Monthly Archives: octubre 2017

As MOCHILAS VIAXEIRAS

O  equipo da biblioteca xa comezou, este curso, coa : “V andaina das mochilas viaxeiras”, unha actividade que lles permite aos nenos levaren para as súas casas unha mochila con libros, películas e un pendrive con diferentes materiais, e compartilos cos membros da súa familia durante 15 días.

Este ano, ademais de levaren  o material do apartado verde, engadíronlle  o  relacionado co novo  proxecto : “Auga, pedra, sabedoria e terra” , polo que os materiais seleccionados serán aqueles que nos permitan aprender a reutilizar, reciclar e coidar a natureza, ao mesmo tempo que nos posibilitarán  saber máis  do noso patrimonio.

Estes materiais permitirannos coñecer e valorar a nosa contorna.

COMO RECURSOS AUDIOVISUAIS, NO PENDRIVE QUE VAI NAS MOCHILAS VIAXEIRAS, OS NENOS E AS SÚAS FAMILIAS ATOPARÁN OS SEGUINTES:

 

 

 

 

 

 

 

FAGO COUSAS COA NATUREZA

Os cativos de 4º de educación infantil convidáronnos  a entrar na súa clase para ver o que andan facendo  para celebrar o Samaín…

 

11

Con materiais reutilizados fixeron unhas arañas moi divertidas.

 

1

Coa profesora Nieves pasárono moi ben no taller de cabaciñas.

Velaí que ben decoraron  a súa cabaciña estes nenos, e estas nenas.

 

10

SABOR A POBO

Quen non lembra a que sabe o pobo? Os nosos pobos saben a leituga, a tomate, a patacas, a uvas,  a empanada, a grelos, a lacón  e a  pan.

Se buscamos no baúl das nosas lembranzas seguro que atopamos un sabor que descubrimos  na casa dos avós. Un deses sabores que non puido borrar o tempo, porque cada vez que íamos a casa dos avoíños esperábannos coa nosa comida preferida preparada, aquela que só tiña un sabor especial no noso pobo e coa nosa xente.

 Este ano, no que andamos descubrindo o noso patrimonio, queremos  traer á escola os sabores da nosa terra. Comezamos grazas a un avó, o avoíño de Cibrán que nos mandou uvas para os nenos, e para e as nenas de 5º de educación infantil, e decidimos combinar os sabores da froita con pan de millo e co pan de centeo, porque a iso sabe a nosa terra, a froita, a verduras a centeo e a millo.

Hugo recoméndanos o pan de millo con mazá.

HUGO RECOMENDA O PAN DE MILLO CON MAZÁ.

 

 

 

E para agracederlle aos avoíños, e ás avoíñas, todo o que nós ensinan  a descubrir, e a sentir andamos preparando o primeiro encontro 4X ( 4 xeracións), no que nenos, pais, avós e bis avós bailarán xuntos.

Cando chegue o día xa vós contaremos….de momento andamos enredados ensaiando os seguintes temas:

 

 

UN AGASALLO MOI ESPECIAL

Hoxe, 22 de outubro, día Internacional das Bibliotecas Escolares,  recibimos un agasallo moi especial, o dun avó da nosa comunidade educativa.

O avó Sergio trouxonos un carriño, para que os compañeiros do equipo de biblioteca, que están a desenvolver a actividade “Bibliopatio”, a través da cal os nenos voluntarios de primaria levan durante o tempo do recreo un carriño con libros ao patio de educación infantil, poidan empregar este. Un carriño  que fai moitos anos empregaban as leiteiras, para recoller o leite nos nosos pobos, e levalo pola costiña de Canedo a vender a Ourense.

E  agora, este carriño será reutilizado para   ir ao patio da nosa escola cargadiño de libros.

SEMENTES DO VENCER

O día 11 de outubro celebramos o Día Internacional da Nena.

Con esta conmemoración  queremos fomentar o recoñecemento dos dereitos das nenas, e darlle  a coñecer, á opinión pública, os problemas que aínda teñen que afrontar  en todo o mundo.

O tema deste ano quere resaltar que as nenas en situación de crise  seguen sendo unha fonte de poder, de enerxía e de creatividade , pero ao mesmo tempo atópanse entre o grupo de poboación máis vulnerable.

As nenas desempeñan diferentes papeis na sociedade. O seu progreso é positivo para elas, para as comunidades nas que viven, para as familias e para o mundo.

No marco deste día temos que lamentar que, na actualidade,  as nenas teñan que enfrontarse a máis dificultdes debido ao xénero, entre elas a violencia sexual, o traballo infantil non remunerado, o matrimonio a temprana idade e a falla de acceso á educación.

Para todas estas cativas,  que teñen que aguantar moitos deberes, e gozan de tan poucos dereitos, dedícamoslle unha fermosa canción, a que  que lle deu título á actividade que desenvolvemos no noso centro.

Cos nenos e coas nenas de educación infantil comezamos comentando a importancia deste día, e os motivos polos cales se celebraba.

Logo pedímoslle, ás nenas que se debuxaran a elas mesmas tendo en conta que eran moi importantes, e aos nenos que debuxaran a unha nena da clase, á que consideraran moi importante.

Cos debuxos decoramos as bolsas, na que levaron para as súas casas unha maceta con sementes de fabas

nena 19

Mateo, que hoxe era o encargado, viña preparado para traballar no horto.

E cando xa fixeramos a nosa sementeira,  comparamos as dificultades que terían  que superar as sementes, ata converterse en  plantas,  coas que tiñan que superar as nenas para medrar,partindo de que tanto unhas como as outras eran “sementes do vencer”.

nena 11

Uxía mostra as sementes de fabas que terá que coidar a partir de agora.

 

 

 

TRABALLANDO NO HORTO

Un ano máis imos cultivar  o noso horto escolar.

E farémolo tendo en conta o seguinte calendario:

 

CALENDARIO DO HORTO ESCOLAR

        MES                                                               PLANTA

SETEMBRO/OUTUBRO LEITUGAS/ACELGAS

VERZAS

REPOLOS

NOVEMBRO BRÓCOLI

CENORIAS

COLIFLOR

 

DECEMBRO ALLOS

CEBOLAS

XANEIRO PEREXIL
FEBREIRO GARAVANZOS

PATACAS

XUDÍAS

MARZO LEITUGA

AMORODOS

MILLO

ABRIL BERENXENA

TOMATE

MELÓN

 

MAIO CALABACÍN

SANDÍA

O primeiro que tivemos que facer, antes  de plantar acelgas, verzas e repolos, foi preparar a terra, retirando  as herbas perigosas para os nosos cultivos.

E cando a terra xa estaba ben preparada os cativos de 6ºde educación infantil comezaron a plantar repolos.

 DESPOIS DE TRABALLAR CON MOITAS GAÑAS,  COMO O FIXERON OS CATIVOS DE INFANTIL,  NADA MELLOR PARA DESCANSAR  QUE ESCOITAR E APRENDER  ESTA CANCIÓN:

ESCOLA PONTE GUAPA

Hoxe toca plantar xeranios. Antes de comezar  teremos que ter en conta o seguinte:

  • Os xeranios necesitan moita luz solar para medrar  fortes. 
    * Trátase dunha planta que florece no verán, polo que deberemos coidar moito a súa rega durante esta estación do ano; mentres que no inverno a frecuencia de rega deberá ser moito menor, especialmente en climas fríos.
  • * Empregaremos  un substrato pesado que reteña ben a humidade, e montar un bo sistema de drenaxe no testo , para evitar que a auga se encharque.
  • * Na primavera, deberemos  facer unha boa poda, para que os  xeranios  florezan con máis forza.
  • * Cando vexamos que os xeranios teñen  follas secas e mortas, teremos que arrancalas polo punto de unión co talo.
  • * Deberemos abonar estas flores con frecuencia, especialmente durante a floración.
  • * Non debemos pulverizar as súas flores e follas, xa que contan cun tacto aveludado e a auga estragaríaas.
  • * Deberemos prestar especial atención ás pragas que poden afectar aos xeranios, como é o caso da bolboreta do xeranio, a mosca branca ou outras das pragas máis común.

     

     

ESCOLA PONTE GUAPA

Os nenos e a nenas de educación infantil seguen plantando flores con moitas gañas e con moita ilusión, para que a nosa escola estea ben “guapa”.

Aquí os tendes plantando ciclames.

Arantxa e Mara están moi ledas co seu traballo.

8

 

 

RECOLLENDO SEMENTES

Comezamos o traballo no horto recollendo sementes de xudías.

Logo descubrimos porque fai moitos anos nos nosos pobos, os avoíños e as avoíñas gardaban as sementes en bolsas de tea.

 

P1100236

LEVAMOS AS NOSAS SEMENTES PARA A CASA  EN BOLSAS DE TEA.

 

 

A tea permite que pase ou aire, á vez que absorbe a humidade das sementes, e iso facilita que se sequen.
Por iso quixemos recuperar a sabedoría da nosa xente e, tal e como facían eles, meter as sementes de xudías en bolsas, levalas para casa e deixalas a secar ata que chegue o tempo de sementar.

EN BOLSAS DE TEA.

 

 

 

 

 

 

SABEDORÍA

BENVIDA PATRICIA!

Un dos obxectivos do noso proxecto  é o de valorar, respectar e descubrir aos sabios que están á nosa beira, nas nosas casas, formando parte das nosas familias, e da nosa comunidade educativa, e sentirnos moi orgullosos deles.

Por iso convidamos a todos os membros da comunidade educativa a que, segundo á actividade  na que lles apeteza participar, veñan á escola para compartir con nós os seus coñecementos.

A primeira voluntaria que nos visitou foi Patricia, a nai de Julia, alumna de 5º de educación infantil. Patricia é profesora de linguaxe de signos e chegou á escola cargadiña  de ilusión, para ensinarnos a cantar,  unha canción con esta lingua.

patricia 1

Julia sorrí, sentíndose moi orgullosa da súa nai.

A canción que escollemos  foi  “Chea de vida”, que nós levou a coñecer algo máis do noso patrimonio musical, descubrimos a GUADI, unha das artistas máis relevantes da música galega.

Durante varias sesión contaremos coa axuda de Patricia, para formar aos nenos de 4º, 5º,  6º, 2º  e 1º, logo eles serán os encargados de ensinar aos seus compañeiros, para que o 25 de novembro poidamos celebrar, todos os nenos e profesores do colexio,  o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cantando  esta canción con linguaxe de signos, no patio da nosa escola.

Os nenos e as nenas  estiveron moi atentos, polo que as primeiras sesións xa están dando bos froitos.

Moitas grazas Patricia por esta sesións de sabedoría compartida, que tanto lles están gustando  aos nosos cativos.

 

 

2

 

3

Os nenos e as nenas están moi atentos ás explicacións de Patricia.