Archivo para mayo 4th, 2008

O NOSO COMPROMISO: COLEXIO SAGRADO CORAZÓN PRACERES

domingo, mayo 4th, 2008

No curso escolar 2001-2002 iniciamos o proxecto Voz Natura cunha grande ilusión. Sete anos máis tarde atopámonos moi ledos co desenvolvemento  desta experiencia, polo que representa de traballo directo na natureza e de convivencia e relación entre os alumnos.

O noso proxecto: “é o noso compromiso”, ten tres liñas de actuación.
O primeiro obxectivo é a limpeza da praia que se atopa a escasos metros do centro educativo. Faise dúas veces ó mes cos alumnos de 2º da  ESO Así conciéncianse da importancia do coidado do entorno, observan o tempo que precisan moitos materiais para  desaparecer e destruírse, e practican a recollida selectiva e a reutilización dos residuos.

O segundo obxectivo é o coidado da nosa horta. No ano 2001 delimitamos unha zona do xardín do centro sen utilidade,  e co espazo mal acotado comezamos o traballo. Reconstruímos os muros, eliminamos os desniveis do terreo e cubrimos o solo con terra xa que  era maioritariamente un chan areoso. Plantamos froiteiras e comezamos a cultivar. As actividades desenvolvidas son as propias da agricultura  e a xardinería: plantación de bulbos, hortalizas… coidado das froiteiras, montaxe e mantemento dun invernadoiro,  deseño e confección dun xardín de rocalla…
A horta é un espazo precioso de convivencia e traballo conxunto dos alumnos de EE, uns vinte en total, e os alumnos do 3º ciclo de EP que colaboran acudindo en grupos de seis.
Neste tempo o solo foise transformando e no curso 2006/2007 tivemos unha gran colleita de patacas, leitugas…As froiteiras están a dar unhas boísimas laranxas e xa temos  algunhas mandarinas.

O terceiro obxectivo do proxecto implica a tódolos alumnos e profesores do centro e consiste nunha batida de limpeza do patio do centro unha vez a semana. Así a limpeza e coidado do entorno máis próximo faise cousa de todos.
Agora podedes ler as nosas reportaxes no blog de Voz Natura que estamos a por en marcha.
Este proxecto é polo tanto “O noso compromiso” coa natureza, co entorno, cos compañeiros… e con nós mesmos. A todos os que xa participastes ou estades a participar ¡ MOITAS GRAZAS!

Cruz Tomé Cochón
Titora da aula 5 de EE

ojd