Monthly Archives: Decembro 2011

O RÍO ANLLÓNS:

Nas ribeiras do Río Anllóns medra unha estreita banda de árbores que forman os bosques da ribeira. Cumpren un papel ecolóxico fundamental para axudar a conservar os nosos ríos e a súa diversa flora e fauna. Estes bosques tamén diversifican a paisaxe, ofrécenos distintos aproveitamentos e servizos, filtran as augas contaminantes e forman un corredor natural que facilita a dispersión de especies.

No río existe moita diversidade de vida, interrelacionada e sustentada polo bosque de ribeira. Todas estas especies teñen unha importante función no ecosistema, asegurando o seu equilibrio.

Adxuntamos un enlace da galería de fotos, sobre o Río Anllóns, da web do concello de Ponteceso:

http://www.ponteceso.net/ca/turismo/index.php?mod=int&tip=9&lug=60&gal=1

UNHA ORQUÍDEA NO NACEMENTO DO ANLLÓNS:

Dicía o grande xeólogo laxense «Isidro  Parga Pondal», que o río Anllóns non nacía onde a maioría cría, en Mantiñan (Soandres), no Monte «Ghalo» (mal chamado Xalo), se non que nace  no monte Pedrouces tamén na mesma parroquia. Nace na Primeira Fonte e despois métese en terras de Meirama ( Cerceda) e volta novamente para Soandres.

Pedrouces non só é berce deste orixinal río que é arteria desta Beira de Bergantiños, tamén o é de unha orquídea chamada Satirón Apincarado (Dactilorbiza maculata).  Esta especie é moi variábel e pode ser confundida con a D.elata, outra orquídea que se da  tamén na nosa comarca, Bergantiños.

Bela flor para un monte máxico que esconde aínda mais tesouros descoñecidos para a maioría de nós.

SOMOS O CRA NOSA SEÑORA DO FARO!:

Somos o CRA NOSA SEÑORA DO FARO, situado en plena Costa da Morte.

O noso Centro está formado por 9 escolas unitarias distribuidas por pequenas aldeas dos concellos de Malpica e Ponteceso: Xornes, Pazos, Tallo, Tella, Ponteceso, Brántoas, Campara, Mens e Barizo. Temos escolarizados a alumnos de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria (entre 3 e 7 anos).

Traballamos e participamos no Proxecto Voz Natura dende a primeira edición, e xa levamos 14!! máis nunca nos animáramos a crear un blog específico para todas as actividades que levamos a cabo na aula, relacionadas có medio ambiente.

Este ano animámonos a facelo para que todos aqueles que se sintan interesados nestas tarefas poidan coñecer as actividades que elaboramos en relación á deforestación dos bosques, plantación de árbores, arbustos…, coidado e mantemento de espazos verdes, reciclaxe, fomento de aforro da auga, etc.

Finalmente dicir que, emprendemos este blog con moita ilusión e esperamos que disfrutedes tanto del coma nós o vamos facer.