Monthly Archives: febrero 2018

ADEUS FEBREIRIÑO CORTO

Queríamos  despedirnos de febreiro cunha  recompilación de  refráns, e de ditos populares.

Para desenvolver esta actividade pedímoslles axuda  ás familias da nosa comunidade educativa, e de novo  temos que agradecerlle a súa colaboración, porque grazas a elas aprendemos que:

1.Vaite febreiro cos teus días vinteoito, que si duras máis catro non queda can nin gato, nin rato no buraco, nin cornas ao carneiro, nin orellas ao perdureiro.

2.Xaneiro, xeadeiro, febreiro grileiro.

3.Xaneiro alleiro e febreiro cabriteiro.

4.Un día bo en febreiro é un ladrón no eido.

5.Come máis o sol de febreiro ca todos os cabalos do reino.

6.Se no chove en febreiro, nin bo prado, nin bo centeo, nin bo lameiro.

7.En febreiro saca o boi do teu centeo.

8.Auga de febreiro fai o palleiro.

9.Auga de febreiro enche o graneiro.

10.Cando chove por febreiro todo o ano é temporeiro.

11.Choiva en febreiro, bo prado e bo centeo.

12.Cando a Candelaira chora, a mitade do inverno está fóra; se chora ou ri, a mitade do inverno está por vir, e se chora ou fai vento, aínda está o inverno dentro.

13.O que queira bo alleiro que o bote en febreiro.En febreiro un día ao sol, e o outro ao braseiro.

14.Pola Candelaria aínda a vella vai á lareira.

15.Neve febreiriña, tarde vén e logo camiña.

14.Entre xaneiro e febreiro inverno verdadeiro.

15.En febreiro 7 capas e un sombreiro.

16.En febreiro busca a sombra o cadelo.

17.Febreiriño corto, casou aos 28.

18.En febreiro deixa a fonte e vai ao regueiro.

19.Oxalá non dure máis a mala veciña que a neve febreiriña.

20.Febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro.

21.Febreiro corto é o peor de todos.

22.Febreiro quente trae o demo no ventre.

23.O 2 de febreiro súbete ao outeiro, se ves negrexar ponte a cantar, se ves branquexar bótate a chorar.

24.Se en febreiro trona, mal ano para o gando e bo para o sementado.

25.Vaite febreiro cos teus días 28, que si tiveras máis catro non quedaba can nin gato.Deixa que aí vén meu irmán marzo que vos ha de poñe-los cornos no regazo.

E PARA RECITAR:

Dixo no monte una vella:

Vaite febreiriño corto,

cos teus días 28,

que, se tiveses máis catro,

non quedaría can, nin gato.

Febreiro contestou marchando:

Os teus becerriños oito,

deixa que  o meu irmán marzo

hachos de volver en catro.

 

SABEDORIA E TERRA

Seguimos coas  patacas a voltas ! Este venres   foron Diego de 3º,  e os nenos de 6º de educación infantil os que baixaron a horta para traballar con moita ansia.

Diego, Pablo e Matias viñeron  cos  sacos, só lles faltaban as sementes!

 

Aquí temos a Matias disposto a encher o saquiño de sementes de patacas.

Diego e Pablo teñen moitas gañas de traballar!

Diego repártelle patacas aos compañeiros para que lles busquen os ollos, e nós expliquen por onde teríamos que partilas:

E as amiguiñas e os amiguiños de Diego, e da horta dos amigos de Cardio, séntanse moi concentrados para decidir por onde hai que partir as patacas, asegurándose de que cada anaco leva alomenos un ollo.

E despois de partilas  imos a horta, a continuar coa faena!

Coas patacas semetadas, e a terra cultivada, so nós quedaba recompilar os ditos populares e os refráns que coñeceran as familias da nosa comunidade, relacionados coas  patacas.

REFRÁNS E DITOS POPULARES

Aínda que a cubras en abril, ata maio a pataca non vai saír.

Comer boa pataca engorda pero non mata.

Cando a fame dá calor, a pataca é un refresco.

Cando empezo a marcear, debes a pataca sementar.

Cando empeza a marcear, sementa a pataca e o garvanzal.

Onde non hai mata non escarbes que non hai pataca.

O arroz con tomate e a pataca cocida, alongan a vida.

En fin, patacas en latín, e arroz á cubana.

Hoxe gasta moita carne en brasa, o que onte comía cebolas e patacas.

As patacas cocidas, alongan a vida.

As patacas e as noras da montaña; o trigo e os xenros, da terra baixa.

Choiva de agosto, patacas, mel e mosto.

Máis vale patacas en paz, que talladas en guerra.

Máis valen dous bocados de vaca que sete de pataca.

Máis valen patacas en reunión, que perdiz nun recuncho.

O meu corazón palpita como unha pataca frita

Por San Blas, as patacas sementarás.

 

SEMENTANDO PATACAS

Os nenos e as nenas de 5º de educación infantil  sementaron as primeiras patacas deste ano, na horta dos amigos de Cardio. Traballaron con moita ansia e estiveron moi atentos a todas as explicacións.

Viron como había que partir as patacas, procurando que todas as partes levasen ollos, dos que abrollarán  as patacas novas:

Levaron as sementes no carretillo:

Canto traballaron estes cativos! Tiveron que quedar  moi cansos porque sementaron moitas patacas, agora só lles queda esperar que o tempo  axude a ter unha boa colleita:

GASTRO FELICES

Sabedes quen somos ?

 

Somos os gastro felices, os nenos e as nenas que gozamos coas receitas “das avoas”.

Primeiro recompilamos  receitas tradicionais e logo cociñámolas, o que nós permite comer: lentellas, caldo de verzas, orellas de entroido, empanada, tortilla, pan de millo, fabada…tal e como se facían nos nosos pobos.

Xa vós iremos dando as receitas que nos fan poñer estas cariñas.

EN GALEGO FALO EN GALEGO SINTO

Hoxe,  que andamos a celebrar o día de San Valentín, pensamos que é un bo momento para sentir en galego, e para expresar o que sentimos no  noso idioma.  Por iso convidamos aos membros da nosa comunidade educativa a buscar as palabras GALEGAS máis tenras e románticas para  facer un diccionario de sentimentos e de emocións, na nosa lingua, en galego, nunha lingua de namorar.

Aí van algunhas para comezar……Resultado de imagen de amor galego lingua

AFECTO

AGARIMO

ALOUMIÑO

ÁMOTE

Tom, te amo

AMOROSO

ANXIÑO

APERTA

BIQUIÑO

CORAZÓN

CÓXEGA

DOZURA

FEITIÑO

NAMORADO

PEQUERRECHIÑO

Resultado de imagen de FRASES DE AMOR EN GALLEGO

 

RIQUIÑO

RULIÑA

TENRURA

E PARA INSPIRARNOS NADA PODE SER MELLOR QUE ESCOITAR ESTE TEMA, QUE NÓS LEMBRA QUE EN GALEGO PODO FACER TODO ………E SENTIR TODO.

 

E aquí están as nenas  os nenos de 6º de educación falando dos seus sentimentos en galego:

FALAR NON É PAROLA

As familias da nosa  comunidade educativa seguiron recompilando ditos populares, o que nós permitíu completar o listado que comezaramos fai algún tempo.

Podemos empregar estas frases para traballar nas nosas aulas, descubrindo o significado de cada unha, e dándonos conta da riqueza da nosa lingua, porque  tal e como nós dixo o avó Sergio ten sentenzas para todo: para as relacións familiares, para a horta, para a política, e ata para a xustiza. É ben certo que para os galegos o noso falar non é parola.

DITOS POPULARES RECOLLIDOS POLAS FAMILIAS NOS SEUS POBOS:

1.Fame que espera fartura non é fame.

Resultado de imagen de frases tradicionales gallegas

2.As leis van para onde queren  os reis.

3.Fillo es pai serás segundo o fagas o atoparás.

4.O que come cabrito e cabra non ten dalgún lado lle ven.

Resultado de imagen de dichos populares gallegos

5.A cabra tira ao monte.

6.Nunca faltou un roto para un descosido.

7.A conciencia era verde, e comeuna un burro.

8.Rifan os ladróns e descúbrense os roubos.

9.A choiva de febreiro fai o bo palleiro.

Resultado de imagen de dichos populares gallegos

10.A bo peixe mellor rede.

11.A auga pode perder o mes pero non perde o ano.

12.Dos enganos viven os escribanos.

14.Criados e bois un ano ou dous.

15.A semana de casar non é de parar.

16.A moita cera fai desconfiar ao santo.

17.De tal cabra tal leite.

Imagen relacionada

18.O casado casa quere.

19.O que de mozo bailou ben de vello dálle xeito.

20. Entre curmáns e irmáns non metas as mans.

21.Ano de belotas ano de larotas.

22.O can e o meniño van para onde lle dan cariño.

Resultado de imagen de dichos populares gallegos

 

 

23.A cuba de bo viño non necesita bandeira.

24. O gato escaldado á auga fria lle escapa.

25.É máis soso ca un caldo sen chourizo.

SABEDORÍA

Hoxe celebramos o Día da Muller e da Nena na Ciencia, e cremos que un bo recurso para traballar nas nosas aulas, é este artigo, de Marcos Pérez Pena,  que nos mostra as aportacións dunha ducia de  mulleres científicas galegas.

Ana María Prieto

Ana María Prieto (Santiago, 1942) foi a pioneira da programación informática en Galicia. En 1963 converteuse na primeira muller programadora da sede madrileña da Bull General Electric. Nesta entrevista publicada por La Voz destacaba que se sentía “unha intrusa” nun mundo laboral masculino: “En empresas como Barreiros dicíanme: ‘por que traballas nisto?, ti tiñas que ser secretaria dun xefe'”. “Dábame moita rabia, non lles gustaba nada terme”, dicía. En 1969 incorporouse como programadora ao centro de cálculo da Caixa de Aforros de Santiago, onde traballou ata 1973. Rapaciñ@s, a iniciativa de AMTEGA e CPEIG, escolleuna como un dos referentes para animar os e as estudantes de ensino medio a escoller a carreira profesional informática

María Wonenburger

María Wonenburger (Oleiros, 1927 – A Coruña, 2014). Licenciouse en Matemáticas en Madrid en 1950 e foi unha das beneficiarias das primeiras bolsas Fullbright, que lle permitiron ir á universidade estadounidense de Yale, onde se doutorou. Os seus traballos de investigación centráronse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie. Deu clase en facultades de Canadá e os Estados Unidos e dirixiulle a tese de doutoramento a Robert Moody, quen logo traballou sobre o infinito no que se coñeceu como álxebra de Kac-Moody, e que tivo a Wonenburger como inspiradora. Regresou á Coruña en 1983. A partir de 2007 comezou a recibir recoñecementos en Galicia, investida doutora honoris causa pola UDC en 2010, ano no que o Consello da Cultura lle dedicou unhas xornadas. Finada en 2014, unha homenaxe en xuño de 2015 foi o primeiro acto como alcalde de Xulio Ferreiro.

Alicia Estévez

Alicia Estévez (Pontevedra, 1955), catedrática de microbioloxía pola USC, centra as súas investigacións nas patoloxías dos peixes e dos moluscos, con traballos de grande importancia para o desenvolvemento da acuicultura. En 2014 ingresou como académica na Real Academia Galega de Ciencias, sendo a segunda muller en facelo en toda a historia tras Pilar Fernández Otero.

Jimena e Elisa Fernández de la Vega

As irmás xemelgas Jimena (Vegadeo, 1895 – Santiago de Compostela, 1984) e Elisa Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo, 1895 – Zaragoza, 1933). En 1913 matriculáronse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, converténdose en 1919 en dúas das primeiras mulleres licenciadas pola USC, acadando Jimena o Premio Extraordinario. A diferenza dalgunha das súas antecesoras nos pupitres compostelás, como foi o caso de Concepción Arenal, as irmás Fernández de la Vega non necesitaron disfrazarse de homes para asistir ás aulas; pero deberon soportar discriminacións por parte do resto do alumnado e do profesorado. Como relata Ánxela Bugallo no Album da Ciencia do CCG, “un compañeiro de clase tiña qu  escoltalas ata as aulas porque as increpaban. Ante os comentarios despectivos levantaban a cabeza e seguían adiante”.

Realizaron as súas teses de doutoramento en Madrid e Jimena ampliou os seus estudos en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, especializándose na herdanza mendeliana con aplicación á clínica, traballando nos anos seguintes en diferentes centros de investigación de España, Italia e Alemaña. Trala Guerra Civil deu un xiro á súa carreira, centrándose na Hidroloxía, dirixindo balnearios en Cáceres, Guitiriz e Granada. Elisa dedicouse á práctica médica e deu algunhas clases, interrompendo en parte a súa carreira polo seu matrimonio e crianza dos seus fillos. Finou en 1933 dunha pneumonía.

Mª Isabel Fernández García

Mª Isabel Fernández, doutora en Química pola USC e catedrática de Química Inorgánica da USC, foi unha das primeiras profesoras do Colexio Universitario de Lugo (1973). En 1975 a súa Tese de Doutoramento foi premiada pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Celia Brañas Fernández

Celia Brañas (A Coruña, 1880), “simbolizou o esforzo das mulleres da súa xeración por xogar un papel protagonista na sociedade e, de xeito singular, na cultura científica”, destacou Xosé A. Fraga no Álbum da Ciencia do CCG. Ata 1910 as limitacións para o acceso das mulleres á universidade eran máximas. Braña iniciou en 1908 o seu labor docente na Escola Normal coruñesa como profesora auxiliar de Ciencias, acadando a praza de mestra titular en 1911. Máis adiante ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946. Traballou a prol da creación dunha estación de Bioloxía mariña e da renovación pedagóxica dos estudos de ciencias

Ángela Ruiz Robles

Ángela Ruiz Robles (Villamanín, León, 1895 – Ferrol, 1975) comezou a ser máis coñecida nos últimos anos (dedicándolle mesmo Google un dos seus doodles) como “a precursora do e-book” polo seu invento de enciclopedia mecánica”. Xosé A. Fraga falou dela hai uns meses nun dos seus Episodios de Cultura Científica, debullando a carreira da mestra e inventora afincada en Ferrol, na que recibiu numerosos premios e mencións en certamens de inventiva, feiras e exposicións. O Ministerio de Educación mesmo chegou a aprobr o uso da enciclopedia mecánica no ensino e en 1971 Ángela Ruiz estivo a piques de acadar a súa comercialización; porén, os custos non permitiron executar o proxecto e só 100.000 pesetas tiveron a culpa.

Ángeles Alvariño González

Ángeles Alvariño (Serantes-Ferrol, 1916 – California, 2005) foi unha oceanógrafa que ao longo de catro décadas de carreira, chegou a converterse nunha das principais expertas mundiais en zooplancto, descubrindo un total de 22 novas especies animais mariñas de pequeno tamaño. Deu clase en universidades dos Estados Unidos, México ou Brasil. A mediados do século XX foi a primeira muller científica que traballou en campañas oceanográficas levadas a cabo por navíos de exploración británicos. En 2015 foi a protagonista do Día da Ciencia en Galicia, promovido pola Real Academia Galega de Ciencias.

Olga Moreiras Tuni

Olga Moreiras Tuni (Vigo, 1933 – Madrid, 2012) doutorouse en Farmacia na Universidad Complutense de Madrid, onde acadou a praza de Catedrática. Foi unha das coordinadoras das primeiras enquisas sobre alimentación española e os seus traballos convertéronse nunha referencia no mundo da nutrición, publicando 23 libros e 200 artigos en revistas científicas e sendo moi utilizadas as súas recomendacións sobre o consumo de alimentos para a poboación española.

Josefina F. Ling

Josefina F. Ling é profesora titular de Astronomía e Astrofísica no Departamento de Matemática Aplicada da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, do que é peza clave. Nacida e criada en Madrid, acabou asentándose en Galicia. Publicou numerosos traballos no campo das estrelas dobres e múltiples. É asesora científica da Sociedad Astronómica de Francia.

Pilar Fernández Otero

María del Pilar Fernández Otero (Bandeira-Silleda, 1947), é unha figura destacada no campo da Biomedicina. Doutorada na USC, en 1985 comezou a dar clase de Fisioloxía na Universidade de Navarra, sendo decana da Facultade de Farmacia e chegando a ocupar o posto de vicerreitora. Dirixiu 19 teses de doutoramento e foi a primeira muller que ingresou na Academia Galega de Ciencias.

Mabel Loza García

Mabel Loza (Tapia de Casariego-Asturias, 1961) é doutora pola USC e catedrática de Farmacoloxía nesta universidade dende 2011, onde coordina o grupo de investigación BioFarma e dirixiu unha vintena de teses de doutoramento. Participou na creación de tres empresas (Pharmatools Digital Interactive Services, Allelyus e Oncostellae).

Mabel Loza foi unha das 12 mulleres protagonistas da Axenda Feminista 2016, dedicada ás científicas galegas. Afortunadamente a ducia podería continuar con moitas máis investigadoras e docentes en activo, que continúan o camiño aberto no século pasado polas súas predecesoras.

 

 

O ENTROIDO

Hoxe na nosa escola fixemos unha viaxe  no tempo, para coñecer como se vestían, que ferramentas usaban e en que consistían o traballo  das persoas que fai moitos anos desempeñaban os seguintes oficios tradicionais galegos:

 

 

 

Foi unha xornada de troula  na que os nenos e as nenas puideron aprender bailando, disfrazándose e  gozando  da compañía dos seus familiares.

 

Esta actividade permitíunos descubrir  o nome das prendas de roupa que se empregaban fai moitos anos na nosa terra,  o dos oficios tradicionais, o das ferramentas …….e  non só iso , porque tamén nos ensinou cales eran  os valores da xente do noso pobo.

 

 

 

 

 

 

Un pobo no que as persoas se esforzaban para realizar o seu traballo, cooperando unhas coas outras, xa que moitos dos traballos facíanse de xeito colectivo, sobre todo os dos labregos e os das labregas ( a sacha, a sega, a malla…. ), enfrontándose a unhas condicións de vida moi duras, e sentíndose orgullosos do traballo ben feito. Tan orgullosos que a miúdo cando remataban as súas tarefas cantaban e bailaban para celebralo.

 

 

Nesta xornada puidemos sentir a esencia dun pobo capaz de apuntarse ao traballo e á festa , e de loitar, sen perder o humor  e a retranca,  para saír adiante.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

FESTAS E TRADICIÓNS

O Entroido é unha festa universal que en Galicia ten unha personalidade propia, segundo o autor deste artigo José Castro,  hoxe en día perdéronse moitos dos costumes ligados ao Entroido tradicional, aínda que nalgunhas vilas galegas, sobre todo na provincia de Ourense, conservamos tradicións  moi antigas nesta época do ano na que se celebra a despedida de don Carnal.

O entroido tradicional galego dura dúas semanas e media. Comeza co domingo fareleiro, no que mozos e mozas pelexan golpeándose con sacos de relón ou de fariña. Noutros lugares este é o domingo borrallento, trocando o farelo por cinza.

A seguinte data do noso entroido é o xoves de compadres, cando os mozos percorren a vila con bonecos de palla espetados na punta dun pau. O xogo trata de que as rapazas teñen que conseguir quitarllos, montándose sempre unha boa liorta.

O seguinte fin de semana ten lugar o domingo corredoiro. Desta volta, ademais da auga e do farelo, entran en xogo as formigas vivas, que son botadas entre os participantes da troula e aos espectadores. As máscaras e disfraces percorren as vilas enfastiando á xente, sobre todo aqueles que non van disfrazados, pois os que van ao Entroido a mirar, e non a participar,  sempre estiveron mal vistos (a no ser que a causa de iren sen vestir como manda a ocasión fora o loito por algún falecido).

 En moitos lugares este día tiña lugar a corrida do galo, no que se producía un xogo que consistía en que os mozos tiñan que intentar mallar no animal cos ollos vendados. O gañador levaba o galo, que se puidese falar cantaría:

Aquel día tan funesto
Domingo de corredores,
que, en quitándome la cabeza
me comerán los señores.

Nalgúns lugares da nosa xeografía, sobre todo na comarca da Limia, ten lugar o domingo oleiro, día no que a celebración  principal é o xogo das olas. Un grupo de mozos e mozas fan un círculo e teñen que ir pasándose a ola de barro, chea de auga, viño ou fariña. Evidentemente, se a ola non é agarrada á xeito, esta vai manchar ao torpe, e incluso pode escachar.

Catro día máis tarde é o xoves de comadres. Desta volta son os rapaces os que tratan de quitarlle unhas bonecas de palla ás mozas. As bonecas son queimadas á noite, formándose unha soa que se chama lardeira. Nalgúns lugares como Verín, e tradicional que as mulleres saian a cenar soas, deixando os homes na casa.

O terceiro domingo é o domingo de entroido, que ven seguido do luns de entroido e do martes de entroido, días grandes da festa, nos que se locen as máscaras e os traxes típicos de cada vila.
O entroido remata co enterro da sardiña, celebrado o mércores de cinza. A sardiña é soterrada con todos as honras e pompa, con sacerdote e cortexo fúnebre.

Na nosa escola comezamos a semana de entroido coa visita do Meco, que durante esta semana nos dirá como temos que vir disfrazados cada día:

Aquí o tendes hoxe vestido de futbolista

 

SABEDORÍA POPULAR

CANTIGAS

Seguimos preparando a festa do Entroido na nosa escola, e para elo ademais de recompilar obxectos estivemos buscando cantigas relacionadas coas diferentes profesións das que se disfrazarán os nosos cativos. Velaí o que atopamos …………

A COSTUREIRA

-Costureiriña bonita,
onde tes os teus vestidos?
-Téñoos na hucha gardados,
ai si, ai non,
para poñer os domingos.

-Costureiriña bonita,
dime onde tes a cama.
-No poleiro das galiñas,
ai si, ai non,
nunha presiña de pallas.

-Costureiriña bonita,
dime onde tes o niño.
-Nun carballo da Illana,
ai si, ai non,
no máis alto ramalliño.

-Costureiriña bonita,
onde gardas os melindres?
-Téñoos na hucha gardados,
ai si, ai non,
para comer os domingos.

O amor da costureiriña
era papel e mollouse
e agora, costureiriña,
ai si, ai non,
o teu amor acabouse.

Eu non canto por cantar

Costureiriña bonita dáme das túas agullas;
eu che darei alfinetes para prende-las costuras.

O amor da costureira era papel e mollouse,
agora, costureiriña, o teu amor acabouse.

Costureiriña bonita, onde te-la túa cama?
No poleiro das galiñas, nunha presiña de pallas.

Costureiriña bonita que a palacio foi coser;
no primeiro corredore xa lle deron que facer.

CANTEIROS E CARPINTEIROS

Canteiros e carpinteiros
da vila de Pontevedra,
aquí falta unha meniña
teredes que dar conta dela.

Vaite mundo vaite mundo
que axiña deches a volta,

que axiña me deixaches
con loito a miña porta.

Algún día algo, algo
agora, mal pocadiño,
xa no me queren as nenas
porque vou acabadiño.

LABREGOS

 BATE MEU LEITE

(Manuel Rico, Gadis)

Bate meu leite
na cántara nova
con tres pelouriños
e mailo da roda.

Bate meu leite
se te has de bater
que na casa teño
quen te ha de comer.

Así se amasa,
así se peneira,
así se lle dá a volta
ó pan na maseira.

FOLIADA DE ENTRIMO

Canta Coral de Ruada

Viva a gaita e o gaiteiro,
vivan as nosas aldeas,
viva a gaita e o gaiteiro,
vivan as mozas galegas,
viva o viño do Ribeiro.
Ai lalelo, ai lalelo.

Ai, Maruxiña, non vaias á herba,
que vén o vento mareiro e toda cha leva,
toda cha leva, lévacha toda,
ai, Maruxiña, Maruxa, non sexas tola.

Porque ela cantaba ben,
eu caseime cunha nena,
porque ela cantaba ben,
agora morro de fame
que o cantar non me mantén.
Ai lalelo, ai lalelo.

Ai, Maruxiña, non vaias

Viva a nosa honrada terra,
Viva Galiza irmandiña,
viva a nosa honrada terra,
viva a Coruña, viva Lugo,
viva Ourense e Pontevedra.
Ai lalelo, ai lalelo.

Ai, Maruxiña, non vaias

e amaso o molete.

AFIADORES

COPLAS DE PANDEIRO

Para cantar veño eu,
para bailar meu irmán;
para tocar o pandeiro
viva que o ten na man!

Algún día cantei ben,
agora vella non podo;
a que canta ben de moza
sempre lle vai dando modo.

O gaiteiro toca a gaita,
a muller o tamboril;
os fillos as castañetas,
na miña vida tal vin!

O pandeiro ten a culpa,
o pandeiro tena toda;
O pandeiro ten a culpa
que lle dean e non resoa.

MUIÑEIROS