TALLER DE VASOIRAS

Sergio volveu á escola para contarnos que a natureza é tan rica que ademais de darnos alimentos, danos moitos recursos. Algúns valen para facer xogos e xoguetes, outros para resolver os problemas que tiñan fai moitos anos as persoas que vivían nos nosos pobos, como era varrer ou levar piñas do eido para a casa.

No noso taller de vasoiras vimos como traballaba Sergio con xestas e con vimbios, ata facer a que sería a avoa das actuais escobas. Tamén tivemos o recuncho de fantasía, o de cancións, o de xogos, o de curiosidades e o de adiviñas.

A profe Mª Xosé aproveitou para facernos un xogo: “A letra entrada”, no que para entrar no taller de fantasía había que coñecer as letras que xa estivemos estudando, porque a letra que ela ía dicindo era a inicial do nome do neno que podía entrar.

Sergio contounos que nos pobos había varios ditos sobre as vasoiras. Un deles afirmaba que “non se podía levar vasoira vella a casa nova”, porque daba mala sorte; o outro dicía que “non se podían varrer coa vasoira os pés dunha moza solteira”, porque entón a rapaza non casaría.

A profe María ensinounos unha canción que cantamos á vez que íamos comprobando o ben que varrían as nosas vasoiras:

Así varría así, así,

así varría así, así,

así varría , así, así.

Así varría porque eu a vin.

Cando pisamos no recuncho da fantasía démonos conta de que a nosa vasoira era máxica, e podía converterse no que nos quixéramos. Daquela a nosa vasoira foi:
As agullas dun reloxo, un avión, un telescopio, un peite para xirafas, un cabaliño viaxeiro, uns remos para unha barca, unha fregona, unha culler para remexer as receitas da paz, unha batidora, un espertador para facerlles cóxegas aos paxaros nos niños, unha gaita, un instrumento para facerlles cóxegas aos compañeiros, unha guitarra, un micrófono, unha brocha para maquillar xigantes…cantas cousas se nos ocurriron! Porque neste recuncho todo era posible…..

No recuncho das cantigas, coa nosa vasoira máxica cantamos: “Se eu tivera unha vasoira cantas cousas varrería” e como xa a tiñamos varremos as rabechas, a tristeza, os enfados, os berros, Rubén ata quería varrer os pepinillos pero Iria non estivo de acordo porque a ela gústanlle moito.

Varremos con tanta forza que voaron á caixiña, e despois desapareceron.

Ao rematar coas vasoiras Sergio sacou varias piñas dunha cesta, colocounas na colchoneta e contounos que fai moitos anos, cando el era neno, e ían ao monte co gando, ao volver levaban piñas para a casa para meter na cociña de ferro e quentarse, porque non había calefacción e no inverno facía moito frío.

P1090051Explicou que daquela tampouco había cestos ou carretillas e como querían levar todas as que puideran nunha soa viaxe inventaran o “ata piñas” que se facía cunha xesta á que lle ían colgando as piñas. Algo así como unha árbore de Nadal pero ao revés. Para comprobar o difícil que era levar moitas piñas dunha vez intentamos facelo, a pesar da dificultade, Rubén, Ana e Ainhoa conseguirono.

Sen embargo na maioría dos casos ao intentar levantarnos e camiñar acabaron caendo.

Fíxonos un “ata piñas”, para que puideramos ver como se facían, e aprender a facelos.

P1090043

E demos uns paseiños pola clase con el.

P1090089

Rematamos xogando a: “Piñiña, piñiña onde estás agochadiña”.

P1090160

Rematar, rematar o certo é que non rematamos porque isto non fixo máis que comezar, xa que cando íamos saír, a profe Conchi deunos un concerto coas piñas, e de aí naceu a outra idea, o nome do próximo taller, que será o de “Un concerto moi natural”, no que faremos instrumentos musicais con materiais reutilizados, e con diferentes elementos da natureza: cunchas, noces, millo…., etc e ……todos a danzar aos sons da natureza.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *