Archivo para febrero 18th, 2011

As sebes

viernes, febrero 18th, 2011

Defínese como: seto vivo de árbores e arbustos para o peche de fincas e herdanzas.

Dan lugar a unha paisaxe de campos pechados, que se estende ao longo de toda a fachada atlántica de Europa, mesturado ás veces coa paisaxe de openfield, propia das zonas máis húmidas no centro de Europa e as Illas Británicas.

A sebe en Arzúa

As parcelas de labor, en Galicia, son compactas, de pequeno tamaño, adaptadas a complexa topografía do solo e a auga. Os cultivos destacan pola súa variedade, nunha aparente desorde, rotando entre prados e barbeitos. O bosque desaparece como tal e pasa a quedar espallado en pequenas parcelas ou a ser trasplantado aos límites das mesmas formando as sebes. Termos como valado, cómaro ou comareiro forman parte desta paisaxe.

A súa orixe é dobre: unha protección dos cultivos contra o gando e un límite xurídico que demostra, reforzado pola sebe, a propiedade individual e a dispersión do hábitat. Tras moitos séculos de asociación coa actividade humana, forma parte dun ecosistema, que serve de refuxio a gran número de especies de aves, roedores, réptiles e outros animais que o utilizan como corredor verde.

A vexetación da sebe
O abano das árbores e arbustos que forman a sebe é moi amplo, formado por salgueiros, ameneiros, loureiros, espiños, vieiteiros, e madreselvas (moitas asociadas á auga) e outras especies que marcan as fincas: nogais, abelleiras, carballos, castiñeiros, acibros, …).
Nas zonas altas, na montaña, e tamén na beira do mar, chaman sebe aos cercados de pedra e ramas espiñentas que cerran unha propiedade ou a protexen do gando e o vento.

Xestión da sebe
Durante séculos estas árbores deron ramallos e leña, madeira para a casa ou para a venda, mantendo a sua configuración e a sua función. Na actualidade, a medida que se reduciu a atención á agricultura e á gandaría, o abandono comeza a degradar as sebes. A falta das rozas anuais e cortas periódicas, a sebe foi gañado espazo e frondosidade coméndose ao prado e ás leiras, cunha baixa no seu rendimento e un alto risco de queima. Os troncos das árbores vense colonizados polas hedras e caen co vento, desfacendo o ecosistema sen máis alternativa que as silvas e o caos.

– Di o vello refrán:
“Unha sebe tres anos dura,
un can tres sebes;
unha besta tres cans;
un home tres bestas”

Xanrozo (1792-1797). Papeletas dun dicionario galego.

¿Como anda a cousa pola vosa zona? Contádeo no blogue.

ojd