ARRANCAMOS!!!
Este ano custounos un pouco arrincar porque o cole está cheo de novidades que xa vos iremos contando aos poucos e poñer en marcha todos eses cambios custounos máis do que pensabamos.
Pero xa estamos listos para comezar as nosas fazañas medioambientais e nun curso coma este onde queremos acabar co plástico dos nosos océanos que mellor xeito que comezar facendo unha limpeza na praia onde os nosos alumn@s van pasar os días de verán?
Contactamos co colectivo Alecrín para levar a cabo unha limpeza guiada e o máis produtiva posible e non podiamos ter feito mellor elección. Ana, a nosa monitora contounos unha chea de cousas sobre a praia de Cesantes, a súa biodiversidade e coma o vento dispón os residuos da praia nun lugar ou noutro segundo sopre.
Tamén comprobamos o deterioro sobre a duna e coma as nosas acción teñen un impacto directo no medio.
Logo organizámonos en equipos e comezamos a recollida nas algas acumuladas na beira. Ao principio parecía que a praia estaba bastante limpa pero en canto empezamos a separar algas atopamos de todo.
Foi unha maña moi produtiva.
Ao rematar, sentámonos para analizar os nosos achados e sacar conclusións en equipo.
E isto é so o inicio.
Seguide atentos porque este ano imos plantar batalla ao cambio climático!
CELEBRAMOS O DÍA DO MONTE NO CHAN DA COSTA
Un ano máis, e despois de agardar varias semanas a que a choiva nos deixara, celebramos o Día do Monte.
Este ano tocounos ir ao Chan da Costa en Reboreda.
Coma todos os anos celebramos este día en colaboración coas Comunidades de Montes de Reboreda e Ventosela e a Anpa do centro.
Uniformados coas camisetas commemorativas demos un bo paseo ata o Monte.
Alí aproveitamos para facer unha plantación, xa que, o Chan da Costa foi un dos montes afectados nos incendios de outubro do ano pasado.
Ademais, este ano contamos coa colaboración dos Gardas Forestais que nos deron unha charla moi interesantes sobre os incendios e a súa extinción.
Tamén desfrutamos dunha boa merenda campestre e, por suposto, de xogos e tempo para nós aproveitando o entorno e o aire libre.
Antes de emprender o camiño de volta, recollemos o lixo.
Esperamos volver e desfrutar de nova vida no noso monte .
NON AO PLÁSTICO!!!
Hoxe vimos este vídeo na aula e xa estamos pensando que podemos facer nos.
VERMICOMPOSTEIRA
Coma sabedes, os compañeiros de 5º A escolleron a miñoca coma animal a investigar. Xa na súa presentación nos falaron das vermicomposteiras e agora, aproveitando o proxecto Voz Natura, imos ter dúas vermicomposteiras na aula. Os alumnos de 5ºB foron a 5ºA para aprender coma facer unha e logo puxéronse mans a obra. Mirade!!!
APROVEITANDO A AUGA
A falta de chuvia durante este outono (e xa coma segundo ano consecutivo) empeza a ser moi preocupante para todos. Dende o Concello de Redondela dánnos estes consellos para aforrar auga.
LEDES E, SOBRE TODO, CONSUMIDE CON CABEZA!!!
PRIMEIROS TRABALLIÑOS NO HORTO DOS PEQUES
Os sapiens, despois dun duro inverno, xa están inmersos no coidado do noso pequeno horto. Neste curso quixemos unir o coidado do horto coa reciclaxe polo que, coa axuda das familias, recollemos un montón de botellas de plástico que estamos empregando para parcelar o noso pequeno recuncho verde. Queredes ver que ben traballan xa estes pequenos agricultores, son todos uns profesionais!!!
DIA DA ÁRBORE POLOS SAPIENS
Antes de marchar de vacacións de semana santa no cole, como un ano máis, xunto coas comunidades de montes e a ANPA todos os peques do cole celebramos o día da árbore, no monte “Chan da Costa”.
Nesta ocasión, os sapiens, prantamos unha ameixeira, Nerea Lorenzo recibíu un premio polo seu debuxo para o 2º concurso de “Arte libre nun monte limpo”, merendamos uns deliciosos bocatas e ricas mazás e logo, como remate final, xogos sen fin.
OS SAPIENS DECORAN A SÚA ÁRBORE CON PIÑAS
Este ano tocoulles ao pequesreboreda adornar a árbore de nadal. E nesta ocasión quixemos facelo con materiais da contorna e materiais naturais, como: piñas, noces e cacahuetes. Os sapiens decoramos piñas e fixémolo de formas moi diversas, como por exemplo: pintalas, transformalas en bonecos de neve esquiadores, decoralas con purpurina de cores ou…. pegarlles diferentes materiais para darlles un toque diferente.
Queredes coñecer todo o proceso de elaboración? Pois… atentos, atentos que isto vai comezar!!!
![]() |
![]() |
Make a free slideshow design |
MANUALIDADES DE NADAL E RECICLAXE
O Nadal está cada día máis preto e sei que hai cativos que xa empezaron a adornar as súas casas, ao igual que faremos no cole. Coma sempre tentaremos na medida do posible aproveitar materiais que normalmente acaban nos contenedores do lixo.
Atopei un blog con moitas manualidades bastante sinxelas para facer adornos de todo tipo. Algunhas as faremos no cole…e quen se anima a facer na súa casa e traelas para que as vexamos todos? Se os marcapáxinas con tubos de cartón foron un éxito seguro que esto tamén o é!
Se premedes na imaxe accederedes a ese blog con tantas ideas:
RECICLAXE NA AULA DE 3ºB
A nosa aula participa, xunto con outras do centro, no programa Voz Natura. Moitas veces esquecemos que hai cousas moi sinxelas e doadas de facer coas que contribuimos a coidar do medio. Unha delas e a aplicación da regra dos tres R: reducir, reutilizar e reciclar.
O noso obxectivo e ter esta regra presente tanto no funcionamento e organización da aula como nas actividades plásticas, na medida do posible. Por exemplo, decidimos aproveitar unha caixa de folios e outra de froita para facer dous organizadores con compartimentos nos que colocar rotus e regras por un lado e os blocs de debuxo polo outro. Deste xeito quedan recollidos ocupando pouco espacio e ao mesmo tempo é máis fácil atopar o de cada un.