UN COMEDOR 6S

 UN COMEDOR SOSTIBLE

P1060297

O noso comedor escolar ten unhas funcións que exceden a estrita nutrición dos escolares, este servizo ten unha finalidade educativa, a través del pretendemos:

  1. Proporcionar unha alimentación de calidade adaptada ás necesidades e ás características dos escolares.
  2. Ensinar as pautas dunha dieta equilibrada.
  3. Educar aos cativos en hábitos de alimentación sans, solidarios e responsables.
  4. Educar en normas e en valores ( respecto, solidariedade, coidado da saúde, responsabilidade co medio ambiente…).
  5. Ensinarlles aos nenos a comer de maneira responsable co medio ambiente.

OBXECTIVOS DO COMEDOR 6S:IMG_0119

Pretendemos que o noso comedor sexa un recurso educativo:

SENSIBLE: Ao responder ás necesidades de cada cativo, partindo da súa situación e buscando solucións adaptadas á realidade  de cada neno:  dietas especiais, dificultades para inxerir algúns alimentos, hábitos adquiridos… Para elo contamos cun menú xeral e con varios menús específicos: sen glute, sen ovo, sen leite, e hipocalórico,  con varias actividades de reforzo que animarán aos nenos a que proben novos sabores, e cun equipo de colaboradores ilusionados e comprometidos con este proxecto.

SAUDABLE:  Proporcionándolles unha alimentación equilibrada, saudable e variada.

SOLIDARIO: Fomentando  comportamentos de axuda e de cooperación entre iguais.

SILENCIOSO: Intentando que aprendan a controlar o ton de voz, e a respectar o tempo no que hai  que estar en silencio, para comentar os logros de cada día e para  pasar lista e organizar a incorporación ás actividades.

SORRINTE:  Creando un ambiente agradable para todos.

SOSTIBLE:  Ensinándolle aos nosos nenos a comer de maneira responsable, saudable e respectuosa co medio ambiente.

Este ano centrarémonos na consecución do último obxectivo, un comedor sostible, ao considerarmos que os 5 obxectivos anteriores: saudable, solidario, silencioso, sorrinte e sensible, xa foron adquiridos ao longo de varios cursos, e  que os nenos os teñen interiorizados nun grado óptimo. Para elo seguiremos desenvolvendo as accións que xa puxemos en marcha ao longo dos cursos anteriores, combinándoas con outras que intentaremos desenvolver ao longo deste curso:

Fomentar e favorecer a incorporación de alimentos ecolóxicos, frescos, do entorno e de temporada.

Introducir  o consumo ecolóxico de alimentos progresivamente.

Promover  o consumo responsable: preparando  e servíndolle  aos cativos cantidades de comida equilibradas para evitar o despilfarro de recursos.

Reducir o consumo de panos.

Aproveitar a auga de lavar patacas, verduras, hortalizas …para regar as plantas do interior.

Empregar os restos do comedor para abonar o horto.

Aproveitar a comida que sobra para as familias, da nosa comunidade educativa, que teñan peor situación económica.

Consumir as verduras e as hortalizas que cultivamos no horto no comedor, tratadas unicamente con métodos ecolóxicos.

Comprar alimentos baseados en criterios de cercanía, buscando sempre ao provedor que estea máis cerca da escola.

RECURSOS:

Para fomentar os comportamentos idóneos dos nenos no comedor (comer de todo, probar o que non lles gusta, falar cun ton de voz axeitado, manter bos hábitos de orde e de hixiene,  establecer relacións positivas entre eles e cos adultos), empregaremos os seguintes recursos: Reforzo positivo: 

  • Puntos 6s (saudables, solidarios, silenciosos, sostibles e sorrintes).IMG_0123

Cada día entregarémoslle un punto aos nenos que cumpran todos os obxectivos, ou que melloraron en algo (probar un alimento que non lles gustaba, falar cun ton de voz baixo, cooperar cos máis cativos). Cando consigan  6 puntos terán un premio sostible e saudable.

  • Felicita que algo queda:

Aqueles nenos que acaden todos os obxectivos serán os protagonistas da semana. En cada zona os venres proporemos un neno para mandarlle unha felicitación a casa polo seu bo comportamento, e farémoslle unha foto, que colocaremos no taboleiro do “protagonista da semana”.

  • O rei/raíña da mesa:

Aos nenos de educación infantil colocarémoslle unha coroa e farémoslle unha foto a medida que vaian mellorando na consecución algún obxectivo.

  • Ao entrar abre a ilusión, ao saír pecha o orgullo:

A través desta actividade todos os días os nenos e os adultos poderán manifestar os motivos polos que se senten orgullosos de alguén.

  • Mascotas viaxeiras:

Os nenos que acaden algún obxectivo novo poderán levar as súas casas as mascotas viaxeiras cunha nota informativa para as familias.

Deja un comentario