A NENA ZAMPA SEMENTES

Esta semana os nenos da ecopatrulla puxémonos a traballar no horto, queríamos sementar chícharos reutilizando os botes de iogur que aproveitamos, dende o día no que Roberto, un neno de 2º, nos dixo que sería boa idea reutilizar os vasos nos que tomamos o “colacao”, os botes das natillas e os dos iogures do comedor para facer sementeiros, e así o andamos facendo.

Belén e Sandra, as nais que desenvolven esta actividade, estaban repartindo os botes e os chícharos. Antía ofreceuse voluntaria para axudarlles coas sementes.

P1090389

Cada neno ía pondo unha semente de chícharo nun bote de iogur. Todo ía moi ben ata que ao chegar a Aldara, Antía dixo: Aldara non pode plantar chícharos, porque acaba de zamparse a semente... Aldara puxo cara de pícara e cando Aldara pon cara de pícara e porque algo pasou.

P1090384Alex propuxo buscar a semente, e buscámola, e chamámola, pero por máis que o intentamos a semente non estaba por ningures.

P1090395

Daquela soubemos que estaba na barriguiña de Aldara, e mentres ela sorría, os compañeiros da ecopatrulla dicíanlle que agora se ía converter nun chícharo, ou que lle ía medrar unha planta na barriga, ou saírlle folliñas polas orellas.

Miguel acercouse e preguntoulle a Aldara si de verdade zampara a semente.

P1090381

Aldara comiches a semente?

Cando chegou a nai de Aldara contámoslle o que pasara, e ela con moi bo humor deunos unha idea.

Alguén preguntou: E agora que facemos?  A resposta foi: escribir un conto, un conto que leve por título: “Aldara a nena zampa sementes”.

Propuxémoslle aos nenos de 1º participar nesta historia e aí vai …..

Había unha vez unha nena que comeu unha semente, unha semente de chícharo que o chegar a súa barriga dixo: Que ben se está aquí, quentiños, moi abrigadiños, por fin teño unha casa. E quedou na barriguiña da nena convencida de que ese era o seu fogar.

A Aldara non lle importaba ter unha semente na barriga, ata lle gustaba porque todo o mundo bromeaba coa súa barriga e coa semente. Uns dicían que se ía converter en planta, e Aldara sorría, outros que tiña folliñas no pelo, e Aldara volvía sorrir, a cando máis sorría era cando Jason lle dicía que se tiña a cabeciña cheíña de follas igual viña un paxaro facer un niño nas súas coletas.

Pero a semente fixo unha falcatruada!!! Foi a primeira hora cando estaban pondo o mandilón, de súpeto Aldara comezou a saltar, a profe María acercouse un pouco preocupada e ao preguntarlle porque estaba saltando Aldara dixo:
-É a semente que quere xogar, nin quere que poña o mandilón, nin quere que me poña a traballar.

A profe sorríu, e díxolle a Aldara que se deixara de lerias que tiñan que colorear a pomba da paz.

E Aldara mirando aos compañeiros engadíu:

É a semente que non para quieta.

Ao volver do recreo a semente aburríase un pouquiño, así que decidíu facerlle cóxegas, e Aldara sorríu, unha e outra vez, cun sorriso que foi medrando e medrando ata que todos os seus compañeiros se puxeron a rir. A profe María, que era moi amiga dos sorrisos, pero non entendía a que viñan aqueles, preguntoulles que estaba pasando.

Martina, sen parar de rir, explicou que Aldara lles contaxiara o sorriso, e Aldara, tocando a súa barriguiña, volveu dicir que era a semente que non paraba quieta e que lle facía cóxegas.

Cando Aldara ía para a casa co avoíño Pepe pasou o máis divertido. De súpeto Aldara comezou a bailar. O avó que sempre o entendía todo, esta vez puxo cara de susto. Aldara ao ver a cara do avó contoulle que era a semente, que tiña gañas de merendar e rebulía sen acougo.

Á hora de durmir foi cando se complicou a situación, porque a semente non quería durmir quería xogar, e por máis que Aldara lle contaba que tiñan que durmir para estar mañá moi espertas no cole, a semente subía a baixaba na súa barriguiña, era como se estivera tirándose nun tobogán, xogaba ao escondite, e a dar saltos e cada vez facíalle máis cóxegas.

Ao día seguinte Aldara contoulle a profe que a semente non paraba quieta, e nin xiquera a deixara durmir, e preguntoulle que podían facer para que saira da súa barriguiña. A profe María acordouse dos nenos de 1º porque eran bos amigos do horto e das  sementes, e alá foi pedirlles axuda.

Os cativos de primeiro, dados como eran a axudar, sairon ao horto para buscar unha solución, querían convencer a semente para que saira da barriguiña de Aldara.

P1090391

Uníronse outros nenos que ao escoitar o que estaba pasando decidiron convencer a “saltarina”, que era o nome que lle puxeran a semente, para que saira, porque pensaban que aínda ían castigar a Aldara por culpa dela.

Reunidos comezaron a explicarlle a semente porque tiña que volver ao invernadoiro.

Uns dicián que as sementes non podían vivir nas barrigas, pero entón saltarina contestaba: Pois eu son unha semente e vivo nunha barriga. Outros dician que tiña que volver ao invernadoiro para que a puideran sementar nun bote e ela respondía: diso nin falar, co frio que fai, non penso saír.

Estela contoulle que se saía ían poñela nun bote, e levala para a clase ata que fora grande e non tivera frío. Pero saltarina, que non se deixaba convencer berrou: xa vou para a clase cando vai Aldara. Candela ata lle dixo que tiña que saír para poder medrar, porque na barriguiña de Aldara non había sitio suficiente, e se quedaba alí, sempre sería pequerrecha.

A semente calou, parecía que o de medrar dera resultado, houbo un gran silencio…ata que preguntou:

-E porque teño que medrar?

Aitana respondeulle moi segura: Tes que medrar para estrear roupa nova.

Saltarina quedou en silencio, parecía que este era un bo argumento. E tal vez o sería, se non fora que un cativo dixo:

– Pero se as sementes non levan roupa.

Saltarina berrou:

-Nin con roupa nin sen ela, non vou saír.

Aldara estaba moi seria, non dixera nada, tal vez por iso a semente empezou a preocuparse.

Dende aquel momento Aldara comezou a estar moi triste, e a semente contaxiouse da tristreza de Aldara.

Os nenos de sexto ao enterarse do que estaba pasando dixeron que aquelo era empatía, entre a semente e Aldara.

Algún dos máis cativos, insistían en que a semente se chamaba “saltarina”, non empatía, e aproveitamos para traballar o significado de “empatía” na aula.

Aldara andaba preoucupada porque ningún argumento parecía ser o bastante forte como para convencer a saltarina de que saira. Os nenos de primeiro quixeron facer o último intento. Volveron xuntarse no horto para intentar convencela.

Antía, Estela, Sheila, David e Yesenia contáronlle que se saía da barriguiña de Aldara poderían levala ao horto dos seus avós, e que ali estaría mellor, moi leda e rodeada doutras sementes. Dixéronlle que ata podería falar con elas, e seríalle moito máis doado entenderse.

A semente xa non contestaba e tampouco se movía, a verdade era que xa non molestaba a Aldara, agora estaba moi quieta, tal vez demasiado. Tanto que os nenos da clase de Aldara comezaron a preocuparse e de cando en vez achegábanse a súa barriguiña para preguntarlle se estaba alí.

-Estou oh, estou, respondía a semente, sen moverse ao longo de todo o día.

Aldara seguía triste, ata que unha mañá chegou correndo á escola, buscou a súa profe, abríu a man e díxolle:
-Profe mira: É saltarina, ao espertar estaba na cama ao meu lado.

P1090399

Aldara e a profe foron buscar aos nenos de primeiro, para contarlles que “saltarina” xa saira da barriguiña de Aldara, porque ao sentir que Aldara estaba triste ela tamén se sentíu mal e quixo axudarlle.

Alex e Antía estaban tan contentos que lle regalaron a “saltarina” unha amiguiña, outra semente.

Antía decidíu levar as dúas para a casa da súa avoíña porque disque ten un horto ben grande, que rega moi ben e que nel as cousas medran tanto que mesmo parecen xigantes.

Aldara fíxolle un aloumiño a semente, despois de tantos días xuntiñas tíñalle moito cariño, e Antía díxolle que cando fose grande podería ir visitala ao horto da súa avoíña sempre que quixera.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *