Monthly Archives: noviembre 2019

FACEMOS COMPOSTAXE NO COLEXIO

O noso centro foi un dos 25 seleccionados para participar nun proxecto pioneiro sobre a reciclaxe de residuos orgánicos, proxecto que promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os requisitos para participar eran: contar con servizo de comedor escolar, con horta e cun espazo con árbores e plantas onde recoller follas e outros restos vexetais.
Premede no seguinte enlace para ler a nova na páxina oficial da Xunta de Galicia:

Un total de 25 centros escolares participan nun proxecto pioneiro de compostaxe para impulsar a recollida separada da fracción orgánica

 

O pasado 25 de novembro púxose en marcha o programa. Ao colexio viñeron Inés e David que trouxeron os composteiros e explicáronos todo o proceso que temos que seguir.

Primeiramente, para introducir o tema, faláronnos da reciclaxe e da importancia da correcta separación dos distintos tipos de residuos.

A continuación explicáronos o que era a compostaxe: un proceso de transformación da materia orgánica para obter un fertilizante natural chamado compost.
Este proceso é o mesmo que a natureza realiza continuamente: as plantas e restos orgánicos de animais mortos acumúlanse no chan e  descompóñense grazas aos insectos, bacterias e microorganismos, para transformarse en nutrientes para as plantas.  Coa compostaxe o que facemos é acelerar este proceso.

Así acadamos tres obxectivos moi importantes:

1- Reducir a cantidade de residuos que chegan aos vertedoiros.

2- Reducir a cantidade de fertilizantes químicos, os cales podemos substituír por compost.

3- Reducir a emisión de gases que xeneran os residuos na súa combustión nos vertedoiros.

Para que se produza este proceso necesitamos a axuda dos descompoñedores. Inés e David déronnos uns recipientes con restos orgánicos e vexetais e tivemos que descubrir (ata nos deixaron unhas lupas) quenes eran eses “descompoñedores”: unhas miñocas!!!

Para facer este proceso necesitamos uns recipientes chamados composteiros, que poden ser de diferentes tamaños. Nestes recipientes temos que poñer no fondo restos vexetais (follas, paus, restos de pólas das árbores…)  que recolleremos da nosa pequena carballeira, logo metemos os restos orgánicos das comidas e poremos outra capa de restos vexetais por riba. Así cada día.

Tres veces á semana teremos que empregar o aireador, unha especie de sacacorchos xigante, que introducimos no composteiro ata o fondo para que se poda introducir aire no mesmo. É necesario osíxeno para que se produza o proceso de descomposición. 

Tamén unha vez á semana temos que meter un termómetro xa que para a realización da compostaxe ten que haber unhas condicións axeitades de humidade, oxígeno e temperatura. Cando a temperatura sexa igual á exterior, o compost xa estará listo e podemos sacalo dos composteiros e fertilizar a nosa horta.

Xa explicado cal sería o noso traballo diario, baixamos á zona do patio onde temos a nosa horta para montar os composteiros que instalaremos alí. Inés e David foron explicando paso a paso como tiñamos que facer.

Premede na imaxe para ver como fomos montando os composteiros:

Finalmente quedaron os composteiros montados nun recuncho da nosa horta. Agora temos que poñernos mans á obra e empezar a reciclar os restos de comida que resultan da parva de media mañá e do xantar.

ADEUS AO PLÁSTICO

Na nosa escola estamos pondo en marcha varias iniciativas para reducir o uso do plástico.

María dille adeus aos vasos de plástico, xa que a partir de hoxe deixaremos de usalos.

 

Victoria, Iria e Uxía tamén se despiden deles.

 

Velaí  unha destas iniciativas para coidar o medio reducindo o plástico que empregamos no centro…

Decidimos cambiar os tradicionais vasos de plástico dun só uso, que empregábamos para tomar o leite da parva…

………por estes vasos de bambú reutilizables.

As nenas, e os nenos acolleron esta medida con entusiasmo.

 

 

 

ESCOLA PONTE GUAPA

As flores non son só para a primavera, tamén hai pantas con flores para o outono, e para o inverno.

Na nosa escola queremos cultivar flores durante todo o ano.

Hoxe as cativas e os cativos de 4º A  de educación infantil estiveron plantando pensamentos para termos unha escola ben fermosa.

Esta planta non deixa de florecer durante todo o inverno porque lle gusta o frío, e  cando chega o calor empeza a decaer. Contan cunha gran variedade de cores que as fai moi atractivas. Con elas intentaremos armar composicións variando as diferentes cores para pormos a nosa escola “ben guapa”.

RECOLLEMOS PLÁSTICOS

Os nenos e as nenas de primaria cooperando cos  de educación infantil, lograron limpar toda a zona “pato-relax” dos plásticos que tiran os adultos que a miúdo veñen entrenar ao noso pavillón.

 

Nesta sesión fixemos varias paradas na carballeira.

A primeira foi para darlle de comer aos parruliños.

A Lola gústalle moito darlle de comer a Plumitas, o parruliño máis cativo.

A segunda para  darlle apertas ás árbores que atopamos no camiño.

A  terceira para gozar deste novo recurso, os nosos parruliños, a través dos cales estamos aprendendo a coidar e a valorar a natureza, e a valorarnos a nós, entendendo que as nosas accións  interfiren no medio, e no benestar dos demais.

 

Ainara e Alejandro veñen todos os recreos a coidar de Pepita e da súa familia.