GALDONATURA. Proxecto 2018-2019

GALDONATURA: Debuxando un horizonte verde.

LIÑAS XERAIS DO PROXECTO:

No proxecto deste ano pretendemos abrir dúas liñas principais de actuación:

-Unha primeira, HORTI-CULTURA, como continuación destes anos nos que se recuperou e utilizaron distintas zonas exteriores: as cultivadas, como o invernadoiro con plantación ecolóxica, e as de xardíns, coma a de Ed.Infantil, prantas aromáticas, etc.

A esta liña hai que engadir agora a posta en funcionamento e habilitación da charca e do seu ecosistema. Para estas tarefas, sobre todo das do invernadoiro e horto, contaremos coa colaboración directa da ANPA como asociación, e a dos pais e nais do alumnado como membros da comunidade, posto que eles serán os moitores que levarán a cabo, xunto coa coordinadora, Inés, o calendario de actuacións nas plantacións,, seguimento e recolleita. Tamén grazas á súa colaboración, a partir deste ano poderemos contar cun horto máis na zona de Infantil e a súa xestión será consensuada e coordinada entre profesorado e familias para traballar tamén en obradoiros.

-A segunda liañ, que chamaremos REFOREST-ACCIÓN, estará máis en consonancia coa temática da presente edición: a preservación, coidado e recuperación dos nosos montes.

No noso caso concreto, o proxecto estará orientado a este fin mediante varias accións directas sobre os montes do noso entorno, tales como o Castelo, San Roque e o Souto da Retorta, cada un coa súa peculiaridade.

Algunhas das actividades previstas son: concienciación do alumnado e familias da importancia do coidado e conservación dos montes e zonas verdes en xeral, mediante traballos elaborados polo alumnado, como trípticos, presentacións á comunidade educativa e outros centros, gravacións, canal Youtube,… Ao que se sumarán actividades encamiñadas á sensibilización sobre a problemática dos incendios forestais, para o que contaremos coa participación de varios pais e nais cos que se farán obradoiros e charlas, como profesionais que son vinculados a Medio Ambente. Temos planificados tres obradoiros con eles: plantación e reforestación no Castelo e San Roque, charla e demostración de actuacións ante incendios e charla e solta de alevíns de troita no río Landro.

Á par do exposto, temos trazadas camiñatas e distintas rutas de senderismo nestes espazos próximos, o que aportará a maiores da ventaxa do contacto directo coa natureza, o beneficio que supón para o alumnado,  a práctica dun deporte san ao aire libre, fomentando así uns hábitos de vida saudables, ao tempo que a educación no respecto do medio e a concienciación do importante que é a súa recuperación e conservación.

Por último, hai que sumar a todo isto, outras accións que soemos facer cada ano, como a limpeza das praias de Covas e Area e charlas e actividades  orientadas a concienciar no uso de alternativas aos plásticos.