Monthly Archives: agosto 2017

PATRIMONIANDO ANDO

PARA ESCOITAR E CONTAR

A música, as lendas, as tradicións, os oficios, as crenzas, e a lingua forman parte dun patrimonio, que a pesar de non ser  tanxible, mostra a nosa identidade cultural e social

Nel  falamos de “mouras”, “magos”, “camiños e pedras encantadas”….

Estaría ben visitar   o castiñeiro de Pombariños e sentados a súa sombra lembrar  algunha lenda.

Propomos  completar dúas.

A primeira vai ser  unha lenda de Ourense, e como non podía ser doutra maneira, unha lenda que fala dos  castiñeiros.

A LENDA DOS CASTIÑEIROS MÁXICOS

Din que nun dos pobos ourensáns, no que abondan os castiñeiros, un home foi coa súa machada  cortar un moi grande que medrara  nas súas terras, para facer unha viga para construír a casa do seu fillo.

Ao darlle o segundo golpe á árbore apareceu un mago, quen logo de miralo fixamente e case atormentalo coa súa mirada, preguntoulle  porqué quería cortar o   castiñeiro.

O home, amablemente e  sen intención de problemas contoulle que a árbore era súa, que estaba nas súas terras e que a necesitaba para construír a casa do seu fillo.

O mago, sen ofenderse, díxolle que a árbore tamén era a súa casa, e que a herdara dos seus antepasados, por isto non podía permitirlle que a cortara.

O  home contoulle ao mago que  non tiña  diñeiro para comprar a viga,  e que o seu  fillo necesita a  casa. En ton moi cordial  engadiu : coidei desta árbore para poder usala agora, e se non podo cortala non sei que vou facer.

O mago pediulle  que coidase,  e non cortara  a árbore,  e que el a cambio lle daría  algo.

O  home preguntoulle : co que me deas  poderei comprar   a viga para a casa do meu fillo?

 O  Mago, respondeu: dareiche algo  que non se baleire nunca, e con el poderás comprar a viga. Se ti  coidas o meu castiñeiro,  e lembras deixar sempre o que che dea  pola metade, ao día seguinte volverá estar cheo.

O mago desapareceu e o home, logo de pensar un intre  á sombra do castiñeiro, volveu á súa casa,  e fixo todo o que o mago lle indicara. Esa noite non puido durmir, pero ao día seguinte ao ver que o que lle dera o mago estaba cheo, a súa alegría foi inmensa.

O home, contento  e agradecido, coidou o castiñeiro, e vendía cada día o que lle regalara o mago, gañando moito diñeiro, tanto que regalou farois para a  parroquia do seu pobo, comprou a viga para a casa do seu fillo, e todos os días, pasaba polo lugar no que estaba o castiñeiro e facía unha reverencia para saudar ao Mago.

AGORA TOCA INVESTIGAR

Que lle regalou o Mago ao home?

O Mago regaloulle un barril de aceite que debía deixar mediado cada noite, e á mañá seguinte aparecería cheo.

E IMOS CON OUTRA LENDA QUE NÓS CONVIDARÁ A CAMBIAR DE PROVINCIA

Hai varias lendas ao redor da construción do único faro romano que segue actualmente en funcionamento. A máis coñecida asegura que un xigante coñecido como Gerión, rei de Brigantium (Breogán), tiña aos seus súbditos aterrorizados, porque lles  obrigaba a entregarlle a metade das súas posesións, fillos incluídos. Un día os súbditos ante a inutilidade de revelarse contra o xigante decidiron pedirlle axuda a Hércules, que o retou nunha cruenta batalla. Hércules derrotou a Gerión, enterrouno e levantou un túmulo que coroou cun facho. Preto dese monumento fundou unha cidade e, como a primeira persoa que chegou foi unha muller chamada _____ Hércules puxolle  á cidade o seu nome,_ ______

AGORA TOCA INVESTIGAR

De que cidade estamos a falar? Como se chamaba a muller que chegou a ela?

Estamos a  falar da Coruña, que levaría este nome porque a primeira muller, que segundo a lenda, chegou a esta cidade chamabas Cruña (o Crunia).

E patrimoniando, patrimoniando fomos dende Manzaneda (Ourense) ata a  Torre de Hércules na Coruña. Poida que despois de descansar á sombra , contar lendas e visitar a Torre , o que agora nós  vaia  ben sexa mollarnos un pouco falando  das nosas augas, porque se a auga é vida, para vivir hai que vir a Galicia! E animarnos a visitar as  marabillosas  fervenzas galegas!!

PATRIMONIANDO ANDO

PARA DESCUBRIR E IR

O  patrimonio pode  definirse  como o conxunto de bens valorados positivamente, que foron traspasados desde o pasado ao presente. Destes bens pódese gozar, pódense incrementar pero non disminuír ou gastar, antes de entregarllos  ás futuras xeracións. Polo que temos o deber de coidalosprotexelos e sostelos.

Ao falar de patrimonio referímonos tanto ao material, como ao cultural e ao natural.

E hoxe formularemos a nosa pregunta arredor do patrimonio natural.

Imos descubrir  árbores, esa fermosa parte do patrimonio galego que non son só elementos decorativos, senón que se converten nos pulmóns da terra, contribuíndo  a mellorar a calidade do aire, e a das nosas vidas.

E AGORA TOCA INVESTIGAR:

Queremos descubrir a árbore máis vella de Galicia, e animarnos a visitala.

Sabedes cal é ? E onde está?

O Castiñeiro de Pombairiños, situado non municipio de Manzaneda (Ourense), nun paraxe nomeado “Souto de Rozabales”,  é con moita probabilidade a árbore máis vella de Galicia. Aínda que algúns din que ten máis de 2.000 anos, os expertos sitúan a súa idade en algo máis de 500 anos. O seu tronco mide máis de 12 metros de perímetro.

Outras árbores de idade similar son dúas sobreiras pontevedresas, unha localizada en Artois, cuns 500 anos, e outra non pazo de Valiñas, (A Estrada), que ten  entre 250 e 500 anos.

Tamén existe un teixo, en Pontedeume, que pode ter uns 300 anos.

PATRIMONIANDO ANDO

PARA DESCUBRIR E IR

Con esta actividade pretendemos aumentar o noso coñecemento sobre o  patrimonio cultural galego,  que se caracteriza  pola súa riqueza, diversidade e extensión xeográfica.

E imos facelo propondo un xogo, a través do cal teremos que ir atopando:  cabaceiros, cruceiros, fervenzas, castros, rutas, catedrais……

Cada día formularemos unha  pregunta, e deixaremos un tempo para buscar a solución. Logo de atopar a resposta estaría moi ben   ir coñecer os lugares , monumentos, poblados ou curiosidades das que iremos falando, o que podería converterse nunhas vacacións alternativas.

Comezamos falando de hórreos.

O hórreo galego é  unha construción de uso agrícola destinada a secar, curar e gardar o millo e outros cereais antes de debullalos e de moelos.

Está formado por unha  cámara de almacenaxe oblonga, estreita e permeable ao paso do aire, separada do chan para evitar a entrada de humidade e dos animais.

A primeira representación gráfica dun hórreo remóntanos ata o século XIII, nas Cantigas de Santa María, atribuídas a Alfonso X o Sabio.

En Galicia  o  pan era o alimento fundamental da poboación,  coa introdución do millo mellorou as condicións de vida da xente do campo.

No 1973 aprobouse un Decreto de protección por parte do estado español de todos os hórreos e cabaceiros  antigos existentes en Galicia e Asturias, que tentaba atallar as consecuencias do abandono do modo de vida rural e a perda de uso dos mesmos.

Algún dos hórreos galegos teñen a consideración de Monumento histórico-artístico, como o da reitoral de Santa Comba de Carnota, construído no 1768, ou a agrupación de hórreos de Combarro.

E AGORA TOCA INVESTIGAR:

Cal é  hórreo máis longo de Galicia? E o máis ancho?  O que ten máis número de filas de pés? E o que ten máis pés?  E o de maior superficie?

Pola súa lonxitude? Gaña o de ARAÑO (Rianxo), con 37,05 m

Pola súa anchura?: O de POIO: 3,368 m

Polo número de filas de PÉS? Os de LIRA E CARNOTA, 22 pares cada un (44 pés)

Polo número total de PÉS? O de POIO, ten 17 filas de 3 pés cada unha, 51 pés

Pola súa superficie?: O de POIO, con 123,12 m2

Pola súa capacidade?: O de ARAÑO: 170 M3

 

 

BOTAMOS UN CONTO?

Agora que o tempo axuda a estar máis fóra ca dentro, a ler, a conversar, a imaxinar, a ter menos présa, a escoitarnos e ata a inventar,  propómosvos algúns contos para aprendermos  a coidar, a respectar, e a valorar  o medio ambiente.  E unha actividade para desenvolver cos máis cativos, que consiste en rematar contos, en buscar eco finais divertidos, implicando a  varios membros da familia, todos os que estean dispostos a “botarlle un conto”.

1- RECOMENDAMOS:

A literatura infantil e xuvenil é unha boa forma de concienciar sobre o coidado da natureza.

Estas obras relatan belas historias nas que a natureza é a protagonista, explican de forma amena e próxima como coidala, e farán as delicias dos máis, e dos menos cativos.

  1. “Historia dunha árbore”. Miguel Anxo Custa (Ed. Mocidade). Conta a historia dunha árbore feliz no bosque, ata que de súpeto ……..todo cambiou.
  2. A historia do Rainbow Warrior”. Rocío Martínez (Ed. Kalandraka). Conta a historia do primeiro buque insignia de Greenpeace, que no 1978 empezou a denunciar as agresións ao planeta, e que foi afundido e convertido en arrecife artificial. O libro está publicado en papel procedente de bosques sustentables.
  3.  “Un verán en Borneo”. Pilar Garriga, con ilustracións de Àngels Ruiz (Ed. Anaya), propón unha novela áxil para viaxar a Borneo e valorar a situación dos orangutáns, atacados polos cazadores furtivos. A partir de 10 anos.
  4. 50 ideas para aforrar enerxía e auga”. Siân Berry (Ed. Blume). A auga e a enerxía son os recursos máis valiosos do planeta e desperdicialos afecta os nosos petos, e ao medio ambiente, tal e como nós lembran as responsables de “A árbore vermella”. A partir de 12 anos.
  5. “ O canto das baleas”. Dyan Sheldon e Gary Blyte (Ed. Kókinos). Unha avoa cóntalle á súa neta que hai tempo había baleas nos océanos e achegábanse á costa. Lili soña con baleas, ata que consegue facerse amiga delas. Paco Abril, experto en literatura infantil e xuvenil, asegura que o libro ten “imaxes extraordinarias e un texto de gran emotividade. De 6 a 106 anos.
  6. O Xardín curioso” . Peter Brown (Ed. Takatuka). Liam, un neno curioso, descobre un xardín que ten problemas, e decide axudalo. Co paso do tempo, o xardín cobra vida propia e expándese pola cidade, cambiándoo todo.
  7. A evolución de Calpurnia Tate”. Jaqueline Kelly (Ed. Roca): A Calpurnia interésalle estudar a natureza, na que se penetrará grazas ao seu avó e a Darwin. Unha novela estimulante para espíritos inquedos. A partir de 10 anos.
  8. “O vento nos salgueiros”. Kenneth Grahame (Ed. Anaya). Roser Zúñiga destaca este clásico da literatura xuvenil inglesa, un canto á vida e á amizade, protagonizado por varios animais. Para nenos e mozos.
  9. “ Oso Polar, sabes por que se desxea o teu mundo?”. Robert E. Wells (Ed. Mocidade). O autor explica de forma ilustrada que son os gases de efecto invernadoiro e como provocan o cambio climático. Ademais, contén boas ideas para axudarnos aos seres humanos e aos osos polares. A partir de 10 anos.
  10. “ Protexer a Terra: Enciclopedia do medio ambiente” . Jean-Michel Billioud (Ed. SM). Esta obra ofrece explicacións básicas sobre os grandes temas ambientais, as súas ameazas e posibles actuacións. A partir de 12 anos.
  11. Simios “.  Martín Jenkins (ilustrado por Vicky White) (Ed. Factoría K). Este álbum ilustrado de gran formato expón a delicada situación dos grandes simios do planeta. Recomendado por Xosé Ballesteros. Para nenos e mozos.
  12. Un don do mar”. Kate Banks e G. Hallensleben (Ed. Mocidade). Este libro “conta dunha forma sinxela (non confundir con simple), poética e admirable como unha pequena pedra chegou a mans dun neno despois dunhas transformacións fascinantes”. De 5 a 105 anos.
  13. “Vinte mil leguas de viaxe submarina”. Jules Verne (Ed. Anaya). Outra das recomendacións clásicas de Roser Zúñiga, o capitán Nemo e o seu submarino Nautilus seguen resultando fascinantes para nenos e mozos de todas as idades.
  14. “ Yamina” . Paul Geraghty. (Ed Zendrera Zariquey): Yamina é unha nena africana que de maior quere ser cazadora. Segundo Paco Abril, “as súas marabillosas ilustracións introducirannos na fermosa e, ás veces, inquietante paisaxe de África”. De 6 a 106 anos
  15. Ademais recomendamos a colección : ” Ecocuentos” porque a través de historias moi creativas móstralle  aos nenos o impacto que teñen os actos descoidados sobre o medio ambiente.

2-E TOUPORROUTOU O CONTO AÍNDA NON REMATOU……………

A continuación propomos 2 contos sen rematar, para que en familia lle busquemos un final.

A BILLA ENFADADA

A Ana gústaballe moito xogar coa auga, deixar a billa aberta, escoitar o ruído que facían as pingas, e ata encher o vaso, para beber só un trago.

Por máis que os adultos insistían en que había que aforrar,  Ana seguía mal gastando a auga.

Un día a billa, cansa de ver o que facía esta nena, decidíu falar con ela para convencela de que tiña que actuar doutra maneira.

 Ana, como de costume, púxose a enxabonar  as mans, e deixou a billa aberta. E fixo o mesmo  mentrés se peiteaba, entón a billa dixo:

-Bo día Aniña, por favor péchame.

A rapaza deu un salto tan grande que tocou o teito, quedou sen voz un anaco, e cando xa podía falar, con cara de susto e en ton baixiño preguntou:

-Quen está falando? Non vexo a ninguén.Quen es? Onde estás?

-Son a billa, pero por favor péchame e logo falamos………..

E COLORADO COLORÍN PARA ESTE CONTO INVENTA TI O FIN

O CONTO DOS CONTOS

Cando Andrés era neno descubrira co seu avó un refuxio, unha casa na que protexerse do vento, da choiva, do sol, e ata dos enfados dos adultos. O seu avoíño contáralle que aquela casa na árbore tiña centos de anos, e que tiñan que coidar moi ben a aquel bosque e a aquel carballo, que como dicía o avó, abrira a súa barriga para regalarlles un fogar.

Porque a casa  estaba dentro dun vello carballo, que sabía gardar moi ben os segredos, as conversas e os soños de Andrés e do seu avoíño.

A Andrés gústaballe moito falar  co avó dentro da árbore, e aprender  todo o que o avoíño lle ía ensinando da vida e da xente.

Un día, cando xa non estaba o avó,  Andrés marchou de vacacións coa súa familia, pasaron 15 días e ao volver xa non quedaba bosque, nin árbore, nin casa, o lume arrasara todo. Agora só quedaba  cinza e tristeza, nos veciños e na natureza.

Andrés sentíuse moi triste, tan triste que en moitos días non falou con ninguén. Un deses días non que se sentía tan mal,  volveu ao bosque, e sentouse ao pé da súa  casa árbore. Ollouna con moito agarimo,  e tanto a árbore como o neno romperon  chorar, Andrés miraba ao seu carballo, que agora queimado  parecía querer dicir algo.

O neno volveu durante moito tempo para acompañar a árbore. Pero  non sabía que podía facer, non sabía como axudala.

 Un día colleu unha landra e plantouna ao lado da casa árbore, outro día púxose a escribir un conto, quería inventar o conto dos contos, quería ser a voz das árbores, para parar os incendios, para contarlle á xente a dor que sentía o bosque, para que puideran imaxinarse o medo que sentían as árbores cando alguén plantaba lume a súa beira.

Andrés imaxinou que a árbore falaba, e que lle ía contando todo o que sentira, e el escribíu………..

COA TÚA IMAXINACIÓN E TALENTO REMATA TI O CONTO E TODOS QUEDAREMOS CONTENTOS…….