Monthly Archives: enero 2018

VERBAS POLA PAZ

Dende o equipo da Biblioteca do noso centro, propuxéronnos  facer un dicionario pola paz. Para motivar aos  cativos empregamos os seguintes recursos:

 

Agora imos buscar as palabras máis pacíficas da nosa lingua!!!

E quen sabe se logo con elas somos capaces de facer outro  conto pola paz…

A ÁRBORE DO MUNDO

No noso centro, tal e como xa comentamos noutras entradas, desenvolvemos varias actividades, para conmemorar o Día da Paz e o Día da Educación Medioambiental.

Aos  nenos de educación infantil, e aos  de 1º e 2º de primaria presentámoslles o seguinte vídeo:

 

E decoramos, coloreando pombiñas da paz, e pegándoas en platos de plástico,  o interior e o exterior do centro, coas nosas “árbores do mundo”.

A PAZ “EN-CAIXA”

Coas actividades que propomos a continuación pretendemos conmemorar  2 datas importantes; o Día Mundial da Educación Medioambiental ( 26 de xaneiro) ; e o Día Escolar da Non Violencia e da Paz (30 de xaneiro).

Este ano queremos  desenvolver a actividade titulada: “A paz en-caixa”, trátase de decorar caixas de cartón pola paz, reutilizándoas, tal e como estamos facendo estes días no noso centro:

 

 

QUE BEN ” EN-CAIXOU” A PAZ NA NOSA ESCOLA!!!

Tamén reutilizamos anacos de  cartón, e debuxando neles convertémonos  en “artistas pola paz”.

E estamos  ensaiando a nosa “Latucada pola paz”, reutilizando latas para decoralas, para,  tal e como di unha das cancións que bailaremos, e cantaremos no patio o día 30 de xaneiro, convertelas en latas de amigos, de bicos, de amor e de soños:

A LATA DO AMOR

 

A LATA DOS AMIGOS

A LATA DOS SOÑOS

A LATA DOS BICOS

 

 

 

 

Para traballar na aula propomos este tema de Fuxan os Ventos:

 

AS CASIÑAS DA ECOPATRULLA

Os nenos e as nenas da ecopatrulla pensaron que coas xeadas que están caendo os gatos vagabundos necesitaban un refuxio, e iso foi o que fixeron, reutilizando as caixas nas que nós traen o peixe á escola.

Aquí tendes as nosas casiñas para os ” gatos da rúa”:

FRASES DOS AVÓS

Falando coa xente dos nosos pobos, fomos anotando todas as frases, e palabras enxebres que lles escoitamos.

Agora podemos traballar nas aulas o significado  de cada expresión, e  intentar ampliar  esta lista, con outras que recompilen os nenos nos seus fogares.

FRASES

  1. “Polo pan baila o can”.
  2. Outra vaca no millo”.
  3. Estás de bo ano”.
  4. ” Entre lusco e fusco”
  5. Non deixes a vergoña do galego”.
  6. Quedei como un Pepe”
  7. “Este é un tanto me dá”.
  8. “Este é un miña xoia”.
  9. Quedei como un reloxo”.
  10. “E que cho reparta o corpo”.
  11. “Mal raio te parta”.
  12. “Non sexas cantamañás
  13. “Chegar e encher”.
  14. ” Este é un toxo”.
  15. “Madia levou”.
  16. “Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”.
  17. “Chegar e besar o santo”
  18. ” Vaiche boa”.
  19. “Malo será”.
  20. “E ti, de quen ves sendo”.
  21. “Xente nova e leña verde, todo é fume”.
  22. “É máis feo ca una noite de tronos”.
  23. “Quen non chora non mama”.
  24. “Fáltalle una fervura”.
  25. “Tedes moito vicio”.
  26. “Nunca choveu que non escampase”.
  27. “Xa viña ben unha auguiña”.
  28. “Morra o conto”.
  29. “Nin arre nin xo”.
  30. “Quen ten cú ten medo”.
  31. “A todo porquiño lle chega o seu San Martiño”.
  32. “É igual Xan ca Pelicán”.
  33. “É agudo coma un allo”.
  34. “Cando a limosna é moita ata o santo desconfía”.
  35. “ Vale mais un mal arranxo ca un bó preito”.
  36. “ O que garda sempre ten “.
  37. “ Ceo empedrado, choiva de contado”.
  38. ” Non está o forno para bolos”.
  39. ” O que se pica é porque allos come”
  40. ” Non botes  os pés máis alá da manta”.
  41. “Non vale un can”.
  42. “Dous non pelexan se un non quere”.
  43. “A palabras necias oídos xordos”.
  44. “Por un oído me entra, e polo ouro me sae”
  45. “Non hai peor desprezo ca non dar aprezo”.
  46. “Se non é boi , e vaca”.
  47. “É máis liso ca fame”:
  48. “O que regala vende, si o que recibe entende”.
  49. ” A cabalo regalado, non lle mires o dente”.
  50. “A boa fame non hai pan duro”.
  51. “Anda  a velas vir”.
  52. “Sarna con gusto non pica, pero mortifica”.
  53. “Meu dito, meu feito”.
  54. “Tranquilos ratos que xa ardeu o muiño”.
  55. “Deixate de lerias”.
  56. “Este non morre do mal do afogado”.
  57. “Dono novo, malo polas silveiras”

PALABRAS

1.Enxebre.

2.Furancho.

3.Galopín.

4.Luar.

5.Morriña.

6.Petisco.

7.Riquiño.

8.Rabudo.

9.Retranca.

10. Teimudo.

REFRÁNS:

Xaneiro quente, trae o demo no ventre.

Costureira sen dedal, cose pouco e cose mal.

Comer e rañar todo é empezar.

A vaca que non come canda os bois, ou come antes ou come despois.

A quen Deus non lle dá fillos o demo dalle sobriños.

Polo San Xoán a sardiña molla o pan.

Agora imos facer o “BUZÓN DAS PALABRAS GALEGAS MÁIS FERMOSAS “, que colocaremos á entrada da nosa escola, para que as familias poidan meter nel as palabras, os ditos populares, os refráns e as frases que escoitan nos seus pobos.

E xa temos as seguintes:

1.Acivro.

2.Folerpa.

3.Esmorga.

4.Meiga.

5.Badaladas.

6.Troula.

7.Vagalume.

8.Orballo.

 

 

QUE SON E PARA QUE ME USABAN?

Temos que  agradecerlle a moitos dos  membros da nosa comunidade educativa a súa implicación neste proxecto. 

A miúdo as familias achégannos obxectos antigos para explicarlle aos nenos que eran, e para que se usaban fai moitos anos.

Por iso propomos unha nova actividade para desenvolver nas aulas, trátase de averiguar como se chaman e para que se utilizaban os que podedes ver a continuación en fotos, e  que nós trouxeron  varios avós e avoíñas, para que os nenos se familiaricen con eles.

QUE SON E ONDE ESTOU ?

Posiblemente para os membros da nosa comunidade educativa será moi fácil atopar a  respota, e dicirnos onde están as ruínas deste Pazo.

O que tal vez xa non resulte tan doado, é lembrar como era este pazo fai algúns anos

Este é o Pazo de Casardomato, o que está enfronte da nosa escola, aínda que hoxe só queden as ruínas do mesmo, noutro tempo estivo cheo de vida, de xente e de actividade. Moitos dos pais, dos nenos do noso centro, aínda lembran cando ían comprar leite ao Pazo.

UN NADAL MOI TRADICIONAL

Para celebrar o Nadal no noso centro organizamos un festival con actuacións moi variadas, tal e como podedes ver na páxina web da nosa escola. E como non podía ser doutra maneira, para recuperar a tradición, as nenas e os nenos de 3º  fixeron  este Belén:

REUTILIZANDO CARTÓN

Convidamos aos cativos a pensar que podíamos facer logo dunhas datas nas que ademais de acumular agasallos acumulamos papeis e cartón.

E decidimos empregar os cartóns, das caixas nas que viñan moitos dos agasallos recibidos polo Nadal, para facer as nosas “obras de arte pola paz”.

Isto só é o comezo, estamos convencidos de que pouco a pouco, con todo o cartón que estamos xuntando, faremos fermosos cadros pola paz.

 

O CARBALLO QUE SE CONVERTEU EN BONECO DE NEVE

Coas nenas,  e cos nenos de educación infantil estivemos traballando a historia da árbore que quería entrar nas aulas dos máis cativos.

O vello carballo levaba moito tempo ollando aos nenos da nosa escola, oía os seus sorrisos e vía os seus xogos, gústaballe o  que aprendían e o ben que o pasaban, polo que pouco a pouco foi medrando nel o desexo de acompañar aos cativos ao longo de toda a xornada escolar, dentro nas clases e fóra no patio.

Un día cando o avó Sergio chegou ao centro escoitou chorar a alguén  no patio, e achegouse ao carballo  para saber porque estaba tan triste. A árbore contoulle que co temporal  de vento e de choiva  caíranlle  varias polas, e pedíulle  que fixera algo con elas, para que puideran  acompañar aos nenos e non tiveran que rematar  queimadas no lume.

Sergio prometeu que lle axudaría, e durante as vacacións de Nadal púxose “mans á obra”, buscou un bo modelo:

E dunha das polas fixo este fermoso boneco de neve.

Sergio con CopitoO boneco de neve foi á clase dos cativos de 4º de educación infantil e mirade que ben o recibiron!

 Ata lle puxeron nome, decidiron chamarlle: ” Copito de neve”.