WWF comezou como un pequeno grupo de entusiastas comprometidos co medio ambiente. Cincuenta anos despois, converteuse nunha das organizacións de conservación da natureza máis importantes do mundo. WWF está presente en máis de cen países e conta co apoio de cinco millóns de persoas dos cinco continentes.
Todos os esforzos de WWF ao longo destes 50 anos estiveron orientados a:
BUSCAR A HARMONÍA ENTRE O SER HUMANO E A NATUREZA.
WWF EN ESPAÑA
En novembro de 1968 un grupo de persoas preocupadas polo coidado da natureza no noso país plantaban a semente do que máis tarde se convertería na sección española de WWF.
Nas súas orixes chamouse Asociación para a Defensa da Natureza, máis coñecida como ADENA e, posteriormente, uníronse á rede WWF, pasándose a chamar primeiro Adena/WWF e finalmente, desde 2009, WWF, o nome que adoptan na actualidade.
O seguinte vídeo resume o seu traballo diario, así como os principais desafíos e obxectivos da organización.
Achégase o verán, a época do ano na que máis tempo pasamos nas praias e, precisamente por iso, a época do ano na que nos decatamos da cantidade de suciedade producida polo ser humano que queda depositada entre as rochas, na area ou flotando na propia auga.
Todos e todas queremos desfrutar desas fermosas praias que afortunadamente temos na nosa terra pero, para iso, tamén todos e todas debemos protexelas evitando ensucialas e procurando limpalas.
Como xa anunciamos nunha entrada anterior, o xoves día 2 de xuño fixemos unha visita pola nosa contorna para coñecer distintos lugares de interese ambiental. Mariánn Sambad, técnica de Medio Ambiente do Concello de Muxía, guiounos nesta saída que comezou no Paseo Fluvial da Fonte da Tella (Os Muíños) onde visitamos unha ETAP (ESTACIÓN DE TRATAMENTO DE AUGA POTABLE). Mariánn explicounos as distintas fases polas que debe pasar a auga procedente do río para que sexa posible a súa potabilización.
A nosa segunda parada foi a zona portuaria de Muxía, onde está situada unha ESTACIÓN DEPURADORA DE AUGAS RESIDUAIS (EDAR). Alí, despois de protexernos con máscaras e luvas, explicáronnos como as augas residuais reducen ao máximo a súa contaminación tras ser sometidas a diferentes procesos.
Para respirar un pouquiño de aire e facer algo de exercicio, ao saír da depuradora subimos andando ata o Miradoiro do Corpiño, un monte situado entre a poboación de Muxía e o Santuario da Virxe da Barca. Desde este lugar desfrutamos da fermosa paisaxe que rodea á localidade de Muxía: o cabo e faro Vilán, a ría de Muxía e Camariñas, a praia de Leis, a praia do Lago, o monte Facho de Lourido, a punta Cachelmo e a punta da Buitra.
Finalmente visitamos o Cabo Touriñán onde puidemos descubrir a presenza de dous faros: o antigo (de 1898) e o novo (de 1981).
A nosa intención era rematar o percorrido na praia de Nemiña e poder facer algunha actividade de limpeza da contorna pero botóusenos o tempo encima así que, noutra ocasión será…
O Día Mundial do Medio Ambiente é un dos principais vehículos que as Nacións Unidas utilizan para fomentar a sensibilización mundial sobre o medio ambiente e promover a atención e acción política respecto diso.
Este ano a India será por vez primeira a sede mundial do Día Mundial do Medio Ambiente o día 5 de xuño. O tema Bosques: a natureza ao seu servizo subliña a relación intrínseca entre a calidade de vida e a saúde dos bosques e os ecosistemas forestais.
Na páxina web da PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) móstranse interesantes suxestións para celebrar este día. Ademais inclúe o ARQUIVO AO REDOR DO MUNDO: actividades organizadas nos últimos anos en máis de 112 países neste sinalado día.
O alumnado de 1º ESO xa está disposto para participar nunha nova saída mediambiental. O día 2 de xuño, coa axuda de Voz Natura e a colaboración do Departamento de Bioloxía e o Concello de Muxía, faremos un percorrido por distintos lugares de interese ambiental:
Paseo Fluvial da Fonte da Tella
Depuradora de auga potable
Depuradora de auga residual
Monte Corpiño
Faro Touriñán
Praia de Nemiña
Nunha próxima entrada do blog publicaremos os resultados desta actividade.
Recordámosvos que o SÁBADO 4 DE XUÑO Voz Natura celebra a gran festa fin de curso desta edición no parque Deportivo de Acea de Ama en Culleredo (A Coruña).
Desde as 11 da mañá até as 19.30 da tarde os asistentes poderán gozar dunha xornada repleta de xogos, obradoiros e actividades culturais e deportivas con entrada libre e gratuíta para todos, participen ou non no programa.
Na festa estarán expostos os traballos realizados polos 272 centros participantes este curso e terá lugar a entrega dos premios aos mellores traballos.
Para ampliar a información sobre actividades, localización… podedes entrar na web de VOZ NATURA.
A pasada semana celebramos a SEMANA DAS LETRAS GALEGAS no noso centro. Por un lado foron expostos os carteis elaborados pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que resultaron gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2011 (promovido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia). Ademais foi exposta a pancarta realizada polo alumnado de 3º ESO, coa que o noso centro gañou o concurso de pancartas do CORRELINGUA 2011 na cidade de A Coruña o día 4 de maio.
Por outra banda propúxoselle ao alumnado de 1º ESO a participación nun concurso de marcadores de páxinas centrados na figura do autor homenaxeado, Lois Pereiro. Materiais de refugallo como papeis, lazos, teas, follas, fío… e técnicas coma o colaxe, estampado, debuxo con rotuladores, papel maché… foron algúns dos recursos aplicados polos alumnos e alumnas participantes nas súas orixinais creacións.
Hoxe, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ramón Caamaño, resolveu outorgar os seguintes premios:
Estes últimos días os rapaces e rapazas de 1º ESO están a idear obxectos ou mecanismos que permitan a reciclaxe de auga. Para elaboralos deberán utilizar distintos materiais de refugallo: plásticos, cartóns, papel…
Antes de poñerse a traballar e co fin de inspirarnos e axudarnos a reflexionar, analizamos distintos inventos atopados na rede relacionados con este tema.
Aproveitando a boa climatoloxía destes días para facer actividades fóra da aula, estivemos a traballar no xardín do noso centro, que actualmente amosa unhas bonitas cores grazas ás distintas plantas e flores (entre elas os fermosos tulipáns). O seguinte vídeo inclúe unhas imaxes do preparado dun valado e as distintas tarefas realizadas no xardín.
O alumnado de 1º ESO A e 1º ESO B estivo elaborando durante estes meses unha campaña de sensibilización centrada no aforro de auga. Entre as distintas actividades desenvolvidas destacan:
- Cálculo e posta en común da auga que utilizamos por persoa e día e posterior debate sobre os excesos no consumo deste produto.
- Recompilación dunha serie de consellos para aforrar auga.
- Deseño de logotipos cos que foron elaborados chapas, que se distribuíron entre todos os membros da Comunidade Escolar, e carteis.
- Elaboración dun panel coas recomendacións para aforrar auga.
- Presentación e difusión do traballo elaborado no centro.
Da presentación dos materiais elaborados encargáronse os rapaces e rapazas de 1º ESO A, que percorreron todas as aulas do centro para concienciar ao alumnado e profesorado da necesidade da colaboración de todos e todas. Finalmente situouse o panel na entrada do centro e os carteis recordatorio nos baños, no laboratorio e na aula de plástica.