O BOSQUE DOS NENOS. UN POUCO DE HISTORIA
O Concello de Ferrol conta, dende finais do século XIX, cunha serie de terreos coñecidos como o “Legado Carvajal” que suman, aproximadamente, 166.000 metros cadrados. Un deses predios é o que se coñece como O Bosque dos Nenos.
O Bosque dos Nenos está situado en Valón, na parroquia de Doniños e leva ese nome dende que a corporación municipal que gobernou o noso concello entre os anos 1991 e 1995 decidira adicar ese espazo a finca de lecer para os máis pequenos.
A idea desta iniciativa parte do concelleiro Carlos Piñeiro que inmediatamente é compartida polo resto da corporación, comezando así con esta ilusionante actividade. A idea inicial era plantar árbores polos colexios para que posteriormente fosen trasplantadas a esa zona. Tamén se pensou na habilitación de accesos dende San Antonio e dende Valón ou Brión.
Como ocorre outras veces, o tempo de mandato pasou axiña e os concelleiros máis implicados neste labor deixaron o Concello sen rematar o labor iniciado. Quedaron feitas algunhas cousas como a recuperación do muro e a colocación dalgunhas columnas bordeando o recinto. Houbo tempo tamén para paralizar unha corta de carballos que estaba facendo Fenosa por mor do cableado que pasa por riba deste recinto. Ademais, tamén se fixo unha poda de eucaliptos e unha simbólica plantación dos concelleiros e concelleiras nese lugar. Non plantaron, sen embargo, os rapaces e rapazas.
Abandonouse todo despois desa data de 1995.
No ano 2004, un grupo de ensinantes agrupados nunha asociación coñecida como Lapis Verdes, coñecedores deste espazo, acudiron á zona acompañados por un veciño e decatáronse ao momento das enormes posibilidades que tiña aquel lugar que estaba, nese momento, completamente degradado. Puxéronse, pois á obra: solicitaron a axuda de Voz Natura e do Concello e con moita ilusión e o asesoramento da asociación de veciños de Valón retomaron os labores de adecentamento dese espazo.
Hoxe en día os traballos continúan pero, polo menos, xa se pode pasear por el.
O resto da historia está por escribir, e ti podes contribuir a que teña un final feliz.