Daily Archives: 13/11/2016

A NOSA ECOPATRULLA “OS VERDES VIXÍAS”

ECOPATRULLAECOPATRULLA OS VERDES VIXÍAS

O medio que nos rodea é un ben de interese común, polo que todos os membros da comunidade educativa temos a responsabilidade de coidalo dunha maneira sostible.

A ECOPATRULLA DOS VERDES VIXÍAS pretende fomentar a participación dos cativos na mellora do contorno, así como favorecer actitudes e valores xeneralizables a outros contextos, nos que os nenos e nenas terán que aprender a desenvolverse.

OBXECTIVOS:

* Sensibilizar aos nenos coas cuestións mediambientais.

* Educar en valores: amor á natureza, responsabilidade, cooperación e consumo responsable.

* Ensinar a valorar, a respectar e a coidar o medio ambiente.

* Ofertar a posibilidade de realizar accións de carácter sostible na escola.

* Fomentar un consumo responsable.

* Reciclar e reutilizar papel, plástico, vidro…

* Recuperar os xogos dos nosos antepasados, aqueles  nos que a natureza era a protagonista.

* Implicar activamente aos nenos no coidado da escola.

* Plantar e coidar árbores, verduras, hortalizas e flores.

* Construír un “restaurante para paxaros”.

* Lembrarlle a todos os  nenos do centro, dende o respecto e o diálogo, que non podemos tirar ao chan envoltorios, panos, papeis…

* Gozar coidando a escola e o medio ambiente.

* Traballar  en grupo, promovendo a cooperación entre nenos e nenas de diferentes idades.

* Conseguir que os nenos entendan a influencia que teñen as nosas accións na saúde do planeta.

* Enriquecer as vivencias dos nosos nenos, favorecendo o contacto dos cativos coa natureza.

* Elaborar eco-consellos e eco-retos.

* Deseñar unha ecomascota viaxeira, que irá as fogares dos cativos acompañada dun listado de consellos sostibles para coidar a natureza.

* Aproveitando pneumáticos facer o noso “Reciclín”.

A ecopatrulla está formada por un grupo de 101 nenos voluntarios de educación infantil e de educación primaria, distribuídos en 5 subgrupos, un por cada día da semana. Estes alumnos todos os días, ao rematar o xantar, poñen os seus petos verdes e de cores e desenvolven diferentes actividades, guiados por dúas nais colaboradoras do comedor escolar.

ACTIVIDADES:

As actividades planificadas para este trimestre son as seguintes:

  1. DESEÑO DA NOSA MASCOTA

2. COIDADO DO MEDIO

Os nenos terán que retirar as herbas malas do horto, plantar verduras e hortalizas, facer sementeiros, plantar árbores nunha zona que está fóra da escola e levar comida (millo e restos de pan do comedor escolar) ao noso  “restaurante para paxaros”.

Aquí os tendes cubrindo o chan dos cultivos con palla para que non saian as herbas malas, e preparando trampas ecolóxicas para os caracois coas cascas dos ovos que aproveitamos do comedor escolar.

P1060577

 

3.RECICLALANDIA

Este é o noso taller de reciclaxe, nel durante este mes dedicarémonos a pintar pneumáticos para facer o noso “Reciclín”, un boneco que será o encargado de propornos cada semana un eco-reto para realizar na escola e na casa.

P1060566

P1060638

Ao rematar con “Reciclín” comezaremos a pintar e a decorar botellas de plástico, para facer casas para os paxaros, que situaremos ao lado do areeiro da escola, na nosa carballeira onde  faremos o “restaurante para paxaros”.

4.XOGOS E XOGUETES COA NATUREZA

Con esta actividade coñeceremos os xogos e os xoguetes tradicionais feitos con carozos, piñas, millo, paus, xestas, castañas, noces…etc

foto castaña

En varias sesións contaremos coa colaboración de Serxio, este avó virá á escola para: explicarnos a que xogaba el cando era neno, facernos algún xoguete, ensinarnos as regras dos xogos e xogar cos cativos aos xogos da súa infancia.

Neste trimestre Serxio estanos ensinando a facer vasoiras con xestas, e a empregar as xestas para atar piñas. Este avó contounos que cando el era neno non había cordas, nin cestos, nin carretillos, e cando ían ao monte a coller piñas para acender o lume, tiñan que buscar a maneira de levar moitas en cada viaxe, así que con moita paciencia e habilidade ían atando as piñas ao longo dunha xesta, ata levar un bo cargamento.

IMG-20161206-WA0017

Tamén aprendemos como se facían avións con vimbios e con bugallos; e frautas con cañas de bambú.