Archivo para Novembro, 2015

Presentación dos proxectos e despedida do CEAM de Villardeciervos

Domingo, Novembro 29th, 2015

O pasado venres foi día para a realización dos proxectos de cada un dos centros participantes e para as despedidas, a semana chegou ao seu fin.
Os nosos alumnos presentaron o seu proxecto “Das augas do Tea ás augas de Tera”. O primeiro foi mostrar o traballo realizado semanas atrás para determinar a calidade das augas do noso río, para posteriormente realizar as oportunas medicións e mostraxes no arroio Cervas, afluente do río Tera, e así comparar o “limpas” que están unhas e outras.
Comida e tempo para as despedidas. Tras unha intensa semana de convivencia, ponteareáns e arcobrigenses forxaron recordos e lazos de amizade que, de seguro, perdurarán no tempo. Boa proba diso foi a despedida: abrazos, bágoas e promesas de reencontro encheron o patio do centro durante longo tempo. A media tarde cada grupo xa viaxaba para as súas respectivas localidades.

Grazas a todos: Dirección e traballadores do CEAM de Villardeciervos, profesores do IES Ribera del Jalón e do Santiago Apóstol e a todos os alumnos, verdadeiros protagonistas dunha experiencia inesquecible.

Visita ao Parque Natural de Lago de Sanabria

Domingo, Novembro 29th, 2015

O diario da participación dos alumnos de 4º ESO no Ceam de Villardeciervos está a piques de pecharse. Xa empeza a ser difícil elixir cal foi o mellor día, a mellor actividade, que nos sorprendeu máis, ou onde o pasei mellor. Onte tivemos un completo programa no Parque Natural do lago de Sanabria e arredores.
A nosa primeira parada foi a “Casa do Parque” que é o centro de interpretación do Parque Natural. Tras as oportunas explicacións sobre a xeomorfoloxía do lugar, a súa flora e a súa fauna característica, preparámonos para realizar o que din é, o máis bonito e histórico carreiro do lugar, a ruta dos monxes. Non exento de dificultade (e auga), o tortuoso camiño levounos até Ribadelago. Alí fomos conscientes da súa recente máis triste historia.

Logo comida, e á praia. Fómonos aos “areais de Vigo”, e aínda que polo seu nome puidese parecer que estivésemos xa preto da casa, seguiamos, por suposto, ás beiras do Lago de Sanabria.

Tarde en Puebla de Sanabria, con paseo pola zona medieval, e volta ao centro para cear e preparar a actividade da noite. Esta vez tocou aos alumnos expor parte dos traballos realizados por eles nos seus centros para dar a coñecer ben a súa contorna natural, como foi o noso caso, ben a súa riqueza cultural, histórica e natural, como fixeron os alumnos e alumnas sorianos. Intercambio de obsequios entre alumnos dos centros participantes e a descansar.

Visita ás “Arribes del Duero” e a un obradoiro de olaría. Día 3.

Venres, Novembro 27th, 2015

A nosa participación no Ceam de Villardeciervos levounos ate o Parque Natural de Arribes del Duero. O itinerario comezou, despois dun breve traslado en autobús, na ermida da nosa Señora do Castelo, preto do miradoiro das barrancas, desde o que xunto con espectaculares vistas dos escarpados canóns escavados polo río Douro, puidemos contemplar en pleno voo a unha das poboacións máis abundantes de voitres de toda a Península. A partir de aquí, entre enebros ao principio e aciñeiras despois, percorremos boa parte do arroio Pisón até o pobo de Fariza.

Despois de comer, visitamos o taller de olaría de Mª Carmen, en Movemos. Alí puidemos observar pampos como, co torno e as súas mans, elaboraba coa especial arxila da zona diferentes pezas cunha habilidade sorprendente. Todos quixemos probar a facelo, pero só algúns puideron comprobar que este oficio milenario require á vez que técnica, moita práctica. Interesantísima actividade da que algúns levarán un recordo para toda a vida (se non cae e rompe).
Taller de historia da navegación para concluír o día coa construción dun recortable que funciona como un astrolabio, que permite determinar a altura dun astro e deducir, segundo esta, a hora e a latitude

.

  

 

  

   

Visita a Peña del Castro, GPS, velas e unha radiografía

Xoves, Novembro 26th, 2015

Amenceu un frío pero asollado día en terras de Zamora e os 47 mozos e mozas dos dous centros, despois de coller forzas cun bo almorzo e organizar as súas habitacións, dispuxéronse a encarar unha estupenda mañá.

Os seus monitores tíñanlles preparado un bonito itinerario pola serra, no que a través de variadas microleccións de botánica, zooloxía e xeoloxía, co seu correspondente caderno de traballo, foron lembrando sobre o terreo moitos dos contidos impartidos ao longo destes anos nas aulas.

Pola tarde seguiron en contacto coa súa contorna natural realizando un exercicio de orientación no campo con sistema GPS, para xa continuar nas instalacións do centro cun obradoiro de confección de velas con diferentes fragrancias.

A xornada deparáballes unha última sorpresa cun paseo nocturno baixo unha lúa chea que o iluminaba todo, para tentar descubrir os sons da noite no bosque, que concluíu coa lectura dalgún dos episodios máis significativos do que foi e é a loita pola protección do noso medio ambiente.

A anécdota do día: un pisotón nun dedo de Jorge na noite do luns,  160 Km ida e volta a Zamora para unha radiografía, 4 horas (toda a tarde) para confirmar o que todos desexabamos: con este mozo non hai quen poda.

Mañá itinerario polas “Arribes do Douro”.

 

Os alumnos de 4º de ESO no CEAM de Villardeciervos

Mércores, Novembro 25th, 2015

24 alumnos e alumnas de 4º ESO iniciaron este luns a súa estadía dunha semana no Centro de Educación Ambiental de Villardeciervos (Zamora) xunto con outros tantos alumnos do IES Ribera del Jalón de Arcos del Jalón (Soria), onde realizarán en convivencia unha serie de actividades, rutas e obradoiros co obxectivo de seguir traballando hábitos e valores en Educación Ambiental.
A nosa participación foi posible grazas á aprobación por parte do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte do proxecto presentado polo notro centro no que ademáis de promover o contacto dos alumnos coa contorna natural, realizaremos unha comparativa entre a calidade das aguas do noso río Tea e as augas doutro río como é o Tera, que discorre por esa comarca zamorana.
Neste primeiro día, vivido polos nosos alumnos con ilusión, curiosidade e entusiasmo, fumos acollidos á chegada polos monitores do centro que nos acomodaron, explicaron  o seu funcionamento e  normas de convivencia e nos ensinaron o pobo de Villardeciervos a traverso dunha entrenida gymkana polas súas rúas. Maña, ben cedo, itinerario pola serra…

Mais FOTOS

FABRICACIÓN DE XABÓN ARTESÁN.

Domingo, Novembro 8th, 2015

O  mércores 30 de setembro, os alumnos de 3º de ESO realizaron un taller de  xabón artesán.
Este taller, ademais de axudar a estimular a creatividade dos alumnos e a sensibilidade polo medio ambiente, axudou a que os alumnos entendesen mellor o concepto de reacción química e que aprendesen conceptos de química de xeito divertido. Aprenderon a técnica de elaboración de xabón artesán de aceite de oliva procesado en frío, a reacción de saponificación e a importancia de reciclar. Os alumnos e alumnas quixeron aportar tamén o seu gran de area ao Mercadillo Solidario a favor do cancro de mama, elaborando xabóns de glicerina que se puxeron á venda o sábado 3 de outubro na Praza Maior

ojd