Archivo para Novembro 29th, 2015

Presentación dos proxectos e despedida do CEAM de Villardeciervos

Domingo, Novembro 29th, 2015

O pasado venres foi día para a realización dos proxectos de cada un dos centros participantes e para as despedidas, a semana chegou ao seu fin.
Os nosos alumnos presentaron o seu proxecto “Das augas do Tea ás augas de Tera”. O primeiro foi mostrar o traballo realizado semanas atrás para determinar a calidade das augas do noso río, para posteriormente realizar as oportunas medicións e mostraxes no arroio Cervas, afluente do río Tera, e así comparar o “limpas” que están unhas e outras.
Comida e tempo para as despedidas. Tras unha intensa semana de convivencia, ponteareáns e arcobrigenses forxaron recordos e lazos de amizade que, de seguro, perdurarán no tempo. Boa proba diso foi a despedida: abrazos, bágoas e promesas de reencontro encheron o patio do centro durante longo tempo. A media tarde cada grupo xa viaxaba para as súas respectivas localidades.

Grazas a todos: Dirección e traballadores do CEAM de Villardeciervos, profesores do IES Ribera del Jalón e do Santiago Apóstol e a todos os alumnos, verdadeiros protagonistas dunha experiencia inesquecible.

Visita ao Parque Natural de Lago de Sanabria

Domingo, Novembro 29th, 2015

O diario da participación dos alumnos de 4º ESO no Ceam de Villardeciervos está a piques de pecharse. Xa empeza a ser difícil elixir cal foi o mellor día, a mellor actividade, que nos sorprendeu máis, ou onde o pasei mellor. Onte tivemos un completo programa no Parque Natural do lago de Sanabria e arredores.
A nosa primeira parada foi a “Casa do Parque” que é o centro de interpretación do Parque Natural. Tras as oportunas explicacións sobre a xeomorfoloxía do lugar, a súa flora e a súa fauna característica, preparámonos para realizar o que din é, o máis bonito e histórico carreiro do lugar, a ruta dos monxes. Non exento de dificultade (e auga), o tortuoso camiño levounos até Ribadelago. Alí fomos conscientes da súa recente máis triste historia.

Logo comida, e á praia. Fómonos aos “areais de Vigo”, e aínda que polo seu nome puidese parecer que estivésemos xa preto da casa, seguiamos, por suposto, ás beiras do Lago de Sanabria.

Tarde en Puebla de Sanabria, con paseo pola zona medieval, e volta ao centro para cear e preparar a actividade da noite. Esta vez tocou aos alumnos expor parte dos traballos realizados por eles nos seus centros para dar a coñecer ben a súa contorna natural, como foi o noso caso, ben a súa riqueza cultural, histórica e natural, como fixeron os alumnos e alumnas sorianos. Intercambio de obsequios entre alumnos dos centros participantes e a descansar.

ojd