VISITA DE ANXO MOURE

Con motivo do día Mundial da Auga ( 22 de marzo),  e do día da Árbore ( 21 e marzo), tivemos unha visita moi especial.

Ninguén mellor ca Anxo Moure para falarnos do coidado das árbores e dos ríos.

 

Anxo chegou, como o fai sempre, cargadiño de ilusión, esta vez veu en barca, e fixo voar  a imaxinación de todos os que o escoitamos.

Anxo ensinounos a converter as novas tristeiras en novas con corazón.

ENCONTRO CON MARCOS PANTOJA

Unha vez máis puidemos aprender a través dos encontros 4X,  entre  as persoas de diferentes xeracións  que son convidadas a nosa escola.

Gozamos da primeira parte dun encontro moi emotivo, porque asi é a historia de Marcos Pantoja, o  protagonista da película: “Entre lobos”, e o dono, a pesar do que leva sufrido,  dun sorriso e dunha tenrura que nós deixaron impresionados.

Despois de ver a película, e de comentar  na aula os valores e os contravalores  que transmite : coidado da natureza, amizade, protección, acollida, responsabilidade, ……quixemos coñecer ao neno de Serra Morena. 

Aquel cativo que no ano 1954, cando tiña 7 anos, e unha vida chea de malos tratos, fora vendido, ou entregado ao terratenente que llo mandou levar a un cabreiro,  co que vivíu nunha cova ata que o cabreiro morreu, deixando a  Marcos abandoado no medio da Serra.

Foi entón, cando estaba máis só e indefenso, cando unha loba o adoptou convértendose, tal e como nós contou Marcos na súa nai.

Moitos anos despois Marcos afirma que volvería a vivir cos lobos, porque foron a súa familia na que atopou a  protección e o cariño, que moitas veces lle negaron os humanos.

Ao longo desta semana,o mércores e o venres  volveremos escoitar a Marcos na nosa escola, para aprender e  gozar coa  súa sabedoría ………

coa súa simpatía, e coa súa bondade………………………………………..

 

 

O próximo mércores serán as nenas e os nenos 4º,  e de 5º de educación infantil os que terán a oportunidade de coñecer a Marcos Pantoja, sabemos que están esperando a súa visita con moita ilusión,  con algún traballiño para regalarlle……..

 

 

e con esta fermosa canción………………………………

 

As nenas e os nenos de sexto de educación infantil debuxaron asi a historia de Marcos:

 

A NOSA ECOPATRULLA NA TELE

A cadea de televisión local TELEMIÑO realizou no noso cole unha gravación na que fomos os protagonistas. Concretamente gravaron un programa da serie XORNAL ESCOLAR centrado nas actividades que realiza a nosa ECOPATRULLA.

O programa tivo dous momentos diferenciados: un que se gravou no cole con diferentes mostras de todas as actividades que realiza a ECOPATRULLA e outra parte que se gravou nos estudos de TELEMIÑO en onde asistiron como público os nenos e nenas de 4 e 5 anos e fixeron de co-presentadores Jeray (de 5 anos) e Ana e Martín (de 4 anos).

Recordamos que a ECOPATRULLA é unha actividade que realizan 101 nenos e nenas voluntarios na hora de actividades despois da hora de xantar e, que unha vez programadas polo equipo de VOZ NATURA do centro, son levadas a cabo principalmente, por dúas nais que colaboran no servizo de comedor escolar, Sandra e Ana Belén, e por un avó, Sergio.

Para o programa graváronse algunhas mostras dos distintos grupos de actividades que a ECOPATRULLA ven realizando ao longo do curso:

  1. COIDADO DO MEDIO (OU HORTO ESCOLAR)

    2. TALLERES DE RECICLADO

    3. XOGANDO COA NATUREZA

    4. POÑENDO A ESCOLA GUAPA

    5. TALLERES DE COUSAS CON RAÍZ (TALLERES PAN DE MILLO)

    E DE PIÑAS E XESTAS

6. HORTO BOTIQUÍN

7. FACEMOS CASAS PARA ANIMALIÑOS

E mantémolas húmidas, regando todos os días.

8. DEBULLAMOS MILLO E DAMOS DE COMER AOS PAXAROS

9. ESCOITAMOS, TOCAMOS, SENTIMOS E BAILAMOS AO  SON DA NATUREZA

FACEMOS  INSTRUMENTOS CON MATERIAIS DA NATUREZA, E CON OBXECTOS REUTILIZADOS.

E para rematar todos xuntos cantamos LA HORA DEL PLANETA para manifestar o noso compromiso de contribuír a un mundo sostible

O pasado 8 de abril emitiuse o programa na tele local TELEMIÑO e aquí vos deixamos os enlaces para que podades ver o programa completo:

 

P1080463

XORNAL ESCOLAR – PRIMEIRA PARTE

DSC07632

XORNAL ESCOLAR – SEGUNDA PARTE

DANZA AO SON DA TERRA

Este ano para celebrar conxuntamente o Día da Educación Ambiental, e o Día da Paz escollemos como tema común,  a diversidade.

Quixemos falarlles aos nenos da riqueza da natureza, e da importancia das diferenzas individuais, xa que a natureza ademais de darnos alimentos ten gran variedade de sons, e isto permítenos facer música con case todo: coas pedras, cos paos, coas sementes, coa casca das árbores….. e con materiais reutilizados.

Esta actividade, deunos a posibilidade de escoitar e de valorar estes sons, e axudounos a entender que ao igual que os seres humáns, todos son diferentes, únicos e importantes.

Na primeira sesión descubrimos uns intrumentos moi naturais, e comprobamos a importancia de cada un para que sonara a nosa orquestra; a orquestra da paz, baseada na unión dos diferentes, que xuntos dan un concerto, un canto ao respecto e a valoración  positiva de todos.

Deste xeito quixemos demostrarlles que as diferenzas enriquécennos, que non hai sons mellores nin peores, e que tal e como dícian eles “cando tocamos todos queda mellor”. Porque cando somos capaces de unirnos aportando o mellor de nós, as nosas vidas, a nosa escola, a nosa familia e o noso mundo soan en harmonía e en paz.

Asi o fixemos na nosa “rolda tambor” na que ao tocar xuntos conseguimos un son moi forte e agradable, ou no “cesto dos diferentes” no que as espigas, as piñas e as pedras se uniron para axudarnos a entender que no traballo en equipo é, precisamente a diferenza que pode aportar cada quen, o que enriquece o produto final. Porque se todo foran pedras, ou se só houbera espigas ou piñas, o son sería menos variado e menos rico.

P1090420

Todos xuntos soamos ben, moi ben, soamos a paz, a diálogo e a cooperación.

Na segunda sesión insistimos na importancia que ten cada sonido, sen perder a súa  identidade, e na súa capacidade para enriquecer aos que están á súa beira. Neste senso vimos como se nota cando algún deixaba de soar, ou quería soar igual que o outro. Démonos conta de que ninguén pode soar como os demais, e de que o único que podemos facer e mellorar “o noso propio son”. Un son propio e fermoso como o do tambor de Gaizka, as maracas espiga de Marcos, os bugallos bailaríns de Alex, a guitarra botella de Noa ou as maracas carozo de Victoria….

Comparamos esta orquestra co que sucede cando veñen a España persoas doutros países, con outros “sons”, con outras ideas, que si sabemos escoitar e apreciar ao final enriquécennos, e na convivencia pacífica acabamos gañando e aprendendo todos, uns dos outros.

Ata fomos capaces de sentir o que pasaba cando algún instrumento deixaba de soar e os compañeiros tiñan que esforzarse moito máis para conseguir menos calidade de sons, algún cativo acabou desanimado cando vía que os demais ían abandonando, e el tamén parou.

Pouco a pouco entendemos que algo tan simple como un paquete de sementes ten un sonido tan importante como unha rolda tambor, por iso se algunha vez pensamos que o noso son vale pouco teremos que lembrar a femosa música deste paquete de sementes, tan fermosa que ninguén a podería substituír.

P1070469

Fermoso sonido o das sementes, tan fermoso como a voz de cada pobo e a aportación de cada persoa, para facer un mundo xusto.

Os nenos de cada aula fixeron a súa interpretación da “danza ao son da terra”, ao son da igualdade, da liberdade e en definitiva da convivencia no respecto.

P1090422

P1070482

Ata aprendemos a escoitar, de tal maneira que incluso cos ollos pechados fomos capaces de identificar o instrumento que estaban tocando os compañeiros ou as compañeiras.

Para rematar lemos un divertido poema de Antonio García Teijeiro que pertence ao libro “Recendos de aire sonoro”, e fala dunha orquestra tan divertida como a nosa.

Unha orquesta despistada

tocaba unha sinfonía

perdida nun escenario

nunha noitiña ben fría.

Os instrumentos soaban

sen director e sen guía:

trompas trombóns clarinetes

sopraban o que sabían.

Coas tubas os fagots

os seus sons xa confundían,

os óboes e o timbal

in crescendo discutían .

Os violíns e as violas

o repertorio esquecían;

aquilo era unha desfeita

sen ritmo e sen harmonía.

Pobre orquestra despistada

tocando unha sinfonía

perdida nun escenario

sen director e sen guía.

E fixemos a nosa versión:

A nosa orquestra pola paz

tocaba unha sinfonía,

con piñas e con espigas

cantándolle  á alegría,

dun mundo de moita xente

que vive en harmonía.

Os instrumentos soaban

 o mellor que podían,

todos eles cooperaban

tendo a paz como guía.

Cada quen soaba diferente

e co outro convivía,

arrolando na música dos cativos

mil fermosas fantasías.

Notas de novos e

notas de vellos,

notas de todos

e notas dun mesmo,

e as mellores notas

as notas da paz, as notas dos nenos.

TALLER DE VASOIRAS

Sergio volveu á escola para contarnos que a natureza é tan rica que ademais de darnos alimentos, danos moitos recursos. Algúns valen para facer xogos e xoguetes, outros para resolver os problemas que tiñan fai moitos anos as persoas que vivían nos nosos pobos, como era varrer ou levar piñas do eido para a casa.

No noso taller de vasoiras vimos como traballaba Sergio con xestas e con vimbios, ata facer a que sería a avoa das actuais escobas. Tamén tivemos o recuncho de fantasía, o de cancións, o de xogos, o de curiosidades e o de adiviñas.

A profe Mª Xosé aproveitou para facernos un xogo: “A letra entrada”, no que para entrar no taller de fantasía había que coñecer as letras que xa estivemos estudando, porque a letra que ela ía dicindo era a inicial do nome do neno que podía entrar.

Sergio contounos que nos pobos había varios ditos sobre as vasoiras. Un deles afirmaba que “non se podía levar vasoira vella a casa nova”, porque daba mala sorte; o outro dicía que “non se podían varrer coa vasoira os pés dunha moza solteira”, porque entón a rapaza non casaría.

A profe María ensinounos unha canción que cantamos á vez que íamos comprobando o ben que varrían as nosas vasoiras:

Así varría así, así,

así varría así, así,

así varría , así, así.

Así varría porque eu a vin.

Cando pisamos no recuncho da fantasía démonos conta de que a nosa vasoira era máxica, e podía converterse no que nos quixéramos. Daquela a nosa vasoira foi:
As agullas dun reloxo, un avión, un telescopio, un peite para xirafas, un cabaliño viaxeiro, uns remos para unha barca, unha fregona, unha culler para remexer as receitas da paz, unha batidora, un espertador para facerlles cóxegas aos paxaros nos niños, unha gaita, un instrumento para facerlles cóxegas aos compañeiros, unha guitarra, un micrófono, unha brocha para maquillar xigantes…cantas cousas se nos ocurriron! Porque neste recuncho todo era posible…..

No recuncho das cantigas, coa nosa vasoira máxica cantamos: “Se eu tivera unha vasoira cantas cousas varrería” e como xa a tiñamos varremos as rabechas, a tristeza, os enfados, os berros, Rubén ata quería varrer os pepinillos pero Iria non estivo de acordo porque a ela gústanlle moito.

Varremos con tanta forza que voaron á caixiña, e despois desapareceron.

Ao rematar coas vasoiras Sergio sacou varias piñas dunha cesta, colocounas na colchoneta e contounos que fai moitos anos, cando el era neno, e ían ao monte co gando, ao volver levaban piñas para a casa para meter na cociña de ferro e quentarse, porque non había calefacción e no inverno facía moito frío.

P1090051Explicou que daquela tampouco había cestos ou carretillas e como querían levar todas as que puideran nunha soa viaxe inventaran o “ata piñas” que se facía cunha xesta á que lle ían colgando as piñas. Algo así como unha árbore de Nadal pero ao revés. Para comprobar o difícil que era levar moitas piñas dunha vez intentamos facelo, a pesar da dificultade, Rubén, Ana e Ainhoa conseguirono.

Sen embargo na maioría dos casos ao intentar levantarnos e camiñar acabaron caendo.

Fíxonos un “ata piñas”, para que puideramos ver como se facían, e aprender a facelos.

P1090043

E demos uns paseiños pola clase con el.

P1090089

Rematamos xogando a: “Piñiña, piñiña onde estás agochadiña”.

P1090160

Rematar, rematar o certo é que non rematamos porque isto non fixo máis que comezar, xa que cando íamos saír, a profe Conchi deunos un concerto coas piñas, e de aí naceu a outra idea, o nome do próximo taller, que será o de “Un concerto moi natural”, no que faremos instrumentos musicais con materiais reutilizados, e con diferentes elementos da natureza: cunchas, noces, millo…., etc e ……todos a danzar aos sons da natureza.

A NOSA ECOPATRULLA “OS VERDES VIXÍAS”

ECOPATRULLAECOPATRULLA OS VERDES VIXÍAS

O medio que nos rodea é un ben de interese común, polo que todos os membros da comunidade educativa temos a responsabilidade de coidalo dunha maneira sostible.

A ECOPATRULLA DOS VERDES VIXÍAS pretende fomentar a participación dos cativos na mellora do contorno, así como favorecer actitudes e valores xeneralizables a outros contextos, nos que os nenos e nenas terán que aprender a desenvolverse.

OBXECTIVOS:

* Sensibilizar aos nenos coas cuestións mediambientais.

* Educar en valores: amor á natureza, responsabilidade, cooperación e consumo responsable.

* Ensinar a valorar, a respectar e a coidar o medio ambiente.

* Ofertar a posibilidade de realizar accións de carácter sostible na escola.

* Fomentar un consumo responsable.

* Reciclar e reutilizar papel, plástico, vidro…

* Recuperar os xogos dos nosos antepasados, aqueles  nos que a natureza era a protagonista.

* Implicar activamente aos nenos no coidado da escola.

* Plantar e coidar árbores, verduras, hortalizas e flores.

* Construír un “restaurante para paxaros”.

* Lembrarlle a todos os  nenos do centro, dende o respecto e o diálogo, que non podemos tirar ao chan envoltorios, panos, papeis…

* Gozar coidando a escola e o medio ambiente.

* Traballar  en grupo, promovendo a cooperación entre nenos e nenas de diferentes idades.

* Conseguir que os nenos entendan a influencia que teñen as nosas accións na saúde do planeta.

* Enriquecer as vivencias dos nosos nenos, favorecendo o contacto dos cativos coa natureza.

* Elaborar eco-consellos e eco-retos.

* Deseñar unha ecomascota viaxeira, que irá as fogares dos cativos acompañada dun listado de consellos sostibles para coidar a natureza.

* Aproveitando pneumáticos facer o noso “Reciclín”.

A ecopatrulla está formada por un grupo de 101 nenos voluntarios de educación infantil e de educación primaria, distribuídos en 5 subgrupos, un por cada día da semana. Estes alumnos todos os días, ao rematar o xantar, poñen os seus petos verdes e de cores e desenvolven diferentes actividades, guiados por dúas nais colaboradoras do comedor escolar.

ACTIVIDADES:

As actividades planificadas para este trimestre son as seguintes:

  1. DESEÑO DA NOSA MASCOTA

2. COIDADO DO MEDIO

Os nenos terán que retirar as herbas malas do horto, plantar verduras e hortalizas, facer sementeiros, plantar árbores nunha zona que está fóra da escola e levar comida (millo e restos de pan do comedor escolar) ao noso  “restaurante para paxaros”.

Aquí os tendes cubrindo o chan dos cultivos con palla para que non saian as herbas malas, e preparando trampas ecolóxicas para os caracois coas cascas dos ovos que aproveitamos do comedor escolar.

P1060577

 

3.RECICLALANDIA

Este é o noso taller de reciclaxe, nel durante este mes dedicarémonos a pintar pneumáticos para facer o noso “Reciclín”, un boneco que será o encargado de propornos cada semana un eco-reto para realizar na escola e na casa.

P1060566

P1060638

Ao rematar con “Reciclín” comezaremos a pintar e a decorar botellas de plástico, para facer casas para os paxaros, que situaremos ao lado do areeiro da escola, na nosa carballeira onde  faremos o “restaurante para paxaros”.

4.XOGOS E XOGUETES COA NATUREZA

Con esta actividade coñeceremos os xogos e os xoguetes tradicionais feitos con carozos, piñas, millo, paus, xestas, castañas, noces…etc

foto castaña

En varias sesións contaremos coa colaboración de Serxio, este avó virá á escola para: explicarnos a que xogaba el cando era neno, facernos algún xoguete, ensinarnos as regras dos xogos e xogar cos cativos aos xogos da súa infancia.

Neste trimestre Serxio estanos ensinando a facer vasoiras con xestas, e a empregar as xestas para atar piñas. Este avó contounos que cando el era neno non había cordas, nin cestos, nin carretillos, e cando ían ao monte a coller piñas para acender o lume, tiñan que buscar a maneira de levar moitas en cada viaxe, así que con moita paciencia e habilidade ían atando as piñas ao longo dunha xesta, ata levar un bo cargamento.

IMG-20161206-WA0017

Tamén aprendemos como se facían avións con vimbios e con bugallos; e frautas con cañas de bambú.