Archive

Posts Tagged ‘plantas’

Cultivo sen terra

Mira o seguinte vídeo

embedded by Embedded Video

YouTube Direkt

Polo visto as plantas tamén poden crecer sen terra, pero necesitan nutrientes e fertilizantesque deben atoparse no líquido no que se desenvolven as raíces. A técnica chámase hidroponía.

Tamén se pode intentar construir este sistema de forma caseira.

embedded by Embedded Video

YouTube Direkt

Nun libro de ciencias da natureza sinálase que «as plantas necesitan incorporar do medio os bioelementos cos que fabrican as súas propias moléculas orgánicas»

Unha pregunta a modo de desafio:

De que se alimentan as plantas?

cultivo hidropónico

As plantas tamén falan

A finais de outubro apareceu publicado en La Voz de Galicia un artigo que fai referencia á linguaxe das plantas, non só como transmisora de mensaxes humanas, senón tamén como imaxe da comunicación directa co mundo animal. Este texto invita á reflexión sobre a perda de significados e connotacións naturais que tantas veces corremos o risco de perder coa mensaxe tecnolóxica, sen que esta sexa culpable de que deixemos esquecidos moitos outros aspectos e emocións da nosa vida cotiá. Polo seu sigular contido e pola súa coidada forma recomendamos a lectura deste artigo e queremos saber a vosa opinión.

PALABRAS NA PAISAXE

A linguaxe das plantas

Os vexetais teñen capacidade para comunicarse cos animais

Nestes tempos de eseemeese e guasáp parece anacrónico apelar aos símbolos botánicos que durante centurias empregaron os nosos devanceiros para comunicaren as súas emocións máis intensas.

Non hai tanto tempo, a xente utilizaba flores coma hoxe emoticóns. Enviar unha papoula significaba consolo, un caravel amarelo, desdén; unha xenciana, inxustiza; un hibisco, amor voluptuoso; unha hortensia, indiferenza; unha margarida, pensarei sobre o que me dixeches; unha peonia, estou avergoñado; unha petunia, non perdo a esperanza; un pensamento, só penso en ti; unha rosa amarela, teño ciúmes; unha rosa vermella, amor apaixonado; unha vincapervinca, amizade. E outras moitas mensaxes máis.

Algunhas plantas teñen connotacións simbólicas desde a máis remota antigüidade. O loureiro simbolizaba o éxito na cultura grecolatina e a figueira a iluminación para os budistas. Os cadros, esculturas e textos antigos están inzados de significados ocultos nos vexetais que neles aparecen. Por poñer un exemplo, a canción medieval Scarborough fair, popularizada nos anos 80 por Paul Simon e Art Garfunkel, repite coma un mantra en cada retrouso «parsley, sage, rosmary and tyme» (pirixel, sarxa, romeu e tromentelo). Non se pode entender o significado do reproche do namorado implícito nestes versos sen coñecer as calidades da dama ás que aluden as plantas. En fin, que lle chamaba de todo menos bonita.

Polinizar ou sementar

Pero, á marxe da linguaxe das plantas creada por humanos para comunicárense con humanos, as plantas posúen unha verdadeira linguaxe, sutil e ignota, que lles permite comunicarse con certos animais. En realidade, trátase dun incrible proceso de coevolución entre as plantas e os animais dos que se serven para polinizarse ou para diseminar as súas sementes. Longo e esgrevio proceso guiado polos designios da selección natural.

Vexamos un caso desta coevolución: a dama de noite. É un arbusto da familia das solanáceas, como a pataca, o tabaco, o pemento e o tomate. Trátase dunha planta de aspecto vulgar, follas normais e flores amarelas e pequenas. Nada salientable durante o día. Pero á noitiña a cousa cambia radicalmente. Das súas humildes flores en forma de tubo, emana unha intensísima fragrancia doce, densa e persistente que reclama a atención desde moitas decenas de metros de distancia. Así, atrae as bolboretas que se achegan para zugar o néctar que se agocha no fondo da flor.

Lingua capaz

Só unhas poucas especies de bolboretas teñen unha lingua capaz de chegar ao profundo do receptáculo e conseguir o premio, pero mentres chuchan quedan impregnadas de pole, que transportarán a outras flores. A planta gasta moita enerxía en elaborar estas flores, o perfume e o néctar, pero asegura que o seu pole chegue a outra planta. A bolboreta gasta moita enerxía en revoar de flor en flor, pero obtén un alimento nutritivo e moi completo. Ambas saen beneficiadas. As plantas que establecen relación con animais para a polinización elaboran un aroma específico que atrae só ao visitante axeitado. Os que atraen bolboretas soen ser aromas agradables, os que atraen as moscas son cheiros fecais, e os que atraen os morcegos olen a froita podre.

En fin, volvendo á linguaxe das plantas. Que tal se retomamos os agasallos de flores en vez de encher de emoticonos o feisbu?

 

Arbusto de «dama de noite», en Escarabote

Que vos parece?