UNHA OKUPA NO GALIÑEIRO

Do día 18 ao 22 de novembro  celebramos na nosa escola a 1ª Semana da Diversidade e da Igualdade. Cada día  fomos propondo unha actividade diferente  para que o noso alumnado aprendera a valorar e a respectar as diferenzas.

Hoxe queremos presentarvos o conto que elaboraron as alumnas e  os alumnos de 6º, e que é o primeiro da nosa sección  “contos no galiñeiro”. Durante o curso   iremos inventando máis, no taller de contos  que se desenvolverá   na zona na que viven os nosos parruliños, porque eles serán os protagonistas, os que nos axudarán a entender que ser diferente é positivo e divertido, e que precisamente son as diferenzas as que enriquecen a sociedade.

UNHA OKUPA NO GALIÑEIRO

Que pasará no galiñeiro? Preguntáronse Lorayne e Marta cando lle estaban colocando a comida aos parruliños, e escoitaron moito barullo.

 

A medida que se ían achegando os cativos  oíanse máis berros. Gaizka estaba un pouco asustado por aquel escándalo.

É Brais – dixo Ainara. Escoitade, escoitade é Brais. Efectivamente podía distinguirse perfectamente ao  pato Brais berrando moi enfadado:  porque es unha okupa e aquí non hai sitio, fóra, fóra tes que marchar.

Será mellor abrir a porta e ver que está pasando propuxo Gaizka.

Dani estaba moi intrigado, por iso  esperou a que saíran os parulliños,  para intentar resolver a liorta que había entre eles.

E de súpeto apareceu unha veciña nova ,  saíu de primeira dicíndolle ao pato Brais: Non me chamo okupa, xa cho dixen mil veces rapaz, o meu nome é Pita Cores. Vexo que es un pato teimudo, moi teimudo, e algo xordiño!

 

Cores espantosas , – dixeron as patas Pepita e  Branquiña, e engadiron : Tes que marchar de aquí porque en canto nazan os nosos fillos imos precisar a casa para eles, ademais ti “pita dálmata” poderías asustalos con esas cores tan rariñas.

Pois claro que tes que irte, berrou o pato Albino, esta é unha casa de patos, e ti non es un pato, fóra, fóra, voando que é xerundio.

Pita cores engadíu moi enfadada: Eu tamén vou ter fillos, pronto porei ovos, e tamén preciso unha casa para eles. A miña dona Pilar está enferma e non pode coidarme, por iso saín voando antes de que chegara o inverno para atopar un fogar. Aquí tendes moito espazo,  e moita comida, polo que pensei que sería un bo sitio para vivir.

Esta casa é grande dabondo para todos, e eu tamén teño dereito a unha vivenda. Porque os dereitos dos patos son os mesmos que os dereitos das galiñas, e as nosas necesidades tamén son as mesmas.

Pois pensaches mal- dixo Brais. Este é un bo sitio para vivirmos os patos, e ti non es un pato, es diferente a nós , asique aquí non podes quedar. Nós chegamos primeiro polo que ti tes que  marchar.

Plumiñas que estivera moi calado escoitando  aquela discusión,  decidíu saír para por un pouco de paz entre os seus compañeiros. Cando xa estaba fóra da casiña, dirixiuse a Brais  moi serio :

Pois eu penso que pode quedar  a vivir aquí. Pita Cores non é tan diferente, somos semellantes, todos temos un pico, 2 patas, plumas, e sobre todo fame e frío; e  se non atopamos unha casa e alguén que nos coide farase duro pasar o inverno.

Eu tamén son diferente, son o máis cativo, o meu pico non é amarelo, son patoso, estiven a punto de afogar na piscina, e son un pato mudo, pero preciso un fogar e unha familia.

Ademais esta noite cando tiña moito frío,  Pita Cores deixoume durmir acurrucadiño a ela, e non lle importou que eu non fora unha Pita, só tivo en conta  o que de verdade importa, que eu precisaba axuda.

Pero ti es cativo, e os cativos non opinan, berraron Albino e Brais, e aquí só poden vivir os patos.

E quen decidíu que aquí só podían  vivir os patos?, – quixo saber Pita Cores.

Decidímolo nós,-dixo en ton un pouco máis amable a pata Branquiña, que para iso fomos os primeiros en quedar a vivir aquí.

Daquela escoitouse a voz da árbore:

-Que sodes os que?? Os primeiros en que?? Será os primeiros en inventar normas inxustas. Levo escoitándovos un bo anaco, e enfádame canto dicides. Cando vós chegastes aquí as árbores levabamos moito tempo nesta zona, e decidimos compartila con vós. Os nenos tamén levaban aquí moitos anos, e ata vós fixeron unha casiña, e todos os días veñen traervos comida porque saben que o mundo é de todos, e esta zona tamén.

Que falen os xigantes boíños! – Iso, iso exclamou  Pita Cores, – vou buscar aos nenos, ou xigantes boíños, e que decidan eles se podo quedarme ou non, polas árbores vexo que non hai problema.

E chegaron os xigantes boíños dispostos a resolver aquela situación.

Os parruliños foron escoitalos……

Falou Matías, o portavoz dos xigantes …..

Ser diferentes é bo e divertido, -díxolles. E engadíu, nós fixemos a casiña para todos os que precisen un fogar, sexan parrulos ou pitas. Porque o que vós une é que todos precisades unha casa para o inverno para protexer os vosos ovos, e necesitades alimentos.Tendes en común moito máis do que vos diferenza, xuntos podedes axudarvos, e incluso darlle a esta zona máis beleza, a beleza das cores, a beleza da diversidade, a beleza do respecto.

Fala ben este rapaz, – dixo Brais, que o  estivera escoitando con moita atención.

Ten razón engadíu Pepita, levo un anaco dándolle voltas ao tema,  e pensei que se eu fora Pita Cores e non tivera onde poñer os meus ovos estaría morta de medo. O sitio abonda asique por min que se quede.

E por nós tamén!,- engadiron Brais, Albino, e Branquiña , que andaban co pico un pouco baixo, avergoñados polo seu comportamento.

Xenial, xenial berrou Xoel, que estivera ao lado da piscina esperando a decisión dos parruliños.

E saíu correndo para ir buscar aos seus compañeiros para celebrar que xa tiñamos un membro máis na familia. E celebramos a sabia decisión das árbores e dos nenos,  como se celebran as cousas boas en “pato relax”, cun extra de millo e outro de verzas.

E preparándolle unha caixiña con herba para os ovos de Pita Cores.

 

Comments are closed.