Novo desastre nuclear

“Máis aló de Three Miles Island, sen chegar ao nivel de Chernóbil“. Así describiu o presidente da Autoridade de Seguridade Nuclear francesa, André-Claude Lacoste, o accidente na planta nuclear de Fukushima I, con serios problemas de refrixeración en tres reactores desde o terremoto e o tsunami que arrasaron Xapón o pasado venres 11 de marzo.

As palabras de Lacoste supoñen unha discrepancia co nivel de gravidade que as autoridades xaponesas teñen dado até agora ao incidente. Este foi cualificado como de nivel 4 (“accidente con consecuencias de alcance local”) na Escala Internacional de Sucesos Nucleares (INES). Con todo, a axencia nuclear francesa cre que o accidente alcanzou xa un nivel de 5 (“accidente con consecuencias de maior alcance”), como foi cualificado o da central estadounidense de Three Miles Island, próxima á cidade de Harrisburg, en 1979; ou mesmo 6 (“accidente importante”). A escala INES ten un máximo de 7 (“accidente grave”), que até agora só alcanzou a catástrofe de Chernóbil (Ucrania) en 1986.

O reactor número 2 da central nuclear de Fukushima I (tamén coñecida como Daiichi) tamén presenta a día de hoxe problemas de refrixeración. As dificultades para arrefriar este reactor únense aos problemas nos reactores 1 e 3, nos que se produciron explosións.

Mentres se traballa para atallar o sobrequecemento dos reactores, as autoridades loitan para que as cámaras de contención resistan a presión e os efectos da nova explosión para evitar unha fuga descontrolada de radioactividade.

FONTE

Leave a Reply

See also: