocephalus).

Na zona terrestre do museo puidemos ver seccións vexetais de distintas árbores, mostras naturalizadas, niños de vespas… que nos aclararon bastantes dúbidas en relación a determinadas especies que non estamos afeitos a ver todos os días.

A segunda visita foi á exposición “O noso planeta”, na sede de Afundación, en A Coruña.

Esta exposición (un proxecto de Alastair Fothergill e Keith Scholey) é un chamamento á acción para fomentar a rexeneración da natureza desde hoxe mesmo, coa convicción de que non é demasiado tarde e de que esta tarefa é posible, ademáis de vital para os intereses da humanidade. Seguindo os pasos da serie que se pode ver en Netflix, percorremos selvas menguantes, a sobrexplotada alta mar, os polos que se derreten, pradeiras que se están a convertir en desertos… lamentando toda esta destrucción pero asombrándonos tamén polo moito que queda e pola capacidade da natureza para renovarse, adaptarse e evolucionar.

Logo de visitar as distintas salas participamos nun obradoiro consistente en deseñar unha campaña publicitaria, co obxectivo de chamar a atención sobre algún dos problemas ambientais presentados con anterioridade.

Pola tarde visitamos o museo da USC, situado no Parque de Vista Alegre.

A primeira sala que visitamos explicaba con detalle o ciclo da vespa asiática (Vespa velutina nigrithorax).

A continuación faláronnos de Biodiversidade, da orixe dos exemplares presentes no museo, do traslado da colección desde o edificio da Facultade de Química…

Recreación, no soto do edificio, do aspecto do museo na súa antiga ubicación, no Campus Sur da USC.

Aspecto do equipamento actual.

… e amosáronnos as principais seccións deste equipamento de investigación e educación ambiental…

… para rematar cun obradoiro de identificación de especies, no soto do edificio.

O Seminario de Ciencias Experimentais do centro, por medio do proxecto ambiental NaturezAula, organiza esta actividade complementaria da asignatura de Cultura Científica de 1º Bac, en colaboración coa SGHN, Afundación e a USC.

VIDEOCONFERENCIA con XAVIER FONSECA BLANCO.

avatar Escrito por salourense98
25 de enero de 2020 a las 19:10h

O 22 de xaneiro, ás 12 h (8 h na base Juan Carlos I, na illa Livingston, na Antártida; https://www.youtube.com/watch?v=lSYAY8MJvjg) mantivemos unha videoconferencia con Xavier Fonseca Blanco (responsable de Historias do Tempo en La Voz de Galicia).

Susana Bayo Besteiro, licenciada en Física, especialidade en Atmósfera e Medio Ambiente, investigadora do EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) no Programa Campus da Agua, da Uvigo, colaboradora do programa ambiental do centro desde abril de 2015, presentounos en decembro de 2019 o proxecto de comunicación de Xavier Fonseca, divulgador científico especializado en Meteoroloxía e Cambio Climático, que actualmente está a levar a cabo o Doutorado sobre Comunicación Medioambiental, e está a pasar dous meses na Antártida tras presentar un proxecto sobre educación e comunicación do Cambio Climático.

Á conferencia asistiu todo o alumnado de Cultura Científica de 1º Bac, acompañado por varios docentes do Seminario de Ciencias Experimentais, ademáis de Manuel Galllego (responsable das comunicacións) e a citada Susana Bayo (amiga persoal e colaboradora de Xavier Fonseca).

Nas xornadas previas, o alumnado preparou a sesión redactando preguntas de interese para facerlle a Xavier Fonseca durante a videoconferencia, que se levou a cabo empregando Google Meet. Tamén traballaron en pequenos grupos sobre as publicacións da última semana e artigos científicos relacionados.

A videoconferencia íntegra pode verse en https://www.youtube.com/watch?v=jEGQHvkldAc.

 

ojd