ASOCIACIÓN FONTAIÑA

A asociación Fontaíña ven desenvolvendo dende 2006 un programa de educación ambiental, dirixido a rapaces de oito a doce anos de idade, no que os participantes levan a cabo tarefas de voluntariado medioambiental, tanto a nivel de investigación como de actuación para mellorar o medio ou de concienciación. Dito proxecto, denominado Obradoiro da Natureza, é a segunda vez que conta co patrocinio do programa Voz Natura, neste curso escolar cun traballo denominado “Defendemos as Devesas do Sur e continuamos traballando a prol do Parque Litoral de Vigo”.

Tal e como indica o título do Obradoiro da Natureza, os rapaces participantes están a levar a cabo actividades relacionadas coa conservación dos bosques autóctonos e os ecosistemas litorais situados na bisbarra de Vigo.

As actividades deste segundo  Obradoiro da Natureza comezaron a súa andaina en setembro de 2007 e, ata o de agora, os nenos teñen realizado diversos talleres ecolóxicos relacionados coa defensa de carballeiras e soutos galegos como por exemplo unha visita guiada polos montes de Teis, un obradoiro de construción de caixas-niño que posteriormente foron colocadas no río Eifonso, unha limpeza de lixo na carballeira deste río ou participando nunha plantación, xunto coa Comunidade de Montes de Teis, no monte da Madroa, que foi repoboado con cincocentas bidueiras, avelairas e sobre todo carballos.  No que se refire a actividades relacionadas coa defensa de marismas, dunas e praias do litoral vigués os rapaces do Obradoiro da asociación Fontaíña realizaron un taller de sementado de especies de plantas litorais para o viveiro do proxecto Parque Litoral de Vigo.

No que resta de curso escolar os participantes van realizar actividades como un roteiro pola costa para coñecer e debuxar a súa flora e fauna, unha limpeza de lixo na foz do Lagares, un roteiro botánico polo Monte Aloia ou unha xornada para preparar a exposición que concursará, sen deixar, por suposto, de asistir á Festa Voz Natura do vindeiro sete de xuño.

O Obradoiro da Natureza está actualmente formado por un grupo de dez nenos que, co asesoramento e axuda de monitores, desenvolve regularmente diferentes actividades educativas e de defensa medioambiental, sempre fomentándose a colaboración en equipo, o traballo ben feito e a implicación das familias dos nenos participantes.  Tamén se debe sinalar que aínda hai prazas libres para aqueles nenos interesados en integrarse no Obradoiro da natureza da Asociación Fontaíña.

Para unha información máis detallada poden chamar ao tfno. 679457222 ou ao correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es