ARTE E NATUREZA

Correos e El Corte Inglés en colaboración con Augas de Galicia convocan dous certames artísticos relacionados coa natureza. Se algún ou algunha de vós está interesado/a en participar, pode botarlle unha ollada á seguinte información:

- Correos, co obxecto de fomentar a educación e a formación no respecto ao medio ambiente, convoca o Concurso Nacional de Debuxo, cuxo tema é Debuxa o teu bosque. Consulta as bases.

- El Corte Inglés, coa colaboración de Augas de Galicia (Consellería de Medio Ambiente), a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” (USC), e a Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), convocan o I Certame de Fotografía Auga e vida, como actividade complementaria ao II Certame de relatos curtos Auga e Vida. Consulta as bases.

RECORDATORIO: A HORA DO PLANETA

HOXE 26 de marzo de 2011

entre as 20.30 e as 21.30 horas

APAGUEMOS A LUZ – ACENDAMOS O PLANETA


21 e 22 de marzo

Unhas fermosas fotografías do artista Chema Madoz para conmemorar o día mundial da árbore e da poesía (21 de marzo) e o día mundial da auga (22 de marzo). Felices días a todos/as.

Novo desastre nuclear

“Máis aló de Three Miles Island, sen chegar ao nivel de Chernóbil“. Así describiu o presidente da Autoridade de Seguridade Nuclear francesa, André-Claude Lacoste, o accidente na planta nuclear de Fukushima I, con serios problemas de refrixeración en tres reactores desde o terremoto e o tsunami que arrasaron Xapón o pasado venres 11 de marzo.

As palabras de Lacoste supoñen unha discrepancia co nivel de gravidade que as autoridades xaponesas teñen dado até agora ao incidente. Este foi cualificado como de nivel 4 (“accidente con consecuencias de alcance local”) na Escala Internacional de Sucesos Nucleares (INES). Con todo, a axencia nuclear francesa cre que o accidente alcanzou xa un nivel de 5 (“accidente con consecuencias de maior alcance”), como foi cualificado o da central estadounidense de Three Miles Island, próxima á cidade de Harrisburg, en 1979; ou mesmo 6 (“accidente importante”). A escala INES ten un máximo de 7 (“accidente grave”), que até agora só alcanzou a catástrofe de Chernóbil (Ucrania) en 1986.

O reactor número 2 da central nuclear de Fukushima I (tamén coñecida como Daiichi) tamén presenta a día de hoxe problemas de refrixeración. As dificultades para arrefriar este reactor únense aos problemas nos reactores 1 e 3, nos que se produciron explosións.

Mentres se traballa para atallar o sobrequecemento dos reactores, as autoridades loitan para que as cámaras de contención resistan a presión e os efectos da nova explosión para evitar unha fuga descontrolada de radioactividade.

FONTE

Mobilízate pola selva

O Departamento de Ciencias Naturais do IES Ramón Caamaño promove MOBILízate pola selva, unha campaña centrada na protección dos ecosistemas africanos mediante a reciclaxe de teléfonos móbiles.

Esta iniciativa, ideada e organizada polo Instituto Jane Goodall (Centro para a investigación da vida salvaxe, a conservación e a educación), propón alongar a vida útil dos nosos móbiles permitindo así:

1. REUTILIZAR terminais e reducir a demanda dos seus compoñentes.

2. RECICLAR elementos útiles e dispor, dun modo axeitado, os materiais tóxicos para evitar a contaminación do medio.

3. RECADAR fondos para proxectos coma os levados a cabo no Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga, na República Democrática do Congo.

No blogue de Ciencias da Natureza atoparedes toda a información para colaborar nesta importante campaña.

Entroido 2011

Globos, xornais, cartón, cola e pintura son os materiais cos que, os rapazas e rapazas do IES Ramón Caamaño, elaboraron novamente este ano os seus cabezudos, caretas e antefaces.

No seguinte vídeo podedes apreciar as posibilidades que ofrecen estes materiais sen necesidade de recorrer a máscaras compradas de plástico ou goma.

embedded by Embedded Video

YouTube Direkt

Disfrace reciclado

O venres día 4 de marzo tivemos festa de entroido no centro. Tanto o alumnado coma o profesorado metémonos na pel de distintos personaxes propios dos contos populares: piratas, princesas, reis, animais, bruxas…

Había disfraces e complementos de todo tipo, algúns deles elaborados con materiais de refugallo. Nas seguintes imaxes podedes ver os materiais utilizados para a confección dun disfrace de ratiña.

Xa chega o entroido…

Este ano, coma o pasado, todo o alumnado do IES Ramón Caamaño está desexoso de que chegue o entroido. En primeiro lugar, claro está, porque temos vacacións e poden ir de troula polas rúas; en segundo lugar,  porque teñen moitísima ilusión por disfrazarse e actuar no festival, e en terceiro (e non menos importante lugar) por lucir as súas máscaras, caretas e cabezudos elaborados con papel e cartón. Ademais, este ano, veremos algún disfrace confeccionado exclusivamente con material de refugallo.

Dentro dun par de semanas mostrarémosvos os resultados. Para ir abrindo boca podedes ver os estupendos traballos que realizaron por estas datas o curso pasado.

embedded by Embedded Video

YouTube Direkt

Apaga a luz e acende o planeta

Voz Natura súmase á campaña “A Hora do Planeta”

O pasado ano milleiros de cidadáns de todo o mundo, nun exemplo de loita contra o cambio climático, apagaron as súas luces durante unha hora sumándose así á campaña “A Hora do Planeta”. Este ano Voz Natura anímanos a todos os participantes nos proxectos mediambientais a promover esta iniciativa na nosa contorna.

A cita será o próximo 26 de marzo, entre as 20.30 e as 21.30 horas

APAGUEMOS A LUZ E ACENDAMOS O PLANETA!

Por certo, se entrades na páxina oficial da Hora do Planeta poderedes simbolizar o voso compromiso apuntándovos e colocando unha bombilla nun mapa virtual. Animádevos!

Logotipo gañador

Despois de moito traballo xa temos un logotipo gañador para facer os pins. Tras unha votación na que participaron os corenta e tres alumnos e alumnas de 1º ESO decidiuse, por maioría absoluta, que o deseño de Christian Castro e Rubén Gómez vai ser o que se utilice para facer as chapas.

Dentro da nosa campaña de sensibilización para o aforro de auga tamén estaba previsto elaborar uns carteis para situar nos baños e nas aulas do centro onde se utilizase auga; para decoralos aproveitamos os outros deseños de logotipos que tamén son moi chulos.

Ademais, os rapaces e rapazas de 1º ESO están a facer un grande panel a modo de manifesto onde se recollen uns consellos para aforrar auga; cando o rematen presentaranllo ao resto da Comunidade Educativa para que todos/as reflexionemos sobre a necesidade de non malgastar este ben tan necesario e actuemos en consecuencia.

A continuación podedes ver un vídeo que mostra o logotipo gañador e os distintos carteis.

embedded by Embedded Video

YouTube Direkt