Monthly Archives: diciembre 2017

DOS NOSOS POBOS E DA NOSA XENTE

Seguimos aproveitando este tempo de vacacións para entrevistar aos avós, e ás avoíñas dos nosos pobos, continuando  cos encontros 4X, que nos permiten  aprender deles, e con eles.

Hoxe sorprendéronnos coa seguinte pregunta:

-A que non sabedes cal é o pobo, da vosa zona, que se chama “terra de deportistas”?

E como no o sabíamos contáronnolo …..

Palmés é terra de grandes deportistas,  porque  desta parroquia saíron:

JOSE MARTÍN FERNÁNDEZ NÓVOA

CELSA ARAÚJO FERNÁNDEZ e

ÓSCAR VÁZQUEZ

Agora propómosvos averiguar quen foi cada un deles, e en que deporte destacaron.

Por que tal e como nos dixeron os veciños:

-Martín , Celsa e Óscar forman parte dese ” outro patrimonio” do que nos sentimos tan orgullosos.

JOSÉ MARTÍN FERNÁNDEZ NÓVOA:

Foi corredor de velocidade sport production.

ANO 2003 : Galardonado co premio ao mellor estilo de pilotaxe pola escola de condución team da revista de motociclismo.

ANO 2005: Campión galego de velocidade sport production.

             Campión galego de velocidade veteranos sport production.

ANO 2006: Campión galego de velocidade sport production.

Campión galego de velocidade veteranos sport production.

Participou no campionato de España formula extreme.

ANO 2007: Campión grupo EM21 subida a Taboadela fórmula outeda racing.

ANO 2008:Subcampión galego de velocidade veteranos sport production.

ANO 2009: Campión galego de velocidade veteranos sport production.

  • Campión copa celta de velocidade.
  • Subcampión galego de velocidade sport production.
  • Subcampión asturiano de velocidade.

CELSA ARAÚJO FERNÁNDEZ:

Nos anos 70 esta veciña de Anaigo ( Palmés) foi :
      -Campiona de Judo galega.

      -Sexta de España.

      -Mellor deportista ourensá.

ÓSCAR VÁZQUEZ :

Loitador de wushu na modalidade de combate, na categoría de oitenta kilos, pertenceu ó equipo de E.D.Artai.

Con varias medallas no seu poder a última logrouna en xaneiro de 2010, foi a de bronce no campionato galego. Sendo proclamado mellor deportista absoluto ourensán.

QUE SON E ONDE ESTOU ?

Propómosvos unha actividade para estas vacacións.

Trátase de descubrir que é e onde está cada unha das imaxes que aparecerán neste apartado do noso blog.

Todas elas correspóndense con elementos do patrimonio da nosa zona.

Hoxe comezamos con esta fermosa ponte.

Esta  ponte atópase na Cabeanca. Podemos vela dende a carretera que vai da Cabeanca a Liñares (Amoeiro), paga a pena meterse na carballeira, dende a que se pode ver esta ponte, e cruzar o regato a través dela.

MITOS E LENDAS

Seguimos aprendendo dos veciños da nosa terra.

Nesta ocasión falamos con Fina Vázquez, veciña de Palmés, unha persoa moi activa e implicada en todo o que supoña unha mellora para a súa contorna.

Fina foi a veciña que nos deixou varios libros para que puideramos coñecer a historia deste pobo, e ademais hoxe contounos os mitos e as lendas desta parroquia.

Isto foi o que aprendemos con Fina:

Contan os veciños e as veciñas que un parente dunha familia de Anaigo, que vivía en América , despois de ler un librou que fala sobre tesouros escondidos na parroquia, veu aquí , buscou o sitio indicado e atopou un pote cheo de moedas de ouro.

Este sitio aínda hoxe é coñecido como “os carniceiros”, preto do pobo de Saceda.

Tamén existe a lenda de “as cobas da boutiqueira”. Dicíase que si se metía un dentro podíase escoitar como piaba unha galiña co seus pitos, pero por máis que buscaron nunca ninguén os atopou.

Temos preto da Burata “O pozo Meimón”. Din que este pozo non ten fondo, e en épocas de guerra moitas persoas desapareceron nel.

Dous veciños do pobo da burata, xa falecidos, contaban que cando eran novos quixeron levantar unha lousa que cubre este pozo cunha palanca, e escoitaron un ruído moi forte de cadeas.

Preto de Anaigo temos  “O Coto do lobo”, dise que este nome débese a que na cima das rochas máis altas subían os lobos a bailarlle á lúa.

Corre a lenda de que nunha lousa grande que hai neste mesmo sitio, saían as mouras de noite a peitearse baixo a luz da lúa.

Contan os máis anciáns da parroquia que nos montes de Palmés atopábanse moitas rochas escavadas onde e agochaban tesouros, un exemplo é no lugar chamado “acibidá”, onde din que había unha pía escavada nunha rocha que tiña unha tapa de pedra. Nunca se soubo se agachaba un tesouro.

O certo é que un bo día alguén quitou a tapa quedando ao descuberto a pía que aínda hoxe se atopa neste lugar.

 

 

SABEDORÍA

Nestes días de frío nada mellor que aproveitar o tempo para falar, a beira da cociña de ferro, ou na tenda- bar do pobo cos avós e coas avoíñas da nosa comunidade, e para aprender deles.

E iso é o que andamos a facer nestas datas de Nadal e de vacacións. Comezamos cos avoíños e coas avoíñas de Palmés quenes nos contaron os segredos da medicina popular  caseira.

PLANTAS MEDICINAIS RECOMENDADAS PARA TRATAR CERTAS DOENZAS

As avoíñas e os avoíños de Palmés compartiron con nós  as aplicacións dalgunhas plantas medicinais, para tratar certos trastornos ou enfermidades. Insistironnos moito en que as plantas son eficaces como preventivo, para calmar algúns desaranxos, pero non para facer medicina cada un pola súa conta.

AFONÍA: Sabugueiro, limón e tomillo.

ALMORRAINAS: Noceira, alcipreste e castiñeiro da India.

ALTERACIÓNS NERVOSAS: Valeriana, maría luisa, lúpulo e romeu.

ANOREXÍAS: Saramago, estragón, loureiro, e comiño.

ANXINAS: Sabugueiro, limón, retánia, e tomillo.

ARTROSE: Bidueiro, enebro e sabugueiro.

ASMA: Valeriana, tusílaxen e culantrillo.

BRONQUITE: Milenrama, alcolito, xemas de piñeiro, e pulmonária.

CATARROS: Llantén, alcólito e hinoxo.

CONXUNTIVITE: Eufrásia e llantén.

DERMATOSE: Pétalos de rosa, fumária, incenso e tomillo.

DIURÉTICOS: Pelos de millo, cola de cabalo, grama, cereixa, enebro e cana.

FEBRES: Sabugueiro, sálvia e tília.

GRIPES: Malva, romeu, tusílaxen,  e tomillo.

HIPERTENSIÓN: Oliveira, espiño branco, e muérdago.

HIPOTENSIÓN: Espiño branco, fiuncho e melisa.

INSÓMNIO: Valeriana, pasionária, e maría luisa.

ODONTALXIAS: Cravo, enciñeira, e noceira.

PARÁSITOS INTESTINAIS: Abrótono macho e tomillo.

REUMATISMO: Loureiro, xemas de piñeiro, borraxén e caléndula.

TRASTORNOS DO FÍGADO: Saramago, menta, romeu, caléndula  e melisa.

VARICES: Alcipreste, castiñeiro da India, e consuelda.

XAQUECA: Sabugueiro, lúpulo, flor de laranxeira e valeriana.

E deixaronnos varios libros para que puideramos aprender as lendas e a historia do seu pobo, e un traballo moi interesante que fixeron as mozas de Palmés, e  que nos permitirá coñecer a historia do Mosteiro de Santa Comba de Naves, e contarlla aos nosos alumnos e as nosas alumnas.

Grazas a estes avós,  e a estas avoíñas que nos están aportando tanta información e documentación, estamos descubrindo moitas cousas do patrimonio dos nosos pobos.

UN NADAL MOI TRADICIONAL

BANCO DE LEMBRANZAS

Pedímoslles ás nosas familias que, para adornar os corredores do centro, buscaran fotos de Nadais anteriores e que con elas deseñaran unha bola.

Logo con todas as bolas fixemos o noso banco de recordos navideños.

Agradecemos a colaboración das familias para desenvolver esta actividade.

E poder decorar a nosa escola coas fotos das xuntanzas familiares nestas datas tan entrañables.

ESCENIFICANDO LENDAS

Con motivo do  festival de Nadal o equipo da Biblioteca do noso centro propúxolles aos nenos e ás nenas de 6º de educación primaria, que están moi implicados no desenvolvemento do proxecto :”Auga, pedra, sabedoría e terra”, recompilar lendas da nosa zona e escenificar algunha.

LENDA DE ANA MANANA

Unha das lendas mais coñecidas é a de Ana Manana vinculada a un pozo no río Miño preto da aldea de barrio de Untes.

Ana Manana vive nunha fonte que leva o seu nome, nunhas rochas próximas ao Pozo Meimón. Sábese que é moi fermosa e que viste  de branco. As veces que tentaron desencantala non o conseguiron por iso segue alí pegada ás súas rochas e aínda se deixa  ver peiteando os seus cabelos de prata á luz da lúa.

Nese mesmo lugar din que morreu afogado un bispo e cando lle preguntas ao pozo :

-Morreu ou bispo?

O pozo responde -morreu, morreu, morreu

Á beira do pozo pode verse unha rocha con marcas e escavados que din corresponde co lugar do peite , do xabón e de aféitelos da “Moura”.

A lenda cóntase así. Polo menos, é como se describe desde fai moitísimos  anos.

Hai xa moitos anos, un paisano regresaba da sega en Zamora . Chegando a Sanabria atopouse no camiño unha señora moi ben vestida, que lle preguntou de onde era, e se sabía do Pozo Meimón. O home respondeulle que si . Que el  era de Barrio de Untes e sempre levaba ao prado do río , á beira do pozo meimón as súas dúas vacas. A  cabaleira moi contenta ao saber a noticia preguntoulle se quería ser rico para sempre. Ante a resposta afirmativa do paisano, díxolle como tiña que facer.

Teño un traballo  moi importante pendente, pero, as miñas obrigacións impídenme viaxar nesta época do ano. Se queres ser rico , tes que levar este queixo ata o Pozo Meimón, achegaraste  á fonte e berrarás  tres veces…Ana Manana!. Cando repitas por terceira vez este nome, sairá unha señora moi fermosa .

Dislle:  Traio un encargo do lago de Sanabria e dáslle este queixo que che dou. Fixate ben que ten catro cornos.  Ela , en agradecemento por cumprires ben a túa misión, farate rico.

Unha cousa importante é que tes que  gardar silencio sobre este teu traballo e non podes contarllo a ninguén , nin tan sequera a túa muller.

O home tomou o queixo e seguiu o camiño . Como chegou de noite á aldea deixou o traballo para o día seguinte xa que pensou que se a moura levaba tanto tempo esperando non habería problema por esperar unha noite máis.

Foi á súa casa para descansar de tan  fatigoso viaxe. A muller ao velo , abrazouno e preparoulle unha tortilla de tres ovos e un chourizo. Cando estaba atareada na lareira viu de raspallón o paquete , envolto  nun pano de liño que traía o marido .

Durante a cea, tentou sonsacarlle sobre o contido daquel atado pero, foi imposible . Finalmente e farta das evasivas do marido preguntoulle se o paquete era un agasallo para ela ou para o neno que esperaba. O, respondeulle que o paquete non era para ela senón que era un encargo que lle fixeron e que nada podía dicir sobre iso xa que fixera un pacto de silencio sobre iso.

Cando se deitaron, a muller non podía durmir pensando en quen podía ser destinatario daquel paquete tan ben preparado e que en que podía consistir. Ao ver que o seu marido durmía profundamente, levantouse e  abriu o paquete . Cando viu aquel queixo tan apetecible non puido conterse e nun arranque sen control , cortoulle un dos cornos e comeuno  deleitándose pois o seu sabor era marabilloso.

Pero estrañoulle unha cousa:  O sabor era diferente ao de todos os queixos que antes probara. Cando terminou de comer o anaco de queixo, envolveu o resto coidadosamente para que non se notase nada,  e deixou o paquete como estaba.

Ao día seguinte, de madrugada, o home levantouse para cumprir o encargo .

Tomou o paquete de encima da artesa e levouno..

Ao chegar ao Pozo Meimón gritou tres veces …Ana Manana!Ana Mana! Ana Manana!

Que desexas?

Contestoulle unha fermosa muller de longa cabeleira prateada, toda vestida dun branco cegador.

Traio este paquete para ti- contestoulle o home.

Ana manana tomou o paquete que o home lle entregaba e abriuno. Ao ver que ao queixo lle faltaba  un corno, cambiou totalmente o seu aspecto. Coa ira centelleando nos seus aceirados ollos berroulle  ao home:

Pero que fixeches desgraciado, ben a te avisaron  que non abrises o paquete , agora é tarde xa… Mira co teu descoido o que provocaches. A dama depositou o queixo no chan e ao facelo, este converteuse nun fermoso cabalo pero,  faltáballe  unha pata.

Agora non podo desencantarme. Este era o cabalo que me ía  levar ás afastadas terras do Norte pero, mira como está.

Perdiches a oportunidade de cambiar a túa miserable vida porque xa non haberá riquezas para ti . Anda regresa a casa e lévalle á túa muller esta faixa, é o único agasallo que che farei. Cando estea a piques de dar a luz , poslla.

O home colleu a faixa e marchouse pero antes de chegar á súa casa ía matinando no estraño agasallo que lle fixeron. Pensou que antes de darllo á súa muller sería bo ver que tipo de beneficio podía facer. Desta maneira, achegouse a unha árbore e  enroscoullea faixa .

Ao cinguilo contra a cortiza da árbore, o cinto púxose a lume vivo e a árbore comezou a arder entre labaradas azuladas.

Así foi como o campesiño salvou á súa muller e ao seu fillo dunha morte certa.

 

ASIQUE COIDÁDEVOS DA IRA DAS MOURAS.

 

UN NADAL SOLIDARIO

Seguindo cos encontros 4X (encontros interxeracionais)  organizamos a  visita dos cativos de 5º e de 6º de Educación Infantil ao centro Fogar de San Amaro, para cantar varias cancións: “eu son artista”, “abuelito dame un beso”, “chea de vida”,  e para representar unha obra de teatro  titulada “a mellor sopa do mundo”.

Temos que agradecer a boa acollida que  tivemos, o que fixo que os cativos estiveran moi cómodos e repartiran aloumiños e alegría entre os avoíños e as avoíñas.

 

A través desta actividade queríamos que os nenos, e as nenas,  entenderan que Nadal é darse aos demais, entregando o mellor de nós mesmos, e iso foi o que fixeron eles ao longo dunha mañá chea de emocións.

Foi un encontro no que persoas de distintas xeracións cantamos, sorrimos e sentimos xuntos, apostando por un Nadal solidario.

Os nenos de 4º de educación primaria quixeron participar no Nadal solidario, facendo  estes adornos,  e estas postais que lles enviaremos aos avós para que decoren o seu centro:

Os nenos, e as nenas de 5º de educación infantil fixeron estes adornos para os avoíños,e as avoíñas de San Amaro:

PATRIMONIANDO ANDO

As  familias do noso centro seguen buscando, e fotografando, o patrimonio da nosa contorna.
Desta maneira estamos descubrindo recunchos cheos de beleza e de historia, preto de nós e da nosa escola.

ENRAÍZATE

Con motivo do Día Internacional dos Bosques Autóctonos, organizamos, e desenvolvemos as seguintes actividades:

1- Descubrimos un bosque autóctono, que pertenece a unha das  zonas nas que viven alumnos da nosa escola.

Trátase do Falán un paraxe natural impresionante na zona da Conchada, preto de Palmés.

2- Organizamos o  concurso :  “Enraízate”, no que os nenos tiñan que facer un debuxo e un lema para fomentar o coidado dos bosques, e o da natureza en xeral.

3- Plantamos landras e castañas para facer sementeiros,  e púxemonos en contacto cunha concelleira de Baños de Molgas, que é nai dunha alumna do noso centro, para que, cando eles o consideren oportuno, nós permitan ir repoboar unha das zonas moi afectadas polos incendios que recentemente sufríu a nosa terra.