A HORTA DO ALBINO

E xa chegou o tempo de sementar as patacas na nosa horta

Un ano máis, foron os cativos de educación infantil os que cos pés na terra, e cheíños de enerxía e de ilusión comezaron a sementeira.

O primeiro que fixemos foi fender as patacas, buscando que, en cada un dos anacos fendidos, quedasen ollos para que a través deles abrollasen as novas prantas.

Coas patacas fendidas xa todo foi “sachar e sementar”, algo que as cativas, e os cativos de 6º de educación infantil saben facer moi ben.

Iria, Sofía e Cibrán traballan na horta con moito interese.

 

Marisa, Ainara e Hugo fan os buracos con moita ansia.

 

Hugo e Ainara levan traballando tanto que xa están un pouco cansos.

Helena e Mateo pensan que igual fixeron os buracos demasiado fondos, e isto dificulta que medren as patacas.

A Uxía moito lle gusta deixar a súa pataca ben colocada.

Agora a esperar que se dea unha boa colleita!!!!

A NOSA ECOPATRULLA “OS VERDES VIXÍAS”

ECOPATRULLAECOPATRULLA OS VERDES VIXÍAS

O medio que nos rodea é un ben de interese común, polo que todos os membros da comunidade educativa temos a responsabilidade de coidalo dunha maneira sostible.

A ECOPATRULLA DOS VERDES VIXÍAS pretende fomentar a participación dos cativos na mellora do contorno, así como favorecer actitudes e valores xeneralizables a outros contextos, nos que os nenos e nenas terán que aprender a desenvolverse.

OBXECTIVOS:

* Sensibilizar aos nenos coas cuestións mediambientais.

* Educar en valores: amor á natureza, responsabilidade, cooperación e consumo responsable.

* Ensinar a valorar, a respectar e a coidar o medio ambiente.

* Ofertar a posibilidade de realizar accións de carácter sostible na escola.

* Fomentar un consumo responsable.

* Reciclar e reutilizar papel, plástico, vidro…

* Recuperar os xogos dos nosos antepasados, aqueles  nos que a natureza era a protagonista.

* Implicar activamente aos nenos no coidado da escola.

* Plantar e coidar árbores, verduras, hortalizas e flores.

* Construír un “restaurante para paxaros”.

* Lembrarlle a todos os  nenos do centro, dende o respecto e o diálogo, que non podemos tirar ao chan envoltorios, panos, papeis…

* Gozar coidando a escola e o medio ambiente.

* Traballar  en grupo, promovendo a cooperación entre nenos e nenas de diferentes idades.

* Conseguir que os nenos entendan a influencia que teñen as nosas accións na saúde do planeta.

* Enriquecer as vivencias dos nosos nenos, favorecendo o contacto dos cativos coa natureza.

* Elaborar eco-consellos e eco-retos.

* Deseñar unha ecomascota viaxeira, que irá as fogares dos cativos acompañada dun listado de consellos sostibles para coidar a natureza.

* Aproveitando pneumáticos facer o noso “Reciclín”.

A ecopatrulla está formada por un grupo de 101 nenos voluntarios de educación infantil e de educación primaria, distribuídos en 5 subgrupos, un por cada día da semana. Estes alumnos todos os días, ao rematar o xantar, poñen os seus petos verdes e de cores e desenvolven diferentes actividades, guiados por dúas nais colaboradoras do comedor escolar.

ACTIVIDADES:

As actividades planificadas para este trimestre son as seguintes:

  1. DESEÑO DA NOSA MASCOTA

2. COIDADO DO MEDIO

Os nenos terán que retirar as herbas malas do horto, plantar verduras e hortalizas, facer sementeiros, plantar árbores nunha zona que está fóra da escola e levar comida (millo e restos de pan do comedor escolar) ao noso  “restaurante para paxaros”.

Aquí os tendes cubrindo o chan dos cultivos con palla para que non saian as herbas malas, e preparando trampas ecolóxicas para os caracois coas cascas dos ovos que aproveitamos do comedor escolar.

P1060577

 

3.RECICLALANDIA

Este é o noso taller de reciclaxe, nel durante este mes dedicarémonos a pintar pneumáticos para facer o noso “Reciclín”, un boneco que será o encargado de propornos cada semana un eco-reto para realizar na escola e na casa.

P1060566

P1060638

Ao rematar con “Reciclín” comezaremos a pintar e a decorar botellas de plástico, para facer casas para os paxaros, que situaremos ao lado do areeiro da escola, na nosa carballeira onde  faremos o “restaurante para paxaros”.

4.XOGOS E XOGUETES COA NATUREZA

Con esta actividade coñeceremos os xogos e os xoguetes tradicionais feitos con carozos, piñas, millo, paus, xestas, castañas, noces…etc

foto castaña

En varias sesións contaremos coa colaboración de Serxio, este avó virá á escola para: explicarnos a que xogaba el cando era neno, facernos algún xoguete, ensinarnos as regras dos xogos e xogar cos cativos aos xogos da súa infancia.

Neste trimestre Serxio estanos ensinando a facer vasoiras con xestas, e a empregar as xestas para atar piñas. Este avó contounos que cando el era neno non había cordas, nin cestos, nin carretillos, e cando ían ao monte a coller piñas para acender o lume, tiñan que buscar a maneira de levar moitas en cada viaxe, así que con moita paciencia e habilidade ían atando as piñas ao longo dunha xesta, ata levar un bo cargamento.

IMG-20161206-WA0017

Tamén aprendemos como se facían avións con vimbios e con bugallos; e frautas con cañas de bambú.

TRABALLANDO NO HORTO

Agora os pequenos e pequenas de infantil de 5 anos van ensinarnos o traballo que comezaron a facer no horto este curso:

1.O 30 de setembro plantamos repolos e lombardas. Primeiro fixemos os buratos na terra, regámolos e plantamos… agora a esperar que medren!!

2. O 7 de outubro estivemos facendo un montón de traballo: primeiro limpamos o terreo de malezas e cavamos para preparar a terra para plantar, logo plantamos cenorias, recollemos as sementes dos tomates e aínda tivemos tempo para machacar cascas de ovos que collemos do comedor escolar para empregalas como trampas ecolóxicas para os caracois… de verdade que acabamos un pouco cansos, pero moi contentos do traballo feito!!

Preparando o terreo 

Plantando cenorias

Recollendo as sementes dos tomates 

Machacando cascas de ovos 

TRABALLANDO NO HORTO

E este curso tamén empezaron o seu traballo no horto os nenos e nenas de 4 anos que estaban impacientes por comezar.

1.O 28 de setembro baixaron ao horto e comezaron coa recollida de sementes e axudando a limpar o terreo do horto:

Ese mesmo día, moi dispostos, estiveron plantando lombardas, verzas  e acelgas.

Ata tiveron tempo para un pequeno paseo “motorizado”:

IMG_20160928_113745_1

2. O 4 de outubro repartíronse en tres grupos: mentras uns debullaban millo para levarllo de comida aos paxaros, outros seguían limpando o horto de malezas, pedriñas e paus..  e o terceiro  grupo plantaba  máis verzas.

3. E o 11 de outubro estiveron ” pondo a escola moi guapa”, plantando azaleas.

Pero antes de plantalas un grupo de nenas e nenos, estiveron partindo os restos de podar as hortensias (paus e follas) en anacos pequenos, para colocalos no fondo das macetas, e que nos sirvan de abono; ao mesmo tempo que garantizan unha boa drenaxe, ao mezclalos coas pedriñas cativas que recolleran os días anteriores limpando no horto.

TRABALLANDO NO HORTO E PONDO GUAPA A ESCOLA

Comezamos cos cativos de 3 anos que se acaban de incorporar ao centro introducíndoos pouco a pouco no traballo no horto, no coidado do entorno do colexio así como nas distintas actividades que temos previstas para este curso relacionados coa reciclaxe. As tarefas que realizamos ata agora foron as seguintes:

1.O 26 de setembro baixamos para coñecer o horto e o entorno do colexio (zonas axardinadas, a pequena carballeira, o regato que pasa preto, o invernadoiro…) e como mostraron moito interese en traballar xa no horto estivemos recollendo tomates e plantando cenorias. 

 

20160926_104638 20160926_104635

2. O 3 de outubro, baixamos a “pequena carballeira” a observar aos paxariños, as casiñas que teñen nos carballos, a escoitar os seus cantos e a deixarlles  comidiña. Aprendemos a debullar o millo, foi moi divertido! No horto observamos as cenorias da semana pasada e  plantamos coliflor.

3. O 10 de outubro, dedicámonos a poñer “guapa a escola”: Plantamos ciclames para decorar a entrada do colexio e begonias para o interior. As begonias tivémolas en auga na aula e fomos observando como lles saíron as raíces. Recollemos pedras para poñer nos no fondo dos tarros, e fixemos abono con follas de plantas podadas.

O NOSO INVERNADOIRO

O pasado mércores, 20 de abril, foi un día moi especial para todo o equipo de Voz Natura do cole: inauguramos un pequeno invernadoiro que instalamos nunha zona do noso horto escolar.

Este curso estamos facendo moitas plantacións a partir das sementes que gardamos dos produtos que colleitamos o ano pasado e necesitabamos un espazo axeitado para a súa almacenaxe, de aí a necesidade da súa instalación. Nel gardamos os semilleiros das plantas que logo transplantaremos á terra, desta forma están protexidos das xeadas e do frío ata o tempo propicio para a súa plantación. 

PILAR3

PILAR1

 

IMG_0017

 

 

jpg (2)

 

 

 

E que sorpresa para os cativos cando se viron no xornal ao día seguinte!!

xornal 20-4-2016

TRABALLANDO NO HORTO… E PONDO A ESCOLA GUAPA

Ao recoller os froitos do horto no curso pasado fomos gardando as pebidas e sementes dos produtos recollidos, agora estamos aproveitando estas sementes para facer os nosos sementeiros.

Así o mércores, 20 de abril, os pequenos de 5 anos estiveron facendo tres sementeiros coas pebidas das sandías que recollemos a principios de setembro. Gardamos os sementeiros no noso invernadoiro (recén inaugurado) ata chegar o momento de que as plantiñas que nazan se podan transplantar á terra. 

Os nenos/as de 4 anos estiveron facendo sementeiros de leitugas e escarolas.

 

 

Continuamos plantando xeranios en macetas para seguir poñendo “a escola guapa”.

TRABALLANDO NO HORTO… SAÍMOS NA TELE!!!

O martes, 12 de abril, foi un día moi especial, un equipo de televisión da cadea local TELEMIÑO estivo no colexio gravando unha nova edición do programa XORNAL ESCOLAR, programa que cada semana se grava nun colexio diferente da provincia de Ourense para dar a coñecelo, mostrando as súas instalacións, os medios cos que conta, actividades que realizan…  Por segunda vez (xa gravaron o ano pasado no centro) o noso cole foi o protagonista, e claro, como gravaron as principais actividades que realizamos, non podían faltar as actividades relacionadas co noso proxecto de Voz Natura. Ese día traballamos no horto plantando pementos..  e atendento ao mesmo tempo ás cámaras… a verdade que andivemos un pouco nerviosos con tanta expectación!!! 

P1040351

Isamar entrevistando a Antía e a Candela, preguntándolles sobre o que van facer hoxe no horto.

 

TRABALLANDO NO HORTO

Nas últimas dúas semanas, despois do descanso das vacacións de Pascua, retomamos o noso traballo no horto pouco a pouco. Aquí tedes un pequeno resumo do que andivemos facendo.

1- Fixemos uns sementeiros de cabaciñas, para cando rematen as xeadas e faga máis calor poder plantalas xa no horto.

2- Arrincamos as malas herbas que estaban invadindo a pequena plantación de amorodos.

3- Observamos como naceran as patacas que sementamos en febreiro e como medraran os allos que plantamos en decembro.

 4- Como queremos seguir poñendo guapa a nosa escola, plantamos nunha esquina do patio de entrada os pensamentos que tiñamos en macetas. 

5- E nas macetas plantamos xeranios de moitas cores. 

TRABALLANDO NO HORTO

O mércores, 3 de febreiro, retomamos o noso traballo no horto escolar.

1º- Primeiro os pequenos e pequenas de 4 anos estiveron recollendo os repolos e as acelgas que xa estaban no seu punto: Teñen un aspecto moi apetitoso!!

2º- Despois, tanto alumnos/as de 4 anos coma de 5 anos estiveron sementando patacas

Tivemos que observar as sementes para colocalas na terra de maneira que os brotes quedasen cara arriba.

Logo abonamos a terra, e para rematar cubrímola con palla, para evitar que nazan malas herbas e para protexer as patacas das xeadas. 

3º- Os nenos e nenas de 5 anos estiveron plantando un limoeiro nunha maceta para máis adiante plantar no patio da escola. 

4º – Ao rematar cada neno levou unha bolsa con patacas para a súas casas para seguir coa actividade máis aló da escola, implicando ás familias, pedíndolles que sementen patacas cos seus cativos, que as coiden e que nos conten os resultados.

IMG_0001

Xa nos esquecíamos: mirade como van medrando os allos que puxemos en decembro!!

luam