CHARLAS

Escrito por lapisverdes
4 de Xuño de 2009 a las 18:12h

Durante o curso 2006-2007 comezaron a impartirse charlas sobre temas medioambientais, dirixidas, fundamentalmente, a asociacións veciñais e centros de ensino.

Velaí tedes a carta-invitación que se enviou no seu día:

 

 

O colectivo didáctico medio-ambiental Lapis Verdes, por medio deste escrito, ofrécese a toda a Comunidade Educativa para impartir charlas sobre os temas Cambio climático e aforro enerxético ou Residuos e reciclaxe, de forma totalmente gratuíta.

 

Os/as interesados poden contactar con nós no correo lapisverdes@hotmail.com , indicando teléfonos de contacto ou correo electrónico para poñernos de acordo nas datas e públicos a quen vaia dirixida a actividade.

 

 

Un saúdo.

 

 

 

 

 

 

 

O BOSQUE DOS NENOS

Escrito por lapisverdes
3 de Xuño de 2009 a las 18:45h

O BOSQUE DOS NENOS. UN POUCO DE HISTORIA

 

O Concello de Ferrol conta, dende finais do século XIX, cunha serie de terreos coñecidos como o “Legado Carvajal” que suman, aproximadamente, 166.000 metros cadrados. Un deses predios é o que se coñece como O Bosque dos Nenos.

O Bosque dos Nenos está situado en Valón, na parroquia de Doniños e leva ese nome dende que a corporación municipal que gobernou o noso concello entre os anos 1991 e 1995 decidira adicar ese espazo a finca de lecer para os máis pequenos.

A idea desta iniciativa parte do concelleiro Carlos Piñeiro que inmediatamente é compartida polo resto da corporación, comezando así con esta ilusionante actividade. A idea inicial era plantar árbores polos colexios para que posteriormente fosen trasplantadas a esa zona. Tamén se pensou na habilitación de accesos dende San Antonio e dende Valón ou Brión.

Como ocorre outras veces, o tempo de mandato pasou axiña e os concelleiros máis implicados neste labor deixaron o Concello sen rematar o labor iniciado. Quedaron feitas algunhas cousas como a recuperación do muro e a colocación dalgunhas columnas bordeando o recinto. Houbo tempo tamén para paralizar unha corta de carballos que estaba facendo Fenosa por mor do cableado que pasa por riba deste recinto. Ademais, tamén se fixo unha poda de eucaliptos e unha simbólica plantación dos concelleiros e concelleiras nese lugar. Non plantaron, sen embargo, os rapaces e rapazas.

Abandonouse todo despois desa data de 1995.

No ano 2004, un grupo de ensinantes agrupados nunha asociación coñecida como Lapis Verdes, coñecedores deste espazo, acudiron á zona acompañados por un veciño e decatáronse ao momento das enormes posibilidades que tiña aquel lugar que estaba, nese momento, completamente degradado. Puxéronse, pois á obra: solicitaron a axuda de Voz Natura e do Concello e con moita ilusión e o asesoramento da asociación de veciños de Valón retomaron os labores de adecentamento dese espazo.

Hoxe en día os traballos continúan pero, polo menos, xa se pode pasear por el.

O resto da historia está por escribir, e ti podes contribuir a que teña un final feliz.

 

COLECTIVO LAPIS VERDES

Escrito por lapisverdes
28 de Abril de 2009 a las 19:40h

O colectivo didáctico medio-ambiental Lapis Verdes é unha asociación legalmente constituída formada por ensinantes que imparten clases en centros diversos de Ferrolterra.

Lapis Verdes naceu no 2004 coa intención de realizar actividades relacionadas co medio ambiente. Dende aquel entón, e lentamente, fomos poñendo os alicerces sobre os que sustentar este proxecto comezando, primeiramente, por legalizarnos.

Pedíramos daquela aos colexios e institutos interesados que se aprobase en Claustro e Consello Escolar a integración neste colectivo por parte dos centros educativos. Así o foron facendo o IES Concepción Arenal, IES Sofía Casanova, IES Catabois, IES Rodolfo Ucha, IES Carvalho Calero, CEIP de San Xoán de Filgueira, Colexio Lestonnac, Colexio La Salle, CEIP A Solaina, CPI O Feal, IES Terra de Trasancos, CPI Monte Caxado, IES Punta Candieira, CPI Atios e IES Fene. Son, como se pode comprobar, centros de ensino de todo Ferrolterra.

Aínda que tiñamos intención de ir pouco a pouco, isto non nos impediu levar a cabo neste tempo diversas actividades que pasamos a resumir:

  • Excursións e saídas didácticas para ensinantes (Doniños, Belelle, instalacións de enerxía solar en As Pontes, Recinor, etc.).

  • Excursións e saídas didácticas co alumnado (Doniños, Prior, Covas,…)

  • Charlas (enerxía solar, agricultura ecolóxica, residuos, novos combustibles, aforro enerxético…)

  • Mesa redonda sobre Recimil.

  • Intervención ou convite a/de membros de LLVV en diversos actos (Protocolo Kioto en As Pontes, Xornadas de ADEGA, charla do BNG sobre as axendas locais 21, charla de Fuco-Buxán sobre medios de comunicación e medio ambiente, etc).

  • Participación como grupo en distintas mesas da Axenda Local 21 de Ferrol.

  • Elaboración da revista Sostible.

  • Participación na recuperación do Bosque dos nenos e das nenas dentro do programa Voz Natura.

  • Limpeza de basureiros en Prior, así como das praias de A Fragata e O Vilar.

  • Presentación de alegacións ante o Concello de Ferrol na actuación de San Xurxo e Covas.

  • Denuncias diversas ante os medios de comunicación (basureiros incontrolados, as Cabazas, zona urbanizable de Doniños, alumeado de Nadal, etc.).

  • Concurso intercentros do deseño do logotipo.

  • Degustación de produtos ecolóxicos (en colaboración coa Xoaniña e Viriato).

  • Petición de bicis á Consellería.

  • Etc.

Como se pode ver, a nosa asociación está funcionando como estaba previsto: con calma pero sen pausa. O método de organización que temos é a división en grupos (enerxías e aforro enerxético, residuos, Axenda 21, itinerarios, indicadores medioambientais) e as reunións asemblearias que facemos aproximadamente unha vez cada mes.

ojd