COLECTIVO LAPIS VERDES

O colectivo didáctico medio-ambiental Lapis Verdes é unha asociación legalmente constituída formada por ensinantes que imparten clases en centros diversos de Ferrolterra.

Lapis Verdes naceu no 2004 coa intención de realizar actividades relacionadas co medio ambiente. Dende aquel entón, e lentamente, fomos poñendo os alicerces sobre os que sustentar este proxecto comezando, primeiramente, por legalizarnos.

Pedíramos daquela aos colexios e institutos interesados que se aprobase en Claustro e Consello Escolar a integración neste colectivo por parte dos centros educativos. Así o foron facendo o IES Concepción Arenal, IES Sofía Casanova, IES Catabois, IES Rodolfo Ucha, IES Carvalho Calero, CEIP de San Xoán de Filgueira, Colexio Lestonnac, Colexio La Salle, CEIP A Solaina, CPI O Feal, IES Terra de Trasancos, CPI Monte Caxado, IES Punta Candieira, CPI Atios e IES Fene. Son, como se pode comprobar, centros de ensino de todo Ferrolterra.

Aínda que tiñamos intención de ir pouco a pouco, isto non nos impediu levar a cabo neste tempo diversas actividades que pasamos a resumir:

  • Excursións e saídas didácticas para ensinantes (Doniños, Belelle, instalacións de enerxía solar en As Pontes, Recinor, etc.).

  • Excursións e saídas didácticas co alumnado (Doniños, Prior, Covas,…)

  • Charlas (enerxía solar, agricultura ecolóxica, residuos, novos combustibles, aforro enerxético…)

  • Mesa redonda sobre Recimil.

  • Intervención ou convite a/de membros de LLVV en diversos actos (Protocolo Kioto en As Pontes, Xornadas de ADEGA, charla do BNG sobre as axendas locais 21, charla de Fuco-Buxán sobre medios de comunicación e medio ambiente, etc).

  • Participación como grupo en distintas mesas da Axenda Local 21 de Ferrol.

  • Elaboración da revista Sostible.

  • Participación na recuperación do Bosque dos nenos e das nenas dentro do programa Voz Natura.

  • Limpeza de basureiros en Prior, así como das praias de A Fragata e O Vilar.

  • Presentación de alegacións ante o Concello de Ferrol na actuación de San Xurxo e Covas.

  • Denuncias diversas ante os medios de comunicación (basureiros incontrolados, as Cabazas, zona urbanizable de Doniños, alumeado de Nadal, etc.).

  • Concurso intercentros do deseño do logotipo.

  • Degustación de produtos ecolóxicos (en colaboración coa Xoaniña e Viriato).

  • Petición de bicis á Consellería.

  • Etc.

Como se pode ver, a nosa asociación está funcionando como estaba previsto: con calma pero sen pausa. O método de organización que temos é a división en grupos (enerxías e aforro enerxético, residuos, Axenda 21, itinerarios, indicadores medioambientais) e as reunións asemblearias que facemos aproximadamente unha vez cada mes.

Leave a Reply