Monthly Archives: enero 2017

ARTISTAS POLA PAZ

Esta semana tivemos na escola a Iria, a Alba e a Carolina, tres educadoras que traballan na asociación XARELA, e están desenvolvendo no noso centro un proxecto de Igualdade.

Para a sesión cos cativos de primeiro propuxéronlles pintar con pompóns láminas pola paz, entendendo a paz como harmonía  co medio ambiente e coas persoas.

Nas súas “obras de arte” tiñan que empregar a maior variedade de cores posible, para comprobar que un mundo de cores é un mundo máis fermoso. Logo a través da sesión “de sentimentos” intentaron que os nenos se deran conta de que todas as cores son importantes e diferentes e que esa diferenza é a que aporta beleza.

E despois desta sesión tan “chea de cor”, temos os resultados da nosa 1ª sesión de “arte pola paz”:

Jason decidíu levar a mensaxe de igualdade ás súas mans pintando cada dedo dunha cor, entendendo que todos forman parte da mesma man, que todos son necesarios, e que aportando o mellor de sí, que é a súa cor, son capaces de unirse para pintar láminas cheíñas de vida e de sentimentos.

P1090194Ao final desta actividade entendemos que nós, ao igual que as formiguiñas que pintou Candela, temos o deber de aportar a “nosa cor”, os nosos valores para que a “lámina do mundo” estea completa. E así unidos, pondo cada un o mellor de si, a súa ilusión e o seu esforzo, acadaremos a paz, que nos axudará a gozar do medio, da vida e dos que van a nosa beira.

P1090209

Paso a paso, como formiguiñas, a paz construímola entre todos.

TALLER DE VASOIRAS

Sergio volveu á escola para contarnos que a natureza é tan rica que ademais de darnos alimentos, danos moitos recursos. Algúns valen para facer xogos e xoguetes, outros para resolver os problemas que tiñan fai moitos anos as persoas que vivían nos nosos pobos, como era varrer ou levar piñas do eido para a casa.

No noso taller de vasoiras vimos como traballaba Sergio con xestas e con vimbios, ata facer a que sería a avoa das actuais escobas. Tamén tivemos o recuncho de fantasía, o de cancións, o de xogos, o de curiosidades e o de adiviñas.

A profe Mª Xosé aproveitou para facernos un xogo: “A letra entrada”, no que para entrar no taller de fantasía había que coñecer as letras que xa estivemos estudando, porque a letra que ela ía dicindo era a inicial do nome do neno que podía entrar.

Sergio contounos que nos pobos había varios ditos sobre as vasoiras. Un deles afirmaba que “non se podía levar vasoira vella a casa nova”, porque daba mala sorte; o outro dicía que “non se podían varrer coa vasoira os pés dunha moza solteira”, porque entón a rapaza non casaría.

A profe María ensinounos unha canción que cantamos á vez que íamos comprobando o ben que varrían as nosas vasoiras:

Así varría así, así,

así varría así, así,

así varría , así, así.

Así varría porque eu a vin.

Cando pisamos no recuncho da fantasía démonos conta de que a nosa vasoira era máxica, e podía converterse no que nos quixéramos. Daquela a nosa vasoira foi:
As agullas dun reloxo, un avión, un telescopio, un peite para xirafas, un cabaliño viaxeiro, uns remos para unha barca, unha fregona, unha culler para remexer as receitas da paz, unha batidora, un espertador para facerlles cóxegas aos paxaros nos niños, unha gaita, un instrumento para facerlles cóxegas aos compañeiros, unha guitarra, un micrófono, unha brocha para maquillar xigantes…cantas cousas se nos ocurriron! Porque neste recuncho todo era posible…..

No recuncho das cantigas, coa nosa vasoira máxica cantamos: “Se eu tivera unha vasoira cantas cousas varrería” e como xa a tiñamos varremos as rabechas, a tristeza, os enfados, os berros, Rubén ata quería varrer os pepinillos pero Iria non estivo de acordo porque a ela gústanlle moito.

Varremos con tanta forza que voaron á caixiña, e despois desapareceron.

Ao rematar coas vasoiras Sergio sacou varias piñas dunha cesta, colocounas na colchoneta e contounos que fai moitos anos, cando el era neno, e ían ao monte co gando, ao volver levaban piñas para a casa para meter na cociña de ferro e quentarse, porque non había calefacción e no inverno facía moito frío.

P1090051Explicou que daquela tampouco había cestos ou carretillas e como querían levar todas as que puideran nunha soa viaxe inventaran o “ata piñas” que se facía cunha xesta á que lle ían colgando as piñas. Algo así como unha árbore de Nadal pero ao revés. Para comprobar o difícil que era levar moitas piñas dunha vez intentamos facelo, a pesar da dificultade, Rubén, Ana e Ainhoa conseguirono.

Sen embargo na maioría dos casos ao intentar levantarnos e camiñar acabaron caendo.

Fíxonos un “ata piñas”, para que puideramos ver como se facían, e aprender a facelos.

P1090043

E demos uns paseiños pola clase con el.

P1090089

Rematamos xogando a: “Piñiña, piñiña onde estás agochadiña”.

P1090160

Rematar, rematar o certo é que non rematamos porque isto non fixo máis que comezar, xa que cando íamos saír, a profe Conchi deunos un concerto coas piñas, e de aí naceu a outra idea, o nome do próximo taller, que será o de “Un concerto moi natural”, no que faremos instrumentos musicais con materiais reutilizados, e con diferentes elementos da natureza: cunchas, noces, millo…., etc e ……todos a danzar aos sons da natureza.

FALANDO DE PAZ E DE MEDIO AMBIENTE

Con motivo da celebración, o 26 de xaneiro, do día Mundial da Educación Ambiental, e da celebración, o 30 tamén de xaneiro, do día Escolar da non Violencia e da Paz, recomendamos as seguintes actividades que estamos pondo xa en marcha no noso centro:

1- ELABORAR UNHA ENCICLAPEDIA:
Os participantes organizaranse por grupos (ou cursos), cada grupo terá que definir un termo relacionado coa reciclaxe e coa natureza (contaminación, cambio climático, impacto ecolóxico, reciclar, medio ambiente, desenvolvemento sostible, reutilizar, biodegradable, ecolóxico, catástrofe ambiental, dano ambiental, deforestación, eco-etiqueta, efecto invernadoiro, reducir, reforestación, vertedoiro controlado…..).

Os grupos poderán definir o significado do termo, ou explicalo con imaxes ou con debuxos, segundo as idades das nenas e dos nenos.

2- ELABORAR “O MANUAL DOS ECOSABIOS” que constará de varios apartados: Ecoconsellos, Reciclapedia, receitas saudables…

3- CONCURSO: “ADIVIÑA QUE SON E ONDE ESTOU”

Os participantes, organizados en equipos, terán que adiviñar o nome da planta, da árbore, do lugar… que apareza na imaxe que será exposta cada quince días no taboleiro verde colocado na entrada do centro.

Resultado de imagen de roble mas grande de galicia

Ao lado do taboleiro teremos a nosa “caixa verde”, na que se irán metendo as respostas.

OBXECTIVOS:

-Aumentar o vocabulario dos nenos e das nenas en galego, en castelán e en inglés.

-Favorecer a capacidade de observación do medio.

-Fomentar o traballo en equipos interxeracionais.

-Estimular a creatividade.

-Valorar a diversidade.

-Buscar información en diferentes medios.

PARTICIPANTES:

– Poderán participar neste concurso todos os membros da comunidade educativa.

-Formaranse equipos de 10 concursantes, os cales elexirán un nome para o seu equipo, o máis creativo posible, e que deberá ter algunha relación co coidado do medio ambiente.

-Cada participante só poderá estar inscrito nun único equipo.

-Cada equipo terá un coordinador.

Cando se formalicen as inscricións deben indicarse os seguintes datos:

  • Nome do equipo
  • Compoñentes 
  • Nome do coordinador ou coordinadora

O período de inscrición dos equipos estará comprendido entre ………. e ……….., ambos inclusive.

XURADO:

Determinará os gañadores, e estará composto por:

– 1 representante de cada un dos equipos de profesores que participan na convocatoria do concurso
– 1 representante da ANPA.
– 1 alumno de sexto (que será escollido por sorteo de entre os nenos ou nenas que se presenten voluntarios) .

Os membros do xurado serán os encargados de facer, e de colocar, cada 15 días, unha foto da contorna do centro (unha árbore, unha planta…), nos 2 primeiros meses do concurso.

Logo as imaxes serán de curiosidades relacionadas coa natureza (o carballo máis vello de Galicia, o cabaceiro máis grande….) de obras de arte relacionadas coa natureza..) ou de fenòmenos metereolóxicos.

Resultado de imagen de PINTORES NATURALEZA

4. MÁIS XUNTOS, MÁIS FORTES

Esta actividade pode realizarse nas aulas a partir de 3º de primaria. No noso centro realizarona xa os alumnos de 6º de primaria.

Os nenos organizaranse por parellas, necesitarán un folio e 2 bolígrafos. Unirémolos cunha cinta, de maneira que a man esquerda dun quedará unida á man dereita do outro. A continuación pedirémoslles que usando só as mans que teñen unidas, fagan un debuxo pola paz. Como lles resulta imposible, teñen que buscar outro xeito para traballar… as mans terán que colocarse unha enriba da outra. Daquela é posible debuxar e ata conseguen escribir.

Logo de rematar os nosos cadros pola paz, comentamos a actividade, dándonos conta da necesidade de “remar na mesma dirección” ou de traballar xuntos para conseguir avanzar. Tamén nos decatamos de que, para traballar xuntos, é necesario dialogar e chegar a acordos conxuntos.

5-PARA LER, PENSAR E SENTIR:

TURIN ADELA: Cañones y manzanas. Lumen (De 5 a 8 anos)

SANZ, I: El hombre que abrazaba a los árboles. Ed. Edelvives (De 9 a 12 anos)

SAUTEREAU,F: El rey sin armas. Alfaguara. (De 9 a 12 anos)

TOUVET,J : El amigo indio. Edebe. (De 9 a 12 anos)

SANDOVAL,A ; URBERUAGA E: El árbol de la escuela. Kalandraka

LOMAR,J : Ecología mental. El grano de mostaza. (Recomendado para adultos)

6- PARA BUSCAR INFORMACIÓN

https://www.veoverde.com/

7-PARA CANTAR E BAILAR:

A danza da paz do grupo Mamá Cabra.

La hora del planeta .Canciones infantiles de Juan “D” y Beatriz.

https://veoverde.com/2011/12/10-canciones-para-conectarse-con-la-naturaleza/

8-PARA VER E GOZAR

9- PARA RECITAR:  EN PAZ COA NATUREZA”

Partindo do ” Poema del no” de Gloria Fuertes convidamos aos nenos e as nenas a facer o poema “Poema do si”.

Si, a reciclar e a reutilizar

a coidar o horto e a reforestar.

Non, á contaminación,

ao despilfarro de auga

e ao consumo sen control.

Si, aos que sementan a paz

e coidan a vida,

con humor e con alegría.

Si, ao arco da vella e á diversidade

aos dereitos humanos e a un mundo

en igualdade.

Si, aos sorrisos dos nenos

que estoupan nas nubes,

si, a estar en paz coa Natureza 

porque  ti contribúes.

Si, a beleza da terra

e á bondade da xente,

que coida o planeta cada día

e ata sempre.

10-PARA FACER E PARA PENSAR

Con botellas reutilizadas e decoradas con mandalas de paz, podemos facer botes para gardar gomas e pinturas, lembrando que entre todos podemos borrar a guerra e pintar a paz.

CHALÉS PARA INSECTOS

Resultado de imagen de lombriz infantil

Para conservar un equilibrio natural entre as pragas e as enfermidades dos nosos cultivos será moi importante atraer inimigos naturais das mesmas. Eses inimigos serán algúns insectos.

Si creamos as condicións necesarias para que habiten estes inimigos naturais das pragas no noso horto, evitaremos a aparición destas. Por iso intentamos conseguir un entorno agradable para as lombrigas, para as xoaniñas e para as formigas, das seguintes maneiras:

1.- CULTIVANDO PLANTAS AROMÁTICAS

Para atraer aos insectos beneficiosos empregramos varias plantas do noso horto botiquín, situaremos estas plantas entre os cultivos para que estean ben protexidos polos depredadores naturais dos insectos. Entre as plantas que atraen insectos beneficiosos atópanse varias das que xa fomos plantando ao longo deste curso, tales como: a lavanda, o cilantro ou a melisa.

2.- FACÉNDOLLES CASAS :

Moitos insectos, tanto a praga como os benéficos, andan dunha planta a outra durante o día. Pero hai outros insectos que prefiren saír pola noite e necesitan un bo espazo no que acubillarse durante o día (especialmente durante o tempo de verán). Por iso é imprescindible provelos de pequenos espazos nos que poidan resgardarse, por exemplo: pedras, troncos, ramas, tellas, etc.

Os nenos de educación infantil fixeron chalés para insectos con casca de carballo, que recollemos nunha carballeira cando xa caera das árbores.

P1080785

Mateo pensando onde colocará o seu chalé.

3.- COLOCÁNDOLLES FOLLAS CON AUGA:

Os insectos necesitan beber. Ás veces é máis que suficiente co rocío da mañá ou cos pequenos charcos que se poidan crear momentaneamente ao regar (especialmente se se fai por aspersión). Outras alternativas son as de deixar follas grandes ou pequenos recipientes nas zonas estratéxicas do noso horto ou xardín. Logo teremos que lembrarnos de  cambiar esta auga para que estea fresca, e non sexa unha fonte de proliferación de insectos non desexados como os mosquitos.

Resultado de imagen de hojas con agua

4-ACOLCHANDO OS TERREOS CULTIVADOS:

Trátase de protexer o chan con diversos materiais para evitar a perda de humidade, ao mesmo tempo que esta capa actúa como escondite para os insectos. Realízase  empregando materiais biodegradables, o cal enriquece o chan. O mellores materiais son a palla, a folla e a herba seca, que se distribuirá en capas delgadas pero suficientes para protexer  dos raios solares.

P1060577

Mario cubrindo o chan onde temos plantadas as acelgas con palla.

Con estas técnicas intentamos atraer ao noso horto lombrigas, xoaniñas e formigas.

Os nosos chalés deberon de gustarlle a Clarita, a gata dos nosos veciños porque alá veu ver como traballan os cativos de educación infantil, daquela os nosos peques dixeron que ata se podían chamar “Construcións Clarita” .

Para rematar a nosa sesión de horto seguimos pondo a nosa escola “guapa”, levando os pneumáticos reciclados e pintados ao patio de infantil, para colocarlles dentro azaleas e ciclames.

E puidemos comprobar como ao traballar xuntos podemos facer calquera cousa, ata mover pneumáticos moi grandes!!! Así que de paso que fixemos chalés, e puxemos a escola guapa, démonos conta de que “a unión fai a forza”.

A GRIPE DE CATALINA

A nosa bruxiña esqueceu a vasoira na escola o último día do trimestre. Durante as vacacións de Nadal, como non había ninguén no colexio para abrirlle a porta, non pudo recuperala. Nestas datas Catalina tiña que visitar aos seus parentes, ao non ter a vasoira todo terreo tivo que ir a pé. A pobre bruxiña de tanto camiñar neste tempo tan frío, colleu unha gripe moi, moi forte.

Resultado de imagen de brujits

A bruxiña María pensando nos remedios que podía tomar Catalina para curar a gripe.

Catalina chamou a súa amiguiña María “a bruxiña boíña”, para preguntarlle se sabía que podía tomar para curar a gripe. María, que era moi dada a axudar, púxose a pensar, e pensou un día enteiro, dous días enteiros, e ata tres días enteiros, pero como María aínda era aprendiz de bruxa só se lle ocurríu falar con Darío “o bruxiño amigo”, para pedirlle algún consello, e así poder axudar a Catalina.

Dario tamén se puxo a pensar, e pensou un día, dous días, tres días…..pensou tanto que xa lle doía a cabeza, e non era capaz de lembrar ningún remedio para curar a gripe. O que sí lembrou foi a Ernesta “a bruxiña mestra”, porque sempre que tiña un problema, Ernesta tiña unha solución. A súa mestra sabía de todo, sabía  atar os zapatos, pintar sorrisos, facer cóxegas, curar tristezas, debuxar caracois, plantar leitugas, correr como un elefante, bailar como unha tartaruga, abrazar como un oso, pintar arcos da vella, e ata descubrir as mentiras que lle contaban os nenos. Así que seguro que Ernesta sabía con que se podía curar a gripe. Ademais a Darío gustáballe moito visitala porque cada vez que a ía ver Ernesta poñía cara de avoíña e dicía: “benvida visita agradable”, e a Darío encántaballe ser unha visita agradable, a que sempre recibía a súa mestra preferida con magdalenas de chocolate.

Darío tardou pouco tempo en chegar a casa de Ernesta, pero aínda tardou menos en comer a magdalena. A mestra, despois de escoitar o problema de Catalina, puxo cara de sabia e dixo: Pero iso é moi fácil, curar a gripe é moi fácil, todo o mundo sabe con que se cura unha gripe.

Resultado de imagen de brujitos

Darío “o bruxiño amigo”

Ernesta era coma todos os adultos, a miúdo din aquelo de: “iso é moi fácil”, e poñen cara de interesantes, porque ao mesmo tempo que engaden: “todo o mundo o sabe” pensan que só o saben eles.

Darío sentíu que el e María debían de estar fóra do mundo, porque eles non tiñan nin idea do que había que tomar para curar a gripe.

E como Ernesta o sabía todo, debeu darse conta de que Darío comezaba a sentir algo de vergoña por non saber resolver aquel problema só, foi entón cando a mestra dixo: “todos os maiores o saben, os maiores saben que a gripe se cura cun antibiótico natural, co allo”.

Tan só é necesario comer un dente de allo cada día, e non só vale para curar as gripes, senón que ata pode previlas.

E iso foi o que fixo Catalina, comezar a comer un dente de allo diario, e ademais de notar como curaba a gripe deuse conta de que o allo tamén era un bo amigo do seu Cardio, e do seu intestino, que agora funcionaban moito mellor.

Catalina veu á escola para contarnos os efectos medicinais do allo.

Os cativos de 3 anos estiveron moi atentos as súas explicacións.

Catalina ata nos contou que había un truco para ter bos allos, consistía en colocar os dentes ao calor da cociña uns días antes de sementalos, desta maneira abrollaban e medraban moito antes.

Resultado de imagen de ajos

Xa só nos quedaba baixar ao horto para plantar os nosos dentes de allo, que separamos con moito coidado, para non romperlle a casca antes de metelos na terra.

Á hora de plantalos temos que ter en conta o seguinte:

  • Poden seguir aos cultivos de renovación, e dicir, poden sementarse onde estiveron por exemplo as patacas, xa que deixan un chan moi rico en fertilidade física e química.
  • Non debemos de sementalos onde estiveran antes outros cultivos bulbosos.
  • Poden asociarse con tomate, perexil ou pepino.
  • A época de semente será en outubro ou novembro no sur, e en xaneiro ou  febreiro no norte.
  • O ideal será plantalos directamente no horto, plantando os bulbos, ou dentes, que separamos da cabeza de allo.

TEMPO DE FRIO TEMPO DE… ACIVRO

IMG-20161204-WA0001

Catalina levaba moitos días sen aparecer pola nosa escola, polo que as profes de educación infantil decidiron chamala para saber que lle estaba pasando. A nosa bruxiña contoulles que case non podía subir na vasoira, porque tiña reuma, por iso non nos podía visitar. Catalina, por mor desta doenza, tivera que estar varios días na cama, custáballe moito camiñar, doíanlle as pernas, os brazos, e os xeonllos. Catalina prometeulles  que cando se atopase mellor viría ao cole para ver como estaba quedando o noso horto botiquín.

E por fin apareceu, pero non veu soa, chegou cun acivro, para contarnos moitas cousas curiosas sobre esta árbore fermosa.

Estivemos escoitando a Catalina con moita atención porque nos dixo que grazas ao acivro puidera recuperarse da dor de ósos, e estar de novo con nos. E aproveitou para explicarnos o seguinte sobre O ACIVRO:

  • É unha árbore moi importante para os paxaros porque usana como refuxio no tempo de outono e de inverno, cando a maioría das árbores xa non teñen follas, e os seus froitos válenlle de alimento ao escasear a comida. Por iso aos froitos, a nivel popular, chámanlle as cereixas dos paxaros.
Resultado de imagen de acivro
  • En Galicia dáse sobre todo nas zonas montañosas e choivosas do centro e do interior. Podemos atopalo tamén con frecuencia como planta ornamental nos xardíns.
  • O lugar poboado de acivros coñécese coma acevedo.
  • Soe ter unha altura de 2 a 5 m, aínda que pode haber algúns exemplares que cheguen ata 15 m.
  • As follas das pólas inferiores teñen beiras espiñentas, para defenderse dos roedores, pero nas superiores podemos atopar follas de bordes lisos.
  • A súa madeira, de cor branca, é moi dura e resistente, polo que é difícil de traballar.

USO MEDICINALP1080587

Pódense usar as follas e os froitos para curar moitas doenzas.

  • As follas úsanse como laxantes.
  • E os froitos como purgantes ou eméticos (a pesar do perigo do seu uso).
  • O acivro tamén é bo como diurético e contra a bronquite, a reuma e a artrite.
  • A planta contén un principio amargo, a ilicina, ademais de ilexantina (colorante amarelo), teobromina (nas follas) e ácido caféico. A  teobromina ten  broncodilatadores, polo que se usaba nos casos de asma.
  • As follas considéranse sudoríferas, empregándose en catarros, pleuresía, febre intermitente, reumatismo, viruela e enfermidades que cursan con ictericia (cor amarelo  da pel).
  • Ao empregar o acivro como diurético e laxante prepararase en forma de cocemento.
  • Para conseguir o efecto diurético ou aliviar a bronquite crónica, os reumatismos e outras formas de dor osteoarticular,  preparase unha tintura coas follas.
  • Otro uso, xa abandoado, era como tonificante muscular, macerando as follas  con  viño.

MITOLOXÍA E TRADICIÓN

  • Os celtas considerábano unha árbore sagrada, con capacidade para atraer a boa sorte. Empregábase nos rituais do solsticio de inverno.
  • Os xermanos colocaban unha póla de acivro no inverno na entrada das súas casas, e os romanos asociábano ás festas saturnais.

Segundo a tradición popular galega, cando un mozo quere namorar a unha moza, ten que cortar unha póla de acivro ás doce da noite de San Xoán, e pasala trece veces baixo as ondas do mar mentres reza un credo de cada vez. Así, a moza á que toque con esta póla, chamada aciviño, quedará namorada del sen remedio.

Catalina tamén nos contou que en Galicia hai un acivro digno de mención, o do Pazo de Casanova en Arca que está dentro do catálogo de árbores de patrimonio vexetal (segundo Rodriguez Dacal e Izco)

O ACIVRO NO NADAL

A árbore emprégase en moitos países como motivo ornamental durante as festas de Nadal, o que pode pór en perigo a propia existencia do acivro: a especie está protexida pola lei e o seu comercio ou extracción procedente de exemplares silvestres está prohibido. Ademais do efecto negativo sobre a conservación da propia especie, esta práctica pon en perigo a poboación da pita do monte (Tetrao urogallus), xa que os froitos do acivro son o seu único alimento durante o inverno.

Despois de toda a información que nos trouxo Catalina á escola fixemos fichas de aula.

E para rematar unha avoíña mandounos un acivro nunha maceta que ela plantara e estivera coidando para nos, á volta do Nadal porémolo nunha das zonas axardinadas da nosa escola, tendo en conta o seguinte para o seu cultivo:

  • É relativamente fácil de cultivar, precisa un chan moderadamente fértil e ácido e que non se encharque, mellor con algo de sombra, sobre todo nos primeiros anos, aínda que no norte da península tamén medra ben a pleno sol.
  • É moi resistente ao frío.

E á  beira do noso acivro, cando o teñamos plantando na escola, contarémoslle aos nenos e nenas a antiga lenda celta do “Rei Carballo e o Rei Acivro”, unha narración “solar” que trata de dar explicación á Roda do Ano. No solsticio de Verán o Rei Carballo está no punto máximo da súa forza, mentres o Rei Acivro está no seu punto máis fráxil. O Rei Acivro comeza a gañar poder no equinoccio de Outono chegando ó seu máximo poder durante o solsticio de Inverno cando as súas bagas tornan de cor vermella, mentres que o Rei Carballo perde as súas follas.