TEMPO DE FRIO TEMPO DE… ACIVRO

IMG-20161204-WA0001

Catalina levaba moitos días sen aparecer pola nosa escola, polo que as profes de educación infantil decidiron chamala para saber que lle estaba pasando. A nosa bruxiña contoulles que case non podía subir na vasoira, porque tiña reuma, por iso non nos podía visitar. Catalina, por mor desta doenza, tivera que estar varios días na cama, custáballe moito camiñar, doíanlle as pernas, os brazos, e os xeonllos. Catalina prometeulles  que cando se atopase mellor viría ao cole para ver como estaba quedando o noso horto botiquín.

E por fin apareceu, pero non veu soa, chegou cun acivro, para contarnos moitas cousas curiosas sobre esta árbore fermosa.

Estivemos escoitando a Catalina con moita atención porque nos dixo que grazas ao acivro puidera recuperarse da dor de ósos, e estar de novo con nos. E aproveitou para explicarnos o seguinte sobre O ACIVRO:

  • É unha árbore moi importante para os paxaros porque usana como refuxio no tempo de outono e de inverno, cando a maioría das árbores xa non teñen follas, e os seus froitos válenlle de alimento ao escasear a comida. Por iso aos froitos, a nivel popular, chámanlle as cereixas dos paxaros.
Resultado de imagen de acivro
  • En Galicia dáse sobre todo nas zonas montañosas e choivosas do centro e do interior. Podemos atopalo tamén con frecuencia como planta ornamental nos xardíns.
  • O lugar poboado de acivros coñécese coma acevedo.
  • Soe ter unha altura de 2 a 5 m, aínda que pode haber algúns exemplares que cheguen ata 15 m.
  • As follas das pólas inferiores teñen beiras espiñentas, para defenderse dos roedores, pero nas superiores podemos atopar follas de bordes lisos.
  • A súa madeira, de cor branca, é moi dura e resistente, polo que é difícil de traballar.

USO MEDICINALP1080587

Pódense usar as follas e os froitos para curar moitas doenzas.

  • As follas úsanse como laxantes.
  • E os froitos como purgantes ou eméticos (a pesar do perigo do seu uso).
  • O acivro tamén é bo como diurético e contra a bronquite, a reuma e a artrite.
  • A planta contén un principio amargo, a ilicina, ademais de ilexantina (colorante amarelo), teobromina (nas follas) e ácido caféico. A  teobromina ten  broncodilatadores, polo que se usaba nos casos de asma.
  • As follas considéranse sudoríferas, empregándose en catarros, pleuresía, febre intermitente, reumatismo, viruela e enfermidades que cursan con ictericia (cor amarelo  da pel).
  • Ao empregar o acivro como diurético e laxante prepararase en forma de cocemento.
  • Para conseguir o efecto diurético ou aliviar a bronquite crónica, os reumatismos e outras formas de dor osteoarticular,  preparase unha tintura coas follas.
  • Otro uso, xa abandoado, era como tonificante muscular, macerando as follas  con  viño.

MITOLOXÍA E TRADICIÓN

  • Os celtas considerábano unha árbore sagrada, con capacidade para atraer a boa sorte. Empregábase nos rituais do solsticio de inverno.
  • Os xermanos colocaban unha póla de acivro no inverno na entrada das súas casas, e os romanos asociábano ás festas saturnais.

Segundo a tradición popular galega, cando un mozo quere namorar a unha moza, ten que cortar unha póla de acivro ás doce da noite de San Xoán, e pasala trece veces baixo as ondas do mar mentres reza un credo de cada vez. Así, a moza á que toque con esta póla, chamada aciviño, quedará namorada del sen remedio.

Catalina tamén nos contou que en Galicia hai un acivro digno de mención, o do Pazo de Casanova en Arca que está dentro do catálogo de árbores de patrimonio vexetal (segundo Rodriguez Dacal e Izco)

O ACIVRO NO NADAL

A árbore emprégase en moitos países como motivo ornamental durante as festas de Nadal, o que pode pór en perigo a propia existencia do acivro: a especie está protexida pola lei e o seu comercio ou extracción procedente de exemplares silvestres está prohibido. Ademais do efecto negativo sobre a conservación da propia especie, esta práctica pon en perigo a poboación da pita do monte (Tetrao urogallus), xa que os froitos do acivro son o seu único alimento durante o inverno.

Despois de toda a información que nos trouxo Catalina á escola fixemos fichas de aula.

E para rematar unha avoíña mandounos un acivro nunha maceta que ela plantara e estivera coidando para nos, á volta do Nadal porémolo nunha das zonas axardinadas da nosa escola, tendo en conta o seguinte para o seu cultivo:

  • É relativamente fácil de cultivar, precisa un chan moderadamente fértil e ácido e que non se encharque, mellor con algo de sombra, sobre todo nos primeiros anos, aínda que no norte da península tamén medra ben a pleno sol.
  • É moi resistente ao frío.

E á  beira do noso acivro, cando o teñamos plantando na escola, contarémoslle aos nenos e nenas a antiga lenda celta do “Rei Carballo e o Rei Acivro”, unha narración “solar” que trata de dar explicación á Roda do Ano. No solsticio de Verán o Rei Carballo está no punto máximo da súa forza, mentres o Rei Acivro está no seu punto máis fráxil. O Rei Acivro comeza a gañar poder no equinoccio de Outono chegando ó seu máximo poder durante o solsticio de Inverno cando as súas bagas tornan de cor vermella, mentres que o Rei Carballo perde as súas follas.

BO NADAL!!

Os pequenos de 5º de infantil quixeron colaborar cun “Nadal reciclable” e realizaron unha fermosa árbore de Nadal con cartóns de papel hixiénico. Con ela queren felicitarnos a todos e desexarnos un

BO NADAL !!!

P1020651RE

IMG_0583-RE