O medio que nos rodea é un ben de interese común, polo que todos os membros da comunidade educativa temos a responsabilidade de coidalo dunha maneira sostible.
A ECOPATRULLA DOS VERDES VIXÍAS pretende fomentar a participación dos cativos na mellora do contorno, así como favorecer actitudes e valores xeneralizables a outros contextos, nos que os nenos e nenas terán que aprender a desenvolverse.
OBXECTIVOS:
* Sensibilizar aos nenos coas cuestións mediambientais.
* Educar en valores: amor á natureza, responsabilidade, cooperación e consumo responsable.
* Ensinar a valorar, a respectar e a coidar o medio ambiente.
* Ofertar a posibilidade de realizar accións de carácter sostible na escola.
* Fomentar un consumo responsable.
* Reciclar e reutilizar papel, plástico, vidro…
* Recuperar os xogos dos nosos antepasados, aqueles nos que a natureza era a protagonista.
* Implicar activamente aos nenos no coidado da escola.
* Plantar e coidar árbores, verduras, hortalizas e flores.
* Construír un “restaurante para paxaros”.
* Lembrarlle a todos os nenos do centro, dende o respecto e o diálogo, que non podemos tirar ao chan envoltorios, panos, papeis…
* Gozar coidando a escola e o medio ambiente.
* Traballar en grupo, promovendo a cooperación entre nenos e nenas de diferentes idades.
* Conseguir que os nenos entendan a influencia que teñen as nosas accións na saúde do planeta.
* Enriquecer as vivencias dos nosos nenos, favorecendo o contacto dos cativos coa natureza.
* Elaborar eco-consellos e eco-retos.
* Deseñar unha ecomascota viaxeira, que irá as fogares dos cativos acompañada dun listado de consellos sostibles para coidar a natureza.
* Aproveitando pneumáticos facer o noso «Reciclín».
A ecopatrulla está formada por un grupo de 101 nenos voluntarios de educación infantil e de educación primaria, distribuídos en 5 subgrupos, un por cada día da semana. Estes alumnos todos os días, ao rematar o xantar, poñen os seus petos verdes e de cores e desenvolven diferentes actividades, guiados por dúas nais colaboradoras do comedor escolar.
ACTIVIDADES:
As actividades planificadas para este trimestre son as seguintes:
- DESEÑO DA NOSA MASCOTA
2. COIDADO DO MEDIO
Os nenos terán que retirar as herbas malas do horto, plantar verduras e hortalizas, facer sementeiros, plantar árbores nunha zona que está fóra da escola e levar comida (millo e restos de pan do comedor escolar) ao noso “restaurante para paxaros”.
Aquí os tendes cubrindo o chan dos cultivos con palla para que non saian as herbas malas, e preparando trampas ecolóxicas para os caracois coas cascas dos ovos que aproveitamos do comedor escolar.
3.RECICLALANDIA
Este é o noso taller de reciclaxe, nel durante este mes dedicarémonos a pintar pneumáticos para facer o noso “Reciclín”, un boneco que será o encargado de propornos cada semana un eco-reto para realizar na escola e na casa.
Ao rematar con «Reciclín» comezaremos a pintar e a decorar botellas de plástico, para facer casas para os paxaros, que situaremos ao lado do areeiro da escola, na nosa carballeira onde faremos o “restaurante para paxaros”.
4.XOGOS E XOGUETES COA NATUREZA
Con esta actividade coñeceremos os xogos e os xoguetes tradicionais feitos con carozos, piñas, millo, paus, xestas, castañas, noces…etc
En varias sesións contaremos coa colaboración de Serxio, este avó virá á escola para: explicarnos a que xogaba el cando era neno, facernos algún xoguete, ensinarnos as regras dos xogos e xogar cos cativos aos xogos da súa infancia.
Neste trimestre Serxio estanos ensinando a facer vasoiras con xestas, e a empregar as xestas para atar piñas. Este avó contounos que cando el era neno non había cordas, nin cestos, nin carretillos, e cando ían ao monte a coller piñas para acender o lume, tiñan que buscar a maneira de levar moitas en cada viaxe, así que con moita paciencia e habilidade ían atando as piñas ao longo dunha xesta, ata levar un bo cargamento.
Tamén aprendemos como se facían avións con vimbios e con bugallos; e frautas con cañas de bambú.