Daily Archives: 19/02/2019

OS CONTOS DA FIGUEIRIÑA

Había unha vez un figueira á que moito lle gustaba ler, por iso decidíu visitar a nosa escola, porque o seu vello amigo o carballo, que era moi sabio, contáralle que na biblioteca do Albino Núñez podíanse atopar moreas de libros.

A figueiriña apareceu na clase das nenas e dos nenos de 6º de educación infantil, e pedíulles que a levasen á biblioteca, porque ela acababa de chegar e non sabía moi ben os andares.

Cibrán e Iria ofrecéronse voluntarios para ensinarlle a escola a nova amiguiña.

E alá fomos todos, a  presentarlle , como dicía ela, a «casa dos libros».

Fixemos unha parada para presentarlle á mascota Librín.

Figueiriña estaba moi emocionada, porque vía que os nenos e as nenas, se esforzaban  en mostrarlle os libros máis interesantes e entretidos que  ían atopando.

Había libros de carballos, de piñeiros, da horta e mesmo de paxaros.

Atoparon un libro moi fermoso no que se podían aprender moitas cousas sobre a terra.

Foi entón cando a nosa árbore amiguiña dos libros, se puxo un pouco triste, porque lle dixo aos nenos, e ás nenas,  que a ela tamén lle gustaría atopar un libro sobre figueiriñas, un libro que falara dela, no que as nenas e os nenos puideran aprender moitas cousas sobre os figos e as figueiras.

Os cativos comezaron a buscar o libro que ela quería, buscaron por cada un dos recunchos da biblioteca, convencidos de que entre tantos libros algún tiña que haber.

Pero non atoparon ningún. E a figueiriña comezaba a sentirse moi…. moi decepcionada.

Rubén e Cibrán virona tan amolada que lle leron un dos seus libros preferidos.

As cativas e os cativos de 6º de educación infantil, que son moi dados a axudar a quen lle fai falla, e a pensar grandes solucións para os problemas dos que están a súa beira, foron cara a súa clase para pensar que podían facer para axudarlle á figueiriña.

Lucas pensando como axudar á árbore.

Xa está!- dixo Tibor, xa sei que podemos facer…..

 

E pensando…e pensando …tiveron unha idea fantástica.

Podían levar a figueiriña para as súas casas, e pedirlles as súas familias que lles axudaran a inventar un conto para ela.

Aínda que máis ca un conto, sabendo como se implican as nosas familias , imos facer un libro de contos, os contos da figueiriña.

Pois en marcha -dixeron os rapaces, meterona na mochila na que chegara á escola e alá vai de casiña en casiña, e xa veredes que feliz se vai sentir cando teña o seu libriño de contos.