PLAN PROXECTA: METEOESCOLAS

LOGOO noso centro acaba de ser admitido no Plan Proxecta, programa promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con outros organismos para promover a innovación educativa nos centros escolares. Este Plan abrangue diferentes tipos de programas específicos centrados en diversos aspectos: a alimentación, as modernas tecnoloxías, a natureza, o deporte e a saúde… . Dentro das modalidades ofertadas, presentamos o noso proxecto para ser incluídos na modalidade 10 chamada MeteoEscolas. Esta semana saíu a resolución provisional, segundo a cal , somos un dos centros seleccionados para a realización deste programa.

O programa MeteoEscolas está coordinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e ten como principal obxectivo: “Mellorar as competencias do alumnado en temas medioambientais e das ciencias da Terra e promover a investigación na escola, mediante a observación directa do tempo no seu centro e a contorna, así como desenvolvendo diversas competencias de xeito interdisciplinar”. 

No seguinte enlace tedes máis información institucional sobre o programa MeteoEscolas:

METEOESCOLAS: información sobre o programa  

Unha das razóns polas que eleximos esta modalidade de programa de innovación foi a relación que podíamos establecer entre o mesmo e o noso proxecto do horto escolar e o coidado e mellora da natureza. Así o destacamos nos obxectivos que nos marcamos:

OLLO

– Familiarizar ao alumnado do centro cos termos meteorolóxicos e co funcionamento dos instrumentos de medida.

– Empregar a meteoroloxía como motor dun traballo interdisciplinar que fomente o desenvolvemento das competencias clave.

– Extender o emprego das TIC, sobre todo nos cursos que están dentro do programa ABALAR, a tarefas significativas e imbricadas na realidade cotiá.

– Proporcionar ao alumnado estratexias de manexo de información: rexistro e interpretación de gráficas, táboas, climogramas, etc.

– Mellorar a conduta do alumnado no centro, fomentando espazos de aprendizaxe activo, vivencial e construtivo.

– Desenvolver no alumnado estratexias de relación social e de traballo cooperativo, que fomenten a inclusión de todos e un clima de convivencia axeitado.

En relación co proxecto do horto escolar os obxectivos máis concretos son:

1) Descubrir a influencia do clima sobre a produtividade do horto escolar.

2) Seleccionar os cultivos que se adapten mellor ao noso horto, en función do clima.

3) Avaliar o impacto da temperatura no rendemento do horto escolar.

4) Comprobar a influencia do clima nos cultivos protexidos no invernadoiro, e comparala coa influencia deste sobre os cultivos non protexidos.

5) Descubrir a influencia do clima no desenvolvemento das pragas e das enfermidades nos cultivos.

6) Descubrir a importancia da adaptación ao medio dos cultivos.

Titulamos o noso proxecto como MOITO OLLO AO METEORO!!. Informaremos das actividades máis salientables que vaiamos realizando.